A Declaración dos dereitos da muller e da cidadá constitúe o primeiro documento que se refire á igualdade xurídica e legal das mulleres en relación aos homes. Foi escrito por Olympe de Gouges en 1791.
Orixes A evolución do concepto dos dereitos humanos foi acorde coas épocas e os acontecementos. En 1776 foi recollido por primeira vez na Declaración de Dereitos de Virxinia (EUA) e en 1789 na Declaración dos dereitos do home e do cidadán, froito da Revolución Francesa. En ningún destes documentos se consideraron as mulleres. De feito, como se di no prólogo da Declaración dos dereitos da muller e da cidadá :
Historia e difusión O texto foi escrito e asinado por Olympe de Gouges en 1791. O texto e a introdución estaban adicados á raíña María Antonieta. A estrutura da declaración calcaba a da Declaración dos dereitos do home e do cidadán de 1789. Nela reivindicaba a igualdade de dereitos entre homes e mulleres xa que non fora recollida no texto aprobado pola Asemblea Nacional.
A dedicatoria á raíña faise por medio do texto en forma de carta que precede á propia declaración, titulado " À la reine". Nel ráchanse os formalismos habituais, optando Olympe de Gouges por un estilo marcadamente directo. A autora solicita o apoio da raíña para a causa da igualdade entre homes e mulleres, para que deste xeito esta empresa poida gañar en importancia e acelerarse os seus resultados.
A declaración tivo pouca difusión na súa época, a diferenza de Vindicación dos dereitos da muller escrita e publicada en 1792 por Mary Wollstonecraft. Caeu un pouco no esquecemento, xa que só se editaron algunhas partes do texto en 1840 e houbo que agardar a 1986 para acceder o texto completo, na edición de Benoîte Groult.
A Declaración dos dereitos da muller e a cidadá, tachada de mera copia adaptada ao tema das mulleres, constitúe por si mesma unha alegación brillante e radical en favor das reivindicacións femininas e unha proclama auténtica da universalización dos dereitos humanos.
Olympe denunciaba que a revolución esquecía as mulleres no seu proxecto de igualdade e liberdade. Defendía que: "a muller nace libre e debe permanecer igual ao home en dereitos" e que "a Lei debe ser a expresión da vontade xeral; tódalas Cidadás e os Cidadáns deben contribuír, persoalmente ou por medio dos seus representantes, á súa formación".
Así mesmo, Olympe de Gouges reclamaba un trato igualitario cara ás mulleres en tódolos ámbitos da vida tanto públicos como privados: dereito ao voto e á propiedade privada, poder participar na educación e no exército, e exercer cargos públicos, chegando incluso a pedir a igualdade de poder na familia e na Igrexa.
Porén, parece que Olympe de Gouges non cría que mulleres e os homes fosen iguais. Ao contrario que a maioría das teóricas da igualdade, pensaba que había dúas naturezas distintas para homes e para mulleres, e que a das mulleres era superior. Esa convicción das dúas naturezas é palpable no texto que precede a declaración.
Porén, a formulación feminista non era compartida polos homes que dirixían a revolución, incluso entre os máis radicais deles. Foi tachada de traidora á revolución por opoñerse á pena de morte contra o rei Lois XVI e a súa familia, converténdose nun obxectivo do terror xacobino ao manifestarse contra Robespierre e Marat e a represión xacobina. Foi guillotinada en 1793.
Notas
Véxase tamén Bibliografía GUÉRIN, D. La lucha de clases en el apogeo de la Revolución Francesa, 1793-1795. Madrid, 1974, Alianza Editorial
Outros artigos Declaración dos dereitos do home e do cidadán Dereitos Humanos Olympe de Gouges Revolución Francesa
Ligazóns externas
Declaración dos dereitos da muller e da cidadá (en castelán)
Categoría:Tratados sobre dereitos humanos Categoría:dereitos da muller Categoría:1791