miniatura|300px|"Santo Enterro", Valladolid. Jean de Joigny, ás veces castelanizado como Juan de Juni, nado en Joigny no ano 1506 e finado en Valladolid no 1577, foi un escultor borgoñón que realizou o máis importante do seu traballo en España ao longo do século XVI. É considerado como un dos mellores representantes do maneirismo en España.
Traxectoria Probablemente perfeccionouse en Italia, aínda que puido recibir influencias da escultura dese país a través de artistas italianos ambulantes. Arredor de 1533 aparece en Castela, onde traballaría o resto da súa vida, inicialmente en León, onde se documenta o seu traballo por vez primeira; logo en Medina de Rioseco, e en 1540 en Salamanca, e posteriormente en Valladolid, onde fixaría o seu domicilio. Nesa cidade falecería no ano 1577 .
Juni non só traballou a escultura exenta, senón que ergueu tamén magníficos retablos, dos que mesmo fixo as trazas, e dos que se conservan consumados exemplos, como o da catedral de El Burgo de Osma (1550) ou da igrexa de Santa María la Antigua, en Valladolid (1545).
Con Alonso Berruguete debe considerarse como o fundador da "Escola escultórica de Valladolid", que se estende ó longo do século XVI con estes e outros escultores, para prolongarse no século XVII, sobre todo con Gregorio Fernández, e atinxir aínda o século XVIII con Luis Salvador Carmona.
Estilo O seu estilo mantén o patetismo expresivo propio da arte borgoñoa, talvez herdado do gran Claus Sluter, ao que se suma a influencia de Miguelánxelo, pois o retorcemento angustioso das figuras de Juni emparéntase coa terribilitá do italiano. Autor de figuras de gran tamaño, traballou principalmente a madeira, pero ás veces tamén se achegou ao mármore. O seu traballo lento, no dicir dos contemporáneos, revela, porén, unha árdua planificación do traballo.
Discípulos O seu fillo, Isaac de Juni, foi un dos seus discípulos directos, e tamén o francés Juan de Angés. Aínda que ambos traballaron na Galiza, é sobre todo a través do último, e do seu fillo Juan de Angés o Novo, como o estilo de Juni se espallou polo Noroeste peninsular.
Obras Descendemento (ca. 1533 – 1538), convento de San Marcos, León. Enterro de Cristo (1540), Museo Nacional de Escultura, Valladolid. Virxe co Neno Xesús e San Xoán (ca. 1555), igrexa de Santa Mariña, León. Retablo do Enterro de Cristo (1571), Catedral de Segovia. San Xoán Bautista, Museo Nacional de Escultura, Valladolid. María Magdalena, Museo Nacional de Escultura, Valladolid. Santa Ana, busto, Museo Nacional de Escultura, Valladolid. Virxe dos Coitelos (Dolorosa), igrexa das Angustias, Valladolid. Piedade, Medina del Campo. San Segundo orante, Ávila, en mármore. Santa Ana e San Xoán Bautista, hoxe no transcoro da catedral de Salamanca, procedentes do claustro. Calvario, no monumento funerario do bispo zamorano Antonio del Águila; convento de San Francisco, Ciudad Rodrigo, Salamanca, hoxe no pazo dos Águila da mesma cidade. Virxe da Esperanza (entre 1560 e 1577), igrexa de Santiago, Allariz, Ourense. Inmaculada, Museo Arqueolóxico Provincial, Ourense.
Véxase tamén Bibliografía Museo Nacional Colegio de San Gregorio. Colección, Madrid, Ministerio de Cultura, 2009. (Ed. bilingüe: Saint Gregory's College National Museum), ISBN 978-84-8181-422-4 Santiago Alcolea Gil, Historia Universal del Arte, vol. VI, Barcelona, Planeta, 1988, ISBN 84-320-8906-0 Bartolomé Bennassar, Valladolid en el siglo de oro, Valladolid, Ámbito, 1989 ISBN 978-84-86770-15-0 Manuel Gómez Moreno, La Gran época de la Escultura Española, Barcelona, Noguer, 1964 Juan José Martín González, Juan de Juni. Vida y obra, Madrid, Patronato Nacional de Museos, 1974 ISBN 84-369-0335-8 José Martí y Monsó, Estudios histórico-artísticos relativos principalmente a Valladolid. Basados en la investigación de diversos archivos, Valladolid, Ámbito, 1992, ISBN 84-86770-74-2. Facsímile da primera edición 1892-1901. Federico Pablo Verrié, Mil Joyas del Arte Español: Edad moderna y contemporánea, Barcelona, Instituto Gallach, 1948.
Ligazóns externas
Biografía e estilo
Categoría:Escultores de Francia Categoría:Maneirismo Categoría:Nados en 1506 Categoría:Finados en 1577 Categoría:Escultores do Renacemento Categoría:Nados no departamento de Yonne Categoría:Españois de ascendencia francesa Categoría:Escultores do século XVI