miniatura|Cosplay de Ichigo Kurosaki. Ichigo Kurosaki (黒崎 一護, Kurosaki Ichigo) é o protagonista do manga e anime Bleach.
Historia Todo comeza cando recibe poderes de shinigami de mans de Rukia Kuchiki, unha auténtica shinigami. Ata que Rukia recupere todos os seus poderes, Ichigo debe facer ás veces de shinigami substituto, combatendo os Hollows e levando as almas á Sociedade de Almas.
Ao comezo da serie, dise que Ichigo é un adolescente de quince anos, que vive nun distrito ficticio de Tokyo chamado Cidade Karakura. A maior peculiaridade visible á primeira ollada del é a cor alaranxada do seu pelo, que provocou as burlas e os malos tratos por parte doutros nenos durante a súa infancia. Debido a isto e ás súas circunstancias familiares, Ichigo converteuse nunha persoa arisca e que moi raramente se lle ve sorrir ou sen as cellas engurradas. No entanto, isto non quita que sexa unha persoa realmente interesada polo benestar dos seus amigos e que teña unha valentía digna dun heroe de lenda.
Familia Ichigo estuda na escola secundaria de Cidade Karakura, e vive co seu pai, Isshin Kurosaki e as súas dúas irmás máis novas, Karin e Yuzu. Poderíase pensar na familia Kurosaki como unha familia normal de non ser polos altos niveis de poder espiritual que teñen todos os seus membros: tanto é así que desde a súa infancia, tanto Ichigo como Karin son capaces de albiscaren as almas dos falecidos, os shinigamis e os hollows. Este feito tan infrecuente é o causante da trama, xa que de non poder ver todo isto, Ichigo xamais sería quen de axudar a Rukia Kuchiki.
Con todo, o alto poder espiritual (reiatsu) de Ichigo tamén foi unha das causas do seu especial carácter, pois cando só tiña 9 anos tivo que presenciar a morte da súa nai, Masaki a mans dun hollow de terribles poderes coñecido como Grand Fisher. O sentimento de culpabilidade pola morte da súa nai defendéndoo acompaña a Ichigo durante moitos anos e volverao unha persoa pechada e pouco afectuosa.
Amizades Aínda que Ichigo non deu pé nunca a ter grandes amigos, na súa clase si adoita haber ao redor seu varias persoas que se preocupan por el e considérano un bo amigo. De todas elas, é Tatsuki Arisawa coa que parece levarse mellor, xa que se coñecían desde nenos e, como se sinala en numerosas ocasións, Tatsuki fora varias veces á casa dos Kurosaki, algo realmente excepcional. Aínda que durante a maior parte da serie se din poucas palabras, é facilmente perceptible certo grao de complicidade e de coñecemento mutuo.
Por outra banda, as persoas coas que mellor parece levarse Ichigo en clase son tres mozos: o celoso Keigo Asano, o discreto Mizuiro Kojima e, sobre todo, Yasutora Sado, alcumado Chad. Este último, aínda máis retraído e silencioso que Ichigo, axudouno a defenderse das persoas que se metían con el, e entre eles hai unha firme e leal amizade que arrastrará ao un ás aventuras do outro.
Tamén existen outras persoas da contorna de Ichigo que acabarán xogando un papel determinante na súa vida como shinigami substituto. Unha delas é Orihime Inoue, a mellor amiga de Tatsuki, e que parece ser que está namorada de Ichigo. Orihime é unha persoa moi afectuosa e alegre, que adoita estar sempre de bo humor e que, como Ichigo, se preocupa moito máis polos seus amigos que por si mesma. Doutra banda, Uryuu Ishida, a persoa con mellores notas do colexio -Inoue, para sorpresa de moitos, é a terceira-, non ten ningún contacto especial con Ichigo ou o seu círculo ata que comeza a trama de Bleach, e a súa personalidade fría e distante adóitalle facer chocar co propio Ichigo.
Sinopse Shinigami Substituto A ata entón tranquila vida de Ichigo e de todo a súa contorna experimenta un xiro no momento en que a shinigami Rukia Kuchiki aparece na casa dos Kurosaki para acabar cun hollow que ía atacar a familia. Debido a que Ichigo interfire no seu traballo normal, Rukia acaba sendo ferida e non ten máis remedio que ceder os seus poderes a Ichigo, absorbendo este entón un reiatsu tan enorme e impensable que Rukia queda completamente debilitada. O incontrolado e inmenso poder espiritual de Ichigo non só se traduce na súa habilidade como shinigami, senón que afecta a outras persoas da súa contorna provocando que estes mesmos acaben por desenvolver poderes especiais e un reiatsu moi especial.
Ao día seguinte, en clase, Ichigo lévase a sorpresa de ver a Rukia cun corpo humano e simulando que é unha estudante de intercambio. A shinigami revela que está usando un gigai (un corpo substituto, que lle serve para recobrar os seus p0oderes e de paso poder desenvolverse mellor polo mundo dos humanos), e advirte a Ichigo que ata que se recupere el deberá de substituíla cazando a hollows e enviando as almas á Sociedade de Almas.
As primeiras aventuras de Ichigo e Rukia, unidas á aprendizaxe do traballo de shinigami de Ichigo comprenden a primeira tempada da serie. Nela a persecución de hollows fará que se entrecrucen os camiños de Ichigo cos dos seus compañeiros Chad e Orihime, e que estes adquiran tamén poderes, moi diferentes aos dun shinigami ou outra criatura. Tamén aparecerá en escena o Gran Pescador, o poderoso hollow que matou a nai de Ichigo, así como a estraña tenda de Urahara.
Este enigmático home prové de todo tipo de obxectos a Rukia para facilitar o oficio de shinigami, e entre algunhas das súas vendas cómpre destacar unha alma modificada que en máis dunha ocasión ocupa o corpo de Ichigo mentres este o abandona para traballar como shinigami. Esta alma modificada, chamada por Ichigo Kon, está dotada dunha grande axilidade, e adoita perseguir a todas as mozas cun talle grande de suxeitador. Porén, Kon pásase a maior parte do tempo amolado ocupando un peluche en forma de león.
Ichigo vese en especiais problemas ao descubrir que o seu compañeiro de clase Uryuu Ishida é un quincy, unha raza humana en vías de extinción que está enfrontada aos shinigamis pero que loita tamén contra os hollows. Aceptando un desafío de Ishida, Ichigo participa nunha estraña competición para aniquilar o maior número de hollows posible, ata que aparece un Menos Grande, unha variedade enorme e dun poder que supera os dun shinigami normal. A vitoria final sobre ese monstro, unida á permanencia de Rukia escondida no mundo dos humanos -leva meses vivindo no armario de Ichigo, e estrañamanete non pode recuperar os seus poderes- acaba por chamar a atención da Sociedade de Almas, inaugurando a tempada máis soada da serie.
A Sociedade de Almas Por fin, unha noite sucede o que Rukia tanto temía. A Sociedade de Almas manda uns shinigamis a arrestala por permanecer tanto tempo no tempo real e por ceder os seus poderes a un mortal, algo severamente castigado. A súa sorpresa será enorme ao ver que os enviados son dous dos guerreiros máis poderosos e ademais vellos coñecidos seus: o seu irmán Byakuya Kuchiki, o capitán do Sexta Escuadrón, e o seu tenente, Renji Abarai (un grande amigo de Rukia desde a infancia). Cando se dispón a marchar con eles, aparece Ichigo e enfróntase a Renji. Cando todo parecía a favor de Renji, Ichigo consegue poñelo en apertos, provocando a intervención de Byakuya, sendo claramente derrotado. Antes de marchar, o frío Byakuya quita os poderes a Ichigo e este, desesperado e case moribundo, non pode facer máis que ver como Rukia se afasta mentres lle pide, entre bágoas, que se esqueza dela.
Desesperado por rescatar a Rukia, Ichigo pide axuda a Urahara, e este sométeo a un durísimo adestramento para recuperar os seus poderes e poder liberar o seu Zanpakutō -espada de shinigami-. Durante este proceso Ichigo viaxa ao profundo da súa alma para atoparse coa súa zanpakuto, está a piques de converterse en hollow, e este perigo parece non abandonarlle xa nunca máis. Seguidamente, Ichigo marcha á Sociedade de Almas, acompañado polos seus amigos Chad, Orihime e Ishida, así como un gato negro que fala, Yoruichi, o mellor amigo de Urahara que se ofrece como o seu guía.
O rescate de Rukia é case unha misión suicida. Na Sociedade de Almas non só habitan miles de shinigamis, senón que entre eles están os trece Capitáns de Escuadrón, temibles e implacables combatentes que impedirán custe o que custe que Ichigo e os seus compañeiros rompan os seus tradicionais costumes. Ademais, un interese escuro parece adiviñarse en todo o relacionado con Rukia, xa que é condenada a matar e a data da súa execución está sendo constantemente adiantada. Este feito tamén comeza a espertar sospeitas dentro dos propios Escuadróns, e amigos de Rukia como Renji comezan a dubidar.
A entrada no Seiritei (a cidade dos shinigamis) anúnciase difícil, e de non ser por unha amiga de Yoruichi, Kuukaku Shiba -quen ademais mándalles ao seu irmán máis novo, Ganju Shiba para axudarlles- o rescate de Rukia sería imposible. Ao ser disparado o equipo polo canón de Kuukaku, acaban por ser divididos, e xa non volverán reencontrarse ata o final da aventura: por unha banda cae Chad, por outro Ishida e Orihime, por outro Yoruichi e por un último Ichigo e Ganju. A partir de entón, os combates non deixan de sucederse.
Ichigo e Ganju aterran nas dependencias do Undécimo Escuadrón, o máis violento de todos, e o noso protagonista enfróntase ao terceiro oficial Ikkaku Madarame, nunha pelexa moi rifada. Ao acabar vitorioso Ichigo, esperta o interese do capitán daquel escuadrón Kenpachi Zaraki, unha auténtica besta cobizosa de sangue e dun bo combate. O esperado combate tarda en chegar e acaba sendo devastador. En todo aquel tempo Ichigo incrementou de forma exponencial a súa forza, pero segue sendo demasiado pouco para derrotar o Capitán Zaraki. Cando se descobre que Zaraki non coñece o nome da súa Zanpakutō e non é quen de liberar o bankai desta; Ichigo, tras unha conversa con Zangetsu, obtén a forza e a confianza necesarias para plantarlle cara ao capitán, tendo como resultado unha moi intensa loita que remata con ambos os combatentes desmaiados sobre o chan.
Ichigo é rescatado entón por Yoruichi, quen revela a súa auténtica forma (dun xeito moi divertido), a dunha bela muller de pel morena e trazos felinos, a Ex Capitá do Segundo Escuadrón -o corpo de operación especiais e sixilo- marchada ao exilio moito tempo atrás xunto a Kisuke Urahara, o Ex Capitán do Duodécimo Escuadrón. Yoruichi encárgase de adestrar a Ichigo para desenvolver a forma máxima do poder de shinigami, o bankai, ou segunda liberación da Zanpakutō, algo só aberto a persoas de gran poder e que sufran un adestramento durísimo como os capitáns. Con todo, Ichigo finalmente debe dominar o bankai en só dous días, xa que a execución de Rukia volve ser adiantada.
No último momento posible, Ichigo consegue salvar a Rukia da morte, axudado por Yoruichi e por dous capitáns máis de escuadrón que comezaron a albergar as súas dúbidas verbo daquela trama tan escura, os poderosísimos capitáns Kyoraku e Ukitake. Mentres todos entran en diferentes e complicados combates, Ichigo despacha nun momento a tres tenentes e enfróntase ao seu inimigo particular, o propio irmán de Rukia, o Capitán Kuchiki. Este parece demostrar un profundo desprezo pola súa irmá e unha cega fe na xustiza e nas normas, das que se considera executor. Así, o combate máis intenso de todo o ataque da Sociedade de Almas prodúcese entre ambos os personaxes, os dous polos opostos, e ambos os dous acaban por revelar os seus respectivos bankai.