miniatura|Último retrato de Alexander von Humboldt, de Julius Schrader (1859). Ao fondo o Chimborazo Friedrich Wilhelm Heinrich Alexander Freiherr von Humboldt (, máis coñecido como Alexander von Humboldt, nado o 14 de setembro de 1769 en Berlín e finado o 6 de maio de 1859 na mesma cidade, foi un naturalista e explorador alemán, e o irmán máis novo do ministro e lingüista prusiano Wilhelm von Humboldt.

Alexander von Humboldt foi un intelectual e naturalista dunha polivalencia tal que, desde a súa morte, nunca máis se observou, e visto como a ciencia se desenvolveu e especializou, dificilmente se verá nunca máis. Desenvolveu (e especializouse en) diversas áreas: foi etnógrafo, antropólogo, físico, xeógrafo, xeólogo, mineraloxista, botánico, vulcanólogo e humanista, e sentou as bases de moi diferentes ciencias como a Xeografía, Xeoloxía, Climatoloxía e Oceanografía. A pesar de investigar temas diversos nos seus mínimos detalles, sempre o fixo cunha visión xeral e imparcial.

Traxectoria Con catorce anos de idade, estableceuse en Berlín para continuar os seus estudos, e máis tarde frecuentou as universidades de Frankfurt do Oder e Göttingen, onde cursou estudos de Filosofía, Historia e Ciencias Naturais.

En 1789, con apenas vinte anos de idade, fixo a súa primeira viaxe de carácter científico, pasando polos Países Baixos, Alemaña e Inglaterra, e principalmente ao longo das marxes do río Rin. O resultado de toda esa exploración científica recolleuna nunha obra titulada Mineralogische Beobachtungen über einige Basalte am Rhein.

A súa viaxe exploratoria por América Central e América do Sur (1799-1804) e pola Asia Central (1829) tornárao mundialmente coñecido xa antes da súa morte. A súa principal obra é Kosmos, unha condensación do coñecemento científico da súa época. O seu Ansichten der Natur tamén foi bastante popular.

A súa correspondencia con colegas científicos componse de 35 000 cartas, das cales aproximadamente 12 500 están arquivadas.

Alén das ciencias naturais, foi tamén un influente mecenas da literatura. Humboldt apoiou os poetas e escritores Heinrich Heine, Ludwig Tieck e Klaus Groth. Entre os seus amigos e coñecidos estaban Matthias Claudius, Carl Friedrich Gauss, Jacob e Wilhelm Grimm, August Wilhelm von Schlegel, así como Johann Wolfgang von Goethe e Friedrich Schiller.

Breve descrición das viaxes de Humboldt

Entre 1799 e 1804, von Humboldt viaxou por América do Sur, explorándoa e describíndoa por primeira vez desde un punto de vista científico. Nos cinco volumes da súa obra Kosmos, tentou elaborar unha descrición física do mundo. Humboldt apoiou e colaborou con outros científicos, como Justus von Liebig ou Louis Agassiz.

Vida e viaxes de Humboldt Xuventude e educación dereita|miniatura|Alexander von Humboldt, pintura de Friedrich Georg Weitsch, 1806

Con nove anos de idade, após a morte de seu pai, Alexander e o seu irmán Wilhelm, dous anos máis vello, foron criados pola nai, María Elizabeth von Colomb, no castelo de Tegel, nos arredores de Berlín.

O segundo titor dos Humboldt, Gottlob Christian Kunth, tivo un papel importante na vida de Alexander. Transmitiu aos irmáns Humboldt sólidas bases de Historia, Matemática e linguas. Alexander demostra grande interese pola Historia natural.

Mentres que Wilhelm ten unha robusta constitución, gran facilidade de aprendizaxe e oriéntase á alta función pública, Alexander aprende con dificultade, orientándose para unha formación en Economía, que estuda durante seis meses na universidade de Frankfurt do Oder. Un ano máis tarde, o 25 de abril de 1789, matricúlase na universidade de Göttingen.

En Göttingen asiste a clases de Física e Química con G. C. Lichtenberg, C. G. Heyne e J. C. Blumenbach. En 1789 fixo unha demostración das súas proezas posteriores nunha excursión científica na que subiu o río Rin e que orixinou o estudo Mineralogische Beobachtungen über einige Basalte an Rhein (Brunswick, 1790) (Observacións mineralóxicas sobre algúns basaltos do Rin).

Alexander von Humboldt aínda estudou Comercio e linguas estranxeiras en Hamburgo, Xeoloxía en Freiberg con A. G. Werner, Anatomía en Jena con J. C. Loder, Astronomía e o uso de instrumentos científicos con F. X. von Zach e J. G. Köhler. As súas pescudas sobre a vexetación das minas de Freiberg recolleunas na publicación, en 1793, do seu Florae Fribergensis Specimen; e os resultados dunha prolongada serie de experiencias sobre o fenómeno da irritabilidade muscular, entón acabada de descubrir por Galvani, foron condensados no seu Versuche über die gereizte Muskel- und Nervenfaser (Berlín, 1797), enriquecido na tradución francesa con notas de Blumenbach.

Viaxes e traballos en Europa En 1794, foi admitido na famosa sociedade de Weimar, e desde xuño de 1795 contribuíu á posta en marcha do novo periódico de Schiller, Die Horen, cunha alegoría filosófica intitulada Die Lebenskraft, oder der rhodische Genius. No verán de 1790 fixo unha visita rápida a Inglaterra en compañía de Forster. En 1792 e 1797, estivo en Viena; en 1795, realizou unha viaxe de carácter xeolóxico e botánico a Suíza e a Italia. Durante este tempo, obtivo un posto público como asesor de Minas en Berlín, o 29 de febreiro de 1792.

Ante a ignorancia dos mineiros, que non sabían distinguir un mineral dunha rocha sen valor, Humboldt abriu unha escola de formación de mineiros, que financiou cos seus propios cartos. Incluso recusará o diñeiro que o Ministro von Heinitz lle enviara para reembolsar os seus gastos. Humboldt realiza tamén estudos para mellorar a seguridade das minas.

A pesar de considerar o servizo público como unha vía de aprendizaxe ao servizo da ciencia, cumpriu as súas tarefas con tanta habilidade e celo que non só foi promovido a postos superiores no seu departamento, senón que tamén lle foron encargadas diversas misións diplomáticas importantes.

En 1795, von Heinitz propuxo a Humboldt o cobizado posto de Director de Minas da Silesia, no sueste de Prusia. Humboldt recusa a proposta e abandona o servizo público.

A morte da súa nai, o 19 de novembro de 1796, déixalle maior liberdade de movementos e agarda unha oportunidade de pór en práctica os seus plans de viaxe.

A expedición pola América Latina

miniatura|Chiranthodendron pentadactylon, ilustración realizada por Alexander von Humboldt. miniatura|Alexander von Humboldt e Aimé Bonpland ao pé do volcán do Chimborazo nun cadro de Friedrich Georg Weitsch (1810)

O almirante Louis Antoine de Bougainville, célebre navegante e explorador, propuxo a Humboldt participar nunha expedición por América do Sur, México e California, atravesando o Pacífico, e despois ao polo Sur. Bougainville será substituído por Baudin, pero unha guerra con Austria leva o Directorio a anular a expedición.

O botánico Aimé Bonpland debería, como Humboldt, participar na expedición de Baudin. Inician unha boa amizade e deciden unirse á expedición científica que segue as tropas de Napoleón no Exipto. O barco que debían tomar xamais partiu de Marsella, onde foran para esperalo. Deciden, entón, ir a España para embarcar nun navío para Esmirna. Durante as seis semanas de viaxe, Humboldt realiza meticulosas medidas xeográficas.

Ao verse truncada a posibilidade da exploración de África, Humboldt decide realizar unha viaxe de exploración a América do Sur. É presentado ao rei e á raíña de España, dos que obtén un pasaporte co selo real, que lles garante a asistencia das autoridades que atopasen. Bonpland tórnase oficialmente secretario de Humboldt. Os dous foron os primeiros en efectuar unha exploración científica ao continente digna deste nome. A ambición de Humboldt durante esa viaxe ás Américas era a de descubrir a interacción das forzas da Natureza e as influencias que o ambiente xeográfico exerce sobre a vida vexetal e animal. Con esas poderosas recomendacións, embarcan no Pizarro na Coruña o 5 de xuño de 1799.

Durante a navegación, Humboldt efectúa medidas astronómicas, meteorolóxicas, de magnetismo, de temperatura e da composición química do mar.

Fan unha escala de seis días en Tenerife, e alí realizaron a ascensión do Pico. Chegan a Cumaná o 16 de xullo e, na noite do 11 ao 12 de novembro, Humboldt observa unha extraordinaria chuvia de meteoros (as Leónidas), que constitúe o punto inicial da nosa percepción da periodicidade do fenómeno. Despois diso, segue viaxe con Bonpland cara a Caracas. En América, séntese indignado pola maneira con que se venden e se avalían os escravos, mesmo nas posesións españolas, onde son mellor tratados.

En febreiro de 1800 deixa a costa coa intención de explorar o curso do río Orinoco. Esa viaxe, que durou catro meses e cubriu máis de 2 750 km dunha terra inhabitada, salvaxe e inhóspita, tivo como resultado o descubrimento da existencia dunha comunicación entre os sistemas hidrográficos do Orinoco e do río Amazonas, (o Ccnal do Casiquiare, que liga o Orinoco ao Amazonas), e a determinación exacta do seu punto de bifurcación. Humboldt e Bonpland non foron os primeiros europeos en tomar esa ruta, mais o rigor dos seus datos e das descricións que realizaron fan que non existan máis dúbidas sobre a existencia dunha pasaxe navegábel entre os dous ríos.

Durante a viaxe tamén recolleron diversos espécimes de animais e plantas descoñecidos, e Humboldt anotou meticulosamente a temperatura do río, do solo e do ar, así como a presión atmosférica, a inclinación magnética, a lonxitude e a latitude. En Colobozo, algunhas anguías eléctricas foran capturadas por Humboldt e Bonpland o 19 de marzo de 1800, e os investigadores recibiron violentas descargas eléctricas durante as súas investigacións.

O 24 de novembro os dous amigos parten para Cuba, e despois dunha estadía dalgúns meses retornan a Cartaxena.

Humboldt descobre que Baudin deixou Francia e que se dirixe a Lima, no Perú. Para evitar a ausencia dos alisios, Humboldt e Bonpland deciden continuar por vía terrestre ao longo dos Andes, pasando doce meses en altitude a través dos volcáns. Aínda que teñen os pés en sangue rexeitan facer como a aristocracia local: seren transportados en cadeiras fixas nas costas de indios.

Subindo o curso do río Magdalena, e atravesando os picos xeados dos Andes, chegan a Quito despois dun día difícil o 6 de xaneiro de 1802. Durante esa estadía, escalaron o Pichincha e o Chimborazo, e terminaron nunha expedición ás fontes do Amazonas, camiño de Lima, onde chegan o 22 de outubro de 1802.

Humboldt gaña un renome mundial ao escalar o Chimborazo, pico considerado na época como o máis alto do mundo.

En Callao, observa o tránsito de Mercurio o 9 de novembro, e estuda as propiedades fertilizantes do guano, cuxa introdución en Europa moito se debeu ás súas obras. Unha viaxe difícil, no medio dunha tempestade, levounos a México, onde residirán durante un ano.

Humboldt e os seus compañeiros pasaron o ano de 1803 percorrendo México. Humboldt escribirá o seu Political essay on the kingdom of New Spain, o primeiro ensaio xeográfico rexional, no cal relata sumariamente as súas viaxes. En México, estuda o calendario azteca.

Embarca enseguida para A Habana, a fin de recuperar as súas coleccións alí depositadas había máis de tres anos.

Pasaxe polos Estados Unidos miniatura|Pico Humboldt en Colorado - Estados Unidos Estimando o seu deber saudar o presidente Thomas Jefferson, prolonga a súa viaxe e diríxese a Filadelfia, até hai pouco capital do país. Humboldt é acollido pola Sociedade Americana de Filosofía, creada seguindo o modelo da Royal Society de Londres e pasa a maior parte do seu tempo cos membros da sociedade. Bonpland e Montufar, ao non falaren inglés, xogan un papel de figurantes. Humboldt encontra a Jefferson, con que discute sobre historia natural, costumes diferentes de acordo co país e as maneiras de mellorar o nivel de vida. Os dous homes entendéndose tan ben que Jefferson convida a Humboldt a morar na casa del.

Embarcaron para Europa na embocadura do río Delaware, chegando a Bordeos o 3 de agosto de 1804.