miniatura|300px|dereita|Carlos I de Inglaterra, retratado por Anton van Dyck. Carlos I de Inglaterra, en inglés Charles I of England, nado no Palacio de Dunfermline (Escocia) o 19 de novembro de 1600 e finado no Palacio de Whitehall, Londres, o 30 de xaneiro de 1649, foi Rei de Inglaterra, Escocia, e Irlanda, desde o 27 de marzo de 1625 ata a súa execución en 1649.

Biografía Primeiros anos Carlos Estuardo naceu no palacio de Dunfermline, o 19 de novembro de 1600, sendo o segundo fillo home dos 9 que tivo Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra, e de Ana de Dinamarca. Foi un neno pouco desenvolvido (noméase no Libro Guinness dos Récords como o rei máis baixo de Inglaterra), que aínda non podía camiñar ou falar á idade de 3 anos. Cando Isabel I morreu en 1603 e Xacobe VI foi proclamado rei de Inglaterra como Xacobe I, deixaron a Carlos en Escocia baixo o coidado de enfermeiras e criados porque se temía que a viaxe danase a súa fráxil saúde. Finalmente, fixo a viaxe a Inglaterra en xullo de 1604 e foi colocado posteriormente baixo o cargo de Lady Carey, que lle ensinou a camiñar e falar. Ao chegar a adulto non medía máis que 1 m e 62 cm.

Carlos non estaba tan ben visto como o seu irmán máis vello, Henrique Frederico, príncipe de Gales. Carlos mesmo adoraba ao seu irmán e intentaba emulalo. En 1605, como era entón afeito no caso do segundo fillo do soberano inglés, Carlos foi nomeado duque de York en Inglaterra. Dous anos antes, en 1603, fora nomeado duque de Albany en Escocia. miniatura|220 px|George Villiers, I duque de Buckingham, valido de Carlos I, retratado por Peter Paul Rubens (c. 1625).

Cando Henrique morreu de tifo en 1612, Carlos converteuse no herdeiro do trono e foi nomeado duque de Cornualla, pero non foi nomeado príncipe de Gales e conde de Chester, os títulos habituais do herdeiro ao trono inglés, ata novembro de 1616. A súa irmá Isabel casou en 1613 con Federico V, elector palatino, o que deixaba a Carlos virtualmente como único fillo.

O novo príncipe de Gales viuse notablemente influenciado polo favorito do seu pai, George Villiers, I duque de Buckingham, o cal levouno a unha expedición a España en 1623 para buscar unha alianza con este país mediante un eventual matrimonio coa filla máis nova do rei español Filipe III, a infanta María Ana. O enlace nunca se celebrou, con todo, debido a que a coroa española esixiu a conversión do príncipe de Gales ao Catolicismo. Á súa volta a Inglaterra en outubro, tanto Carlos como Buckingham esixiron ao rei Xacobe que declarase a guerra contra España.

A viaxe de Carlos a Madrid considérase polos historiadores como determinante no seu posterior interese pola arte, afección á que destinou cuantiosas sumas e que en parte carrexoulle a súa crecente impopularidade.

Co estímulo dos seus conselleiros protestantes, Xacobe convocou ao Parlamento para solicitar subsidios para a guerra. Xacobe tamén solicitou que o Parlamento sancionase a unión entre o príncipe de Gales e a princesa Henriqueta María de Francia, á que Carlos coñecera en París no seu camiño de regreso a Inglaterra. Era unha boa unión, posto que ela era a filla do anterior rei francés Henrique IV e a irmá do rei actual Lois XIII. O Parlamento aceptou a unión, pero mostrou unha actitude moi crítica debido á tentativa anterior de arranxar unha alianza matrimonial con España. Xacobe estaba senil e en consecuencia era cada vez máis difícil controlar ao Parlamento (que foi o mesmo problema que tería máis adiante Carlos durante o seu reinado). Durante o último ano do reinado de Xacobe I, o poder real quedou en mans do seu fillo e do duque de Buckingham.

Reinado de Carlos I Matrimonio e fillos miniatura|220 px|Henriqueta María de Francia, esposa de Carlos I, retratada por Anton van Dyck (1636-1638). O rei Xacobe I morreu o 27 de marzo de 1625, subindo entón Carlos ao trono como Carlos I; o 1 de maio casou por poderes con Henriqueta María de Francia, que aínda estaba en París. O seu primeiro Parlamento, inaugurado por el en maio, opúxose ao seu matrimonio coa princesa francesa, unha católica, porque temían que Carlos levantase as restricións aos católicos romanos e minase o establecemento oficial do Protestantismo. Aínda que el conveu co Parlamento que non relaxaría as restricións referentes aos católicos, prometera facer exactamente iso nun tratado secreto co seu cuñado, o rei Lois XIII de Francia. A cerimonia formal, con ambos presentes, levouse a cabo na igrexa de Santa Agostiña, en Canterbury, o 13 de xuño de 1625. O 2 de febreiro de 1626, Carlos foi coroado na abadía de Westminster, pero sen a súa esposa ao seu lado, para evitar a controversia.

Deste matrimonio naceron 9 fillos:

Carlos Xacobe (n. e m. Palacio de Greenwich, 13 de maio de 1629), nomeado ao nacer duque de Cornualla e Rothesay. Carlos (Palacio de St. James, Londres, 29 de maio de 1630 - Palacio de Whitehall, 6 de febreiro de 1685), sucesor de Carlos I e rei de Inglaterra e Escocia trala restauración da monarquía en 1660. María (Palacio de St. James, 4 de novembro de 1631 - Palacio de Whitehall, 24 de decembro de 1660), casada con Guillerme II de Orange-Nassau, conde de Orange, Estatúder dos Países Baixos. Xacobe (Palacio de St. James, 14 de outubro de 1633 - Saint-Germain-en-Laye, Francia, 6 de setembro de 1701), duque de York (1644) e de Albany (1660); sucede ao seu irmán como rei Xacobe II de Inglaterra e VII de Escocia. Isabel (Palacio de St. James, 29 de decembro de 1635 - Castelo de Carisbrooke, 8 de setembro de 1650). Ana (palacio de St. James, 17 de marzo de 1637 - Palacio de Richmond, 5 de novembro de 1640). Catalina (nada e finada no Palacio de Whitehall o 29 de xuño de 1639). Henrique (Oatlands, Surrey, 8 de xullo de 1640 - Palacio de Whitehall, 13 de setembro de 1660), nomeado conde de Richmond (1644) e duque de Gloucester (1659). Henriqueta Ana (Bedford House, Exeter, 16 de xuño de 1644 - Palacio de Saint Cloud, París, 30 de xuño de 1670), casada con Filipe I de Orleáns, duque de Orleáns, irmán do rei Lois XIV de Francia.

Política exterior: Guerra contra España e Francia A preocupación principal de Carlos durante o inicio do seu reinado foi a política exterior. Federico V, elector palatino, marido da súa irmá Isabel, perdera as súas terras hereditarias no Palatinado a mans do emperador Fernando II de Habsburgo, comezando a chamada Guerra dos Trinta Anos, a cal orixinalmente era só unha guerra para manter a hexemonía dos Habsburgos católicos como reis electos de Bohemia, aínda que isto terminou converténdose nunha espiral sen control que acabaría nunha guerra civil e confesional entre os protestantes e os católicos en Europa. Carlos viuse obrigado a apoiar ao seu cuñado para que recuperase o Palatinado, emprendendo unha guerra co rei Filipe IV de España, ao cal esperaba poder forzar para que intercedera co emperador no seu favor. miniatura|200 px|Carlos I iniciou o seu reinado cunha guerra contra a España de Filipe IV

O Parlamento mostrábase a favor dun ataque naval barato contra as colonias españolas no Novo Mundo, esperando que a captura das frotas españolas que levaban os tesouros americanos podería financiar a guerra. Carlos, con todo, preferiu unha acción máis agresiva (e máis custosa) no continente. O Parlamento votou soamente para conceder un subsidio de 140.000 £, unha suma escasa para o rei. Por outra banda, a Cámara dos Comúns acordou permitir que o rei recadase a tonelaxe e o peso (dúas variedades de dereitos de aduanas), pero soamente por un período dun ano, aínda que a soberanos anteriores desde 1414 fóronlles concedidos estes dereitos para sempre. Deste xeito, a Cámara dos Comúns esperaba ter unha forma de menoscabar o poder do rei, forzándoo a buscar a renovación da concesión cada ano.

Os aliados de Carlos na Cámara dos Lores, dirixida polo duque de Buckingham, rexeitaron aprobar o decreto. Aínda que non se puido obter ningunha autoridade parlamentaria para a recadación da tonelaxe e do peso, Carlos continuou tomando os dereitos aduaneiros de tódolos xeitos.

O primeiro Parlamento de Carlos foi disolto en agosto de 1625. O rei presionara para a guerra con España, pero o ataque naval contra Cádiz terminou nunha estrepitosa derrota para Carlos, causándolle o descrédito ante os seus súbditos. De novo con necesidade de diñeiro, Carlos convocou o seu segundo Parlamento en febreiro de 1626. Para manter aos seus inimigos fóra do Parlamento, Carlos designounos sheriffes; como oficiais da Coroa, quedaban inmediatamente descualificados para o servizo na Cámara dos Comúns. Polo que se refire á Cámara Alta, Carlos rexeitara conceder unha escritura de localización -sen a cal ninguén podía ser admitido na Cámara dos Lores- a John Digby, I conde de Bristol. Así mesmo, encarcerou a Enrique Howard, XXV conde de Arundel, acusado dun delito menor. A Cámara dos Lores, ante as dificultades destes dous condes, declarou que non había precedente para negar a un par a súa petición ou para encarceralo por un mero delito menor.

As tentativas de Carlos de privar a membros do Parlamento das súas oficinas e liberdades sen o debido proceso conforme á lei enfureceron a moitos membros dese corpo, do mesmo xeito que os sucesivos impostos creados sen o seu consentimento. Culparon ao duque de Buckingham, mentres tanto, do desastre en Cádiz. A Cámara dos Comúns intentou acusalo de alta traizón, e ameazou con atrasar tódolos votos no asunto dos impostos ata que a Cámara dos Lores o atopase culpable. As protestas da Cámara dos Lores forzaran a Carlos I a liberar os condes de Bristol e Arundel, e con estes dous pares no centro da atención, parecía máis que probable que se dese unha maioría parlamentaria contra o duque de Buckingham. En vinganza e como unha mostra de desafío contra o Parlamento, en xuño de 1626, Carlos ordenou a súa disolución.

Ao ano seguinte, o duque de Buckingham conduciu unha expedición para axudar aos protestantes franceses (hugonotes) perseguidos polo seu rei na localidade de A Rochelle, pero fracasou estrepitosamente, aumentando a súa impopularidade. Por outra banda, Inglaterra comeza unha guerra contra Francia, mentres que aínda continuaba a súa guerra anterior contra España. As arcas do tesouro, mentres tanto, continuaban diminuíndo. Para reducir gastos militares, Carlos ordenou a varios ingleses recibir e alimentar, ás súas propias expensas, aos soldados. El tamén esixiu que os seus súbditos lle concedesen "préstamos", que non tiña ningunha intención de pagar despois. As ordenanzas de Carlos foron declaradas ilegais nas cortes en 1627; en resposta, o rei depuxo do seu cargo e encarcerou ao Lord Xefe de Xustiza, sir Ranulph Crewe, e designou a sir Nicolás Hyde no seu lugar. Este animou ao clero anglicano, que estaba na súa nómina de pagamento, a que nos seus sermóns apoiase os préstamos e aconsellase a obediencia a todos os decretos reais. Cando George Abbot, arcebispo de Canterbury, refusou sancionar oficialmente un sermón pro-real, foi privado dos seus poderes, aínda que non foi deposto formalmente do seu cargo. As funcións do arcebispo foron transferidas a unha comisión de bispos, encabezada por William Laud, o bispo de Bath e de Wells (logo bispo de Londres).

Todo aquel que rexeitase apoiar ao Tesouro cos préstamos era encarcerado sen dubidar polo rei, de acordo ás súas prerrogativas reais, ordenanzas totalmente en desacordo coas cortes de leis comúns e descualificadas pola maioría dos xuristas dese tempo, aínda que non estiveron explicitamente -pero si de feito- baixo o cargo de crime. O caso máis notorio foi o coñecido como o caso dos "Cinco cabaleiros" ou "caso do xoio", onde o novo Lord Xefe de Xustiza, sir Nicolás Hyde, sostivo que estaba permitido que o rei pedise a detención de individuos sen ningún tipo de acusación e sen ofrecerlles a posibilidade de fixar unha fianza.