Julio César Strassera, nado en Buenos Aires o 18 de setembro de 1933 e finado ibidem o 27 de febreiro de 2015, foi un avogado arxentino que foi o fiscal a cargo do xuízo ás xuntas que gobernaron a Arxentina entre 1976 e 1982.
Traxectoria Julio César Strassera foi o fiscal acusador que conduciu o famoso Xuízo ás Xuntas de 1985. Este xuízo, resultado do decreto número 158/83 do goberno de Raúl Alfonsín, segundo esixía o entón Código de Xustiza Militar, realizouse contra nove integrantes das Xuntas Militares (incluíndo xefes de estado) que gobernaron Arxentina durante o autodenominado “Proceso de Reorganización Nacional” entre 1976 e 1983 que terminou coa condena de cinco deles, a maior parte a cadeas de prisión perpetua. Foi o primeiro proceso masivo en contra de comandantes militares polo asasinato masivo de persoas desde os Xuízos de Nuremberg, e o único no mundo feito por tribunais civís.
O 4 de outubro de 1984 a Cámara Federal no Criminal e Correccional Federal da Capital Federal (tribunal civil) tomou a decisión de desprazar ao tribunal militar que estaba axuizando ás xuntas para facerse cargo directamente ao mesmo, como autorizaba a lei 23.049 aprobada en febreiro dese ano. Os fiscais foron Julio César Strassera asistido por Luis Gabriel Moreno Ocampo. O xuízo realizouse entre o 22 de abril e o 14 de agosto de 1985. Tratáronse 281 casos.
No xuízo Strassera realizou de viva voz a acusación pública contra os ditadores, que constitúe un documento histórico e unha peza fundamental na defensa dos dereitos humanos.
Strassera pechou a súa alegación con esta frase:
O 9 de decembro ditouse a sentenza condenando a Jorge Rafael Videla e Eduardo Massera a reclusión perpetua, a Roberto Viola a 17 anos de prisión, a Armando Lambruschini a 8 anos de prisión e a Orlando Ramón Agosti a 4 anos de prisión. Polas características que tivo, a condena ás xuntas militares realizada por un goberno democrático constitúe un feito sen precedentes no mundo, que contrastou fortemente coas transicións negociadas que tiveron lugar naqueles anos no Uruguai, Chile, o Brasil, España, Portugal e Suráfrica.
Despois do xuízo, Strassera foi representante arxentino ante os organismos de dereitos humanos con sede en Xenebra e con motivo dos indultos dos militares dispostos polo presidente Menem, retirouse da función pública e dedicouse a exercer a súa actividade como avogado e a participar activamente da actividade da Asemblea Permanente polos Dereitos Humanos (APDH), organización da que forma parte integrando a súa presidencia.
En 2006 defendeu no xuízo político polo que foi removido a Aníbal Ibarra do seu cargo de Xefe de Goberno da Cidade de Bos Aires a causa do incendio sucedido na discoteca Cromagnón.
Véxase tamén
Outros artigos Xuízo ás Xuntas Guerra sucia na Arxentina
Ligazóns externas Texto de la acusación pública contra las Juntas, pronunciado por Julio C. Strassera
Categoría:Historia da Arxentina Categoría:Desaparición forzada de persoas