Franz Peter Schubert, nado en Viena o 31 de xaneiro de 1797 e finado na mesma cidade o 19 de novembro de 1828, foi un compositor austríaco, un dos continuadores do romanticismo musical iniciado por Beethoven. Gran compositor tanto de lieder (breves composicións para voz e piano) como de música de cámara e mesmo orquestral.
Foi un dos principais músicos austríacos de comezos do século XIX. Foi o único nado na que era capital musical de Europa nos séculos XVIII e XIX: Viena. Viviu apenas 31 anos, tempo suficiente para crear unha obra musical notable pola súa gran beleza e inspiración. O seu talento creceu á sombra de Beethoven, ó que admiraba, finando ó ano seguinte da morte do seu ídolo. A súa existencia foi opaca. Só despois de morto o seu arte comezou a ser recoñecido e a conquistar a admiración da crítica e o público.
En Viena Schubert levou unha vida bohemia rodeado de intelectuais, amante das tabernas e dos ambientes populares, afastado dos salóns e da etiqueta da nobreza. Desta contorna procede o famoso termo de schubertiadas: reunións de artistas de tódolos ámbitos que formaban un círculo brillante e animado dedicado á música e á lectura.
Traxectoria Infancia e educación miniatura|A casa natal de Franz Schubert, no número 54 da rúa Nussdorfer de Viena. Franz Peter Schubert naceu en Himmelpfortgrund (agora parte de Alsergrund, Viena) o 31 de xaneiro de 1797 e foi bautizado no catolicismo o día seguinte. Fillo dunha familia de orixes humildes, era o duodécimo dos catorce fillos de Franz Theodor Florian Schubert (1763-1830) e Maria Elisabeth Katharina Vietz (1756-1812). Os seus antepasados inmediatos proviñan da provincia de Zlaté Hory, na Silesia austríaca. Seu pai, fillo dun campesiño de Moravia, era un coñecido mestre de escola parroquial, e á súa escola en Lichtental (no noveno distrito de Viena e onde residía a familia) asistiu numeroso alumnado. Chegou a Viena dende Zlaté Hory en 1784 e foi nomeado mestre de escola dous anos despois. A nai de Schubert era filla dun mestre cerralleiro silesio e fora criada dunha familia vienesa antes de casar. Dos catorce fillos de Elisabeth e Franz Theodor (un deles ilexítimo, nado en 1783), nove morreron na infancia.
Aos cinco anos, Schubert comezou recibir clases regulares da man de seu pai, e un ano despois matriculouse na escola na que el exercía. Aínda que non se sabe con exactitude cando recibiu a súa primeira instrución musical, o seu irmán Ignaz deulle leccións de piano, aínda que durante un breve período de tempo, xa que Franz sobrepasouno en poucos meses. Ignaz despois lembrou:
Recibiu as súas primeiras leccións de violín da man de seu pai cando tiña oito anos, formándoo ata o punto de que podía tocar duetos sinxelos de xeito competente. Pouco despois recibiu as súas primeiras leccións fóra do ámbito familiar a cargo de Michael Holzer, organista e director de coro da igrexa parroquial en Lichtental. Holzer frecuentemente aseguráballe ao pai de Schubert, con bágoas nos ollos, que nunca tivera un alumno coma el e as leccións puideron consistir en gran medida en conversas e expresións de admiración. Holzer deu ao mozo clases de piano e órgano, así como en baixo cifrado. Segundo Holzer, con todo, non lle deu ningunha instrución real, xa que Schubert xa sabía todo o que tentara ensinarlle. Máis ben, mirábao con «asombro e silencio». Parece que o rapaz adquiriu máis coñecementos cun aprendiz de carpinteiro que o levaba a un almacén de pianofortes próximo, onde practicaba con mellores instrumentos. Tamén tocaba a viola no cuarteto de cordas familiar, cos seus irmáns Ferdinand e Ignaz no primeiro e segundo violín, e seu pai no violonchelo. Escribiu os seus primeiros cuartetos para cordas para este conxunto.
En 1804, o mozo Schubert chamou a atención de Antonio Salieri, daquela a principal autoridade musical de Viena, que recoñeceu o seu talento vocal. En novembro de 1808, con once anos entrou como cantor na capela imperial, conseguindo unha bolsa que lle permitiu estudar gratuitamente na escola municipal de Stadkonvikt (Seminario imperial), a principal escola de Viena para as persoas que non tiñan orixes aristocráticas. Nel, descubriu as aberturas e sinfonías de Mozart, as sinfonías de Joseph Haydn e o seu irmán máis novo, Michael, e as aberturas e sinfonías de Beethoven, un compositor polo que desenvolveu unha admiración significativa. O seu contacto con estas e outras obras, combinado con visitas ocasionais á ópera, estableceron as bases para unha educación musical máis ampla. Tamén o influíron considerablemente as cancións de Johann Rudolf Zumsteeg, un importante compositor de lieder. O mozo estudante precoz «quería modernizar» as cancións de Zumsteeg, segundo o informado por Joseph von Spaun, amigo de Schubert. A súa amizade con Spaun comezou no Stadtkonvikt e durou toda a súa curta vida. Neses primeiros anos, o economicamente acomodado Spaun proporcionou ao empobrecido Schubert gran parte do seu papel para manuscritos.
Mentres, comezou a amosar o seu xenio nas súas composicións. Salieri decidiu comezar a darlle clases en privado de teoría musical e mesmo de composición. Segundo Ferdinand, a primeira composición para piano do neno foi unha Fantasía para catro mans. A súa primeira canción, Klagegesang der Hagar, escribiuna un ano despois. Permitíuselle ocasionalmente dirixir a orquestra do Stadtkonvikt e foi a primeira orquestra para a que escribiu. Adicou boa parte do resto do seu tempo no Stadtkonvikt a compoñer música de cámara, varias cancións, pezas para piano e, máis ambiciosamente, obras corais litúrxicas en forma de «Salve Regina» (D. 27), un «Kyrie» (D. 31), amais do inacabado «Octeto para vento» (D. 72, que se di que conmemora a morte de súa nai en 1812), a cantata Wer ist groß? para voces masculinas e orquestra (D. 110, para o aniversario de seu pai en 1813) e a súa Primeira Sinfonía (D. 82).
Mestre na escola de seu pai miniatura|O mozo Schubert, óleo de Josef Abel. No final de 1813, Schubert abandonou o Stadtkonvikt e regresou á súa casa para recibir formación docente na St. Anna Normal-hauptschule. En 1814 ingresou na escola de seu pai como mestre do alumnado máis novo. Durante máis de dous anos, o mozo sentiu unha gran monotonía. Con todo, había intereses que o compensaban. Continuou recibindo leccións privadas de composición de Salieri, quen lle dou máis experiencia técnica real que calquera dos seus outros mestres, antes da súa separación en 1817.
En 1814 coñeceu unha soprano nova chamada Therese Grob, filla dun fabricante local de seda, e escribiu varias das súas obras litúrxicas (incluíndo unha "Salve Regina" e un "Tantum ergo") para ela. Tamén foi a soprano solista na estrea da súa Misa núm. 1 (D. 105) en setembro dese mesmo ano. Schubert quería casar con ela, mais viuse obstaculizado pola severa lei de consentimento matrimonial de 1815, que esixía que un aspirante a noivo demostrase que tiña os medios para manter unha familia. En novembro de 1816, logo de non poder obter un posto musical en Laibach (agora Liubliana, Eslovenia), Schubert enviou ao irmán de Therese, Heinrich, unha colección de cancións, que a familia gardou ata o século XX.
Un dos seus anos máis prolíficos foi 1815, no que compuxo máis de 20 000 compases de música, máis da metade dos cales foron para orquestra, incluíndo nove obras sacras (a pesar de ser agnóstico), unha sinfonía e ao redor de 140 lieder. Ese ano tamén coñeceu a Anselm Hüttenbrenner e Franz von Schober, que se converteron nos seus amigos para o resto da súa vida. Spaun presentoulle igualmente a outro amigo, Johann Mayrhofer. Nestes anos compuxo o lied Erlkönig, inspirado nun poema homónimo de Johann Wolfgang von Goethe.
Ao longo de 1815, viviu con seu pai na casa. A súa nai morrera en 1812. Continuou ensinando na escola e impartindo leccións musicais privadas, co que gañaba cartos abondo para as súas necesidades básicas, incluíndo roupa, papel para manuscritos, plumas e tinta, mais con poucos ou ningúns cartos para luxos. Spaun sabía moi ben que Schubert estaba descontento coa súa vida na escola e estaba preocupado polo seu desenvolvemento intelectual e musical. En maio de 1816, Spaun mudouse do seu apartamento en Landskrongasse (no centro da cidade) para un novo domicilio no suburbio de Landstraße. Unha das primeiras cousas que fixo, logo de instalarse na nova residencia, foi convidalo a pasar uns días con el. Esta foi probabelmente a primeira visita de Schubert fóra da casa ou a escola. A súa infelicidade durante os seus anos como mestre de escola posiblemente dera mostra de signos precoces de depresión e é practicamente seguro que sufriu ciclotimia ao longo da súa vida.
O musicólogo Maynard Solomon suxeriu que Schubert se sentía eroticamente atraído polos homes, unha tese que, ás veces, foi debatida acaloradamente. Con todo, a musicóloga e experta en Schubert Rita Steblin afirmou que «perseguía mulleres». As teorías sobre a sexualidade de Schubert comezaron a influír na interpretación da súa obra en artigos académicos.
Con 14 anos crea os seus primeiros lieder, e antes de cumprir os 18 xa creara unha das súas obras mestras e que marcaría o nacemento do lied alemán como se coñece actualmente, Gretchen am Spinnrade, o primeiro dos moitos lieder inspirados en poemas de Johann Wolfgang von Goethe. Con dezanove anos xa escribira máis de 250 lieder.
Malia os seus dotes musicais, seu pai pretendía que Franz se dedicase á súa mesma profesión e exercese de mestre. Isto motivou o enfrontamento entre ambos e o abandono de Franz da casa paterna.
Axuda dos seus amigos miniatura|Caricatura de Johann Michael Vogl e Franz Schubert por Franz von Schober (1825). En 1816, ocorreron mudanzas significativas. Franz von Schober, un estudante de boa familia e con algúns medios económicos, convidou a Schubert a vivir con el na casa da súa nai. A proposta foi oportuna, xa que Schubert acababa de presentar a solicitude sen éxito para o posto de mestre de capela en Laibach e tamén decidira non retomar as tarefas de ensinanza na escola de seu pai. No final do ano, converteuse en hóspede de Schober. Durante un tempo, tentou aumentar os recursos do fogar dando clases de música, mais axiña as abandonou e dedicouse á composición. «Compoño todas as mañás e cando unha peza está terminada, comezo outra». Durante ese ano, centrouse en obras orquestrais e corais, aínda que tamén seguiu escribindo lieder. Gran parte deste traballo foi inédito, mais circularon manuscritos e copias entre as súas amizades e persoas que o admiraban.
A principios de 1817, Schober presentoulle a Johann Michael Vogl, un destacado barítono vinte anos máis vello que Schubert. Vogl, para quen o compositor escribiu moitas cancións, converteuse nun dos seus principais defensores nos círculos musicais vieneses. Tamén coñeceu a Joseph Hüttenbrenner (irmán de Anselm), quen tamén tivo un papel na promoción da súa música. Estes, e un crecente círculo de amizades e músicos, fixéronse responsables de promover, recompilar e, despois da súa morte, preservar a súa obra.
No final de 1817, seu pai obtivo un novo posto nunha escola en Rossau, non lonxe de Lichtental. Schubert reincorporouse con el e asumiu de mal grado as tarefas de ensinanza alí. A principios de 1818, solicitou a entrada na prestixiosa Gesellschaft der Musikfreunde, coa intención de que o admitisen como acompañante, mais tamén para que a súa música, especialmente as súas cancións, se puidesen interpretar nos concertos vespertinos. Rexeitárono sinalando que «non era un afeccionado», aínda que nese tempo estivera empregado como mestre de escola e xa había músicos profesionais entre os membros da sociedade. Con todo, comezou a gañar máis atención na prensa e a primeira presentación pública dunha obra secular, unha abertura realizada en febreiro de 1818, recibiu eloxios da prensa en Viena e no estranxeiro.