Tesalia (Θεσσαλια en grego moderno Thessalía) é unha das 13 rexións de Grecia que se atopa subdividida en 4 prefecturas. A capital rexional é Larisa. A prefectura localízase en Grecia central e limita con Macedonia ao norte, Epiro ao oeste, Grecia Central ao sur e o mar Exeo ao leste. Ten unha superficie de 14.000 km² e preto dun millón de habitantes.

Xeografía miniatura|300px|Panorámica da chaira de Tesalia Está situada entre as Termópilas ao sur, o Pindo (que a separa de Epiro) ao oeste, e o mar ao leste. Unha serra ao norte, que acaba no monte Olimpo, sepáraa de Macedonia. O río principal é o Peneo.

Ademais da chaira de Tesalia hai outros dous distritos ou rexións naturais, un na costa chamado Magnesia, desde o val do Tempe ao golfo de Pagasa entre as montañas Ossa e Pelión dun lado e o mar doutro; o outro distrito de Malis é unha estreito val entre as montañas Othrys e Oeta ata o río Esperqueo que desauga no golfo Maliaco.

A chaira é en realidade dúas chairas, a alta e a baixa; a primeira é a parte próxima ao Pindo, e a baixa é a parte costeira ata o golfo Termaico; están separadas por unha serra que vai desde os lagos Nessonis e Boebis ao río Enipeos. A baixa Tesalia foi a antiga división dos pelásxicos e vai desde as montañas Titaros e Ossa ao norte, ata a montaña Othrys e o golfo Pagasio ao sur; ten como capital á cidade de Larisa. A alta Tesalia formaba antigamente os distritos dos Tesalis e Histiatis, con centro en Farsalia, e vai de Eginion ao norte a Thaumaci ao sur. Na chaira de Thaumaci está o paso de Cela ou Coela.

O río Peneo (o actual Salàmvría ou Salàmbria), nace ao noroeste de Tesalia e recolle moitos afluentes. No val de Meteora hai numerosos mosteiros. Preto da antiga cidade de Aginion ou Satgos o val ábrese á vasta chaira da alta Tesalia. En Tricca (Trikala) o río vira ao leste onde recibe diversos afluentes, e pasa por un val que forma a división entre as dúas partes de Tesalia para saír na chaira cerca do oeste de Larissa, onde xira ao norte cara ao val do Tempe ata o mar.

Outros ríos da rexión foron o Apidanos (Vrysia), Onoconos (Onquestos), Enipeu (a actual Fersaliti) e Pamisos (Bliúri ou Pliúri). Outros ríos secundarios son o Cuarios (Sofadhítiko) afluente do Enipeo e o Titaresios (Elassonítiko ou Xerághi).

A chaira de Tesalia é moi fértil. Antigamente producía moscatel e rabaños, e as súas producións actuais son algodón, tabaco, oliveiras, legumes e cítricos. Os cabalos da rexión eren moi apreciados antigamente

Historia miniatura|dereita|250px|Mapa da Tesalia clásica Tradicionalmente o poder político estivo en mans da nobreza ou de individuos que actuaban como déspotas. A riqueza dos nobres é mencionada polos antigos historiadores.

O primeiro nome de Tesalia foi Pyrrha, Amonia ou Eolis. Os dous primeiros son mitolóxicos e o último é debido ao seu poboamento polos eolios pelásxicos que foron expulsados polos tesalios, supostamente emigrantes do Epiro (segundo Herodoto e Estrabón). Os beocios, xurdiron supostamente dos eolios pelásgicos expulsados de Tesalia 60 anos antes da guerra de Troia. Os tesalios estableceron numerosos principados. A mitoloxía atribúe o seu nome a Tesalo, fillo de Heracles. A lingua tesalia foi de orixe eólica, ben por asimilación, ou ben porque eran eólicos tamén en orixe.

Os tesalios propiamente eran a clase alta propietaria das terras; os descendentes dos habitantes orixinais que quedaron foron os periecos; e a clase servente foron os penestas (similares aos hilotas) que foron descendentes dos primitivos habitantes reducidos á condición de escravos polos conquistadores tesalios.

Outros pobos foron os perrebos, que eran os habitantes do distrito montañoso entre o Olimpo e o Peneo; os magnetos eran os habitantes da costa; os aqueos vivían no distrito de Phthiotis ao sur da chaira do norte; os dólopes ocupaban as montañas do Pindo; e os malianos que vivían entre o Pindo e as Termópilas.

Tesalia foi na mitoloxía a sede de Helén o fundador da raza dos helenos.

A Tesalia foi dividida antigamente en catro tetrarquías: Tesalia, Pelasgia, Histiaotis e Fthiotis, división supostamente introducida pola mítica familia dos Aleuadas (fundada por Aleuas). Cada distrito tiña un xefe maxistrado (chamado Tagos) que só tiña funcións en tempo de guerra e que non sempre era obedecido polas diferentes cidades de Tesalia. O Tagos de Feres, Xasón, fillo de Licofrón, intentou exercer un poder unificado e reuniu un poderoso exército de 6.000 cabaleiros e 10.000 infantes (hoplitas), pero Tesalia nunca se unificou, e as cidades, incluídas as pequenas, se autogobernaban.

Algunhas cidades foron postas baixo dependencia doutra polo menos temporalmente, e as máis importantes foron Larisa, Farsalia e Feres.

Os tesalios quixeron dominar a Focea e a Lócrida. Os focidios construíron unha muralla nas Termópilas, que xa estaba fóra de servizo na época da invasión de Xerxes II. Os tesalios opuxéronse, en xeral, aos persas aínda que a familia dos Aleuadas foi partidaria do rei persa, pero parece que entón se achaban no exilio. As cidades tesalias aliáronse co resto de gregos e pediron protexer o paso de Tempe, onde se enviou un corpo de dous mil soldados, pero ao darse conta de que alí había outro paso os gregos retiráronse ás Termópilas onde o paso era único, e así as cidades tesalias abandonaron a alianza grega e sometéronse a Xerxes, e os Aleuadas volveron e recuperaron a súa influencia. Logo de eliminar a resistencia de Leónidas I nas Termópilas, os tesalios axudaron aos persas contra as cidades da Fócida, as súas inimigas tradicionais, e contribuíron á ocupación do país. miniatura|Mapa da antiga Tesalia

Tesalia desapareceu practicamente logo da historia, ata o -456, logo da batalla de Enofita que deu a Atenas a hexemonía en Beocia, Lócrida e Fócida. O xeneral Mirónides avanzou cara a Tesalia o -454 en axuda do deposto príncipe de Farsalia, Orestes, que fuxira exiliado a Atenas, e ao que os atenienses (Tucídides) chamaban fillo do rei de Tesalia. Mirónides foi rexeitado pola cabalería tesalia preto de Farsalia e hóubose de retirar.

Os tesalios non tomaron parte na guerra do Peloponeso, pero a maioría da poboación das cidades simpatizaba con Atenas, mentres os gobernos oligárquicos eran favorables a Esparta. Con axuda de Esparta, Brásidas avanzou por Tesalia en -424 en dirección ás posesións atenienses de Macedonia, pero en -423 os tesalios prohibiron o paso aos reforzos espartanos enviados a Brásidas.

Cara ao fin da guerra do Peloponeso as importantes familias dos Aleuadas de Larisa, dos Escópadas de Cranón e dos Creondas de Farsalia, que se repartían o poder en Tesalia, foron excedidas polo incremento de poder de Feres baixo Licofrón que aspirou á hexemonía rexional. Licofrón derrocou ao goberno oligárquico de Feres e proclamouse tirano; despois atacou Larisa e outras cidades que se lle opuñan (-404) e obtivo unha notable vitoria. En -395 Licofrón estaba en plena campaña contra Larisa, gobernada por Medios, probablemente un membro dos Aleuadas. Licofrón obtivo a axuda de Esparta e Medios pediu axuda a Atenas. Medios ocupou Farsalia, que estivera xa ocupada por unha guarnición espartana, e vendeu aos seus habitantes como escravos. En -395 Medios aliouse aos beocios contra Esparta. O espartano Axesilao II marchou cara a Asia o ano seguinte e cando foi chamado polo goberno de Esparta pasou por Tesalia e a cabalería das cidades dominadas por Medios quíxolle valar o paso, pero foi derrotada por Axesilao con hábiles manobras. A derrota de Medios custoulle cara, pois perdeu o soporte das cidades e xa non foi rival para Feres na loita pola hexemonía. Farsalia recuperou a a súa liberdade, foi reconstruída, e converteuse na segunda cidade logo de Feres. O poder supremo en Farsalia foi encargado ao tirano Polidamante, que tiña o apoio de todas as tendencias (e exerceu a satisfacción de todos).

Logo de Licofrón, gobernou a cidade de Feres o tirano Xasón, home de grande enerxía e habilidade, probablemente o seu fillo. Xasón quería estender a súa hexemonía a toda Grecia e ata Persia. Fíxose elixir Tagos de Tesalia (-374) e reuniu un poderoso exército de 6.000 cabaleiros e 10.000 hoplitas; someteu a todas as cidades tesalias á súa autoridade, ata Farsalia que aínda que podía ser conquistada pola forza, Xasón someteuna pola negociación, ofrecendo a Polidamante o segundo lugar na dirección política de Tesalia; Polidamante, logo de tentear a posible axuda de Esparta, que non podía chegar, accedeu, e incluíu Farsalia dentro da hexemonía de Xasón. Iso incrementou as súas forzas en 8.000 cabaleiros e 20.000 infantes. Tamén formou alianzas con Alcetas I do Epiro e con Amintas II de Macedonia. Desde o -371 foi aliado de Tebas que invitou a Xasón a atacar o campo dos lacedemonios, pero o tirano tesalio optou por aconsellar unha tregua que permitiu aos espartanos a retirada.

En -370 Xasón anunciou que iría a Delfos á fronte dun corpo de forzas tesalias, para presidir o festival Pitio, o que causou alarma en Grecia, pero antes de saír foi asasinado por sete mozos durante unha audiencia pública. Os asasinos foron considerados heroes en moitos lugares de Grecia.

Sucederon a Xasón os seus irmáns Polifrón e Polidoro, cos que Tesalia perdeu a súa influencia. Polifrón foi asasinado, pero Polidoro que quedou como único (Tagos) exerceu a súa autoridade con moita enerxía e crueldade. Polidamante de Farsalia foi executado, e outros posibles rivais e xefes (especialmente de Larisa) foron exiliados ou asasinados.

Finalmente Polidoro foi asasinado por Alexandre de Feres, probablemente o seu irmán ou o seu neto. Alexandre foi extremadamente cruel. Os Aleuadas e outras familias nobres foron perseguidos, e o novo rei de Macedonia, Alexandre, sucesor de Amintas, el mesmo ameazado, invadiu Tesalia, derrotou a Alexandre e ocupou Larisa e Cranón, onde estableceu guarnicións.

Pero pouco despois, por necesidades internas hóubose de retirar. Alexandre recuperou o poder, pero algunhas cidades tesalias pediron axuda a Tebas e no -369 o tebano Pelópidas invadiu Tesalia, e ocupou Larisa e outras cidades (co beneplácito de Alexandre de Macedonia), pero ao ano seguinte (-368) Pelópidas foi atacado en Larisa por Alexandre, que pedira axuda a Atenas, ata que se estableceu unha tregua. Pelópidas foi entón a Macedonia (-367) onde o novo rei Alexandre fora asasinado polo seu medio irmán Tolomeo Alorita (Tolomeo de Aloros) e substituído polo seu irmán Pérdicas III baixo rexencia do asasino. Pérdicas e o seu irmán máis novo Filipo foron confiados respectivamente á custodia do ateniense Ifícrates e de Pelópidas. Así este último e o rexente Tolomeo convertéronse en aliados e a influencia de Tebas estendeuse a Tesalia.

En -366 os tebanos obtiveron de Persia o recoñecemento da súa hexemonía en Grecia e o mesmo ano Pelópidas e o seu lugartenente Ismenias foron, con moi poucos soldados, a Tesalia para obrigar a Alexandre de Feres e ás cidades que lle eran fieis a recoñecer esta hexemonía. Alexandre de Feres atacoulles preto de Farsalia e fíxolles prisioneiros sendo levados a Feres. Os tebanos non os puideron rescatar de momento, xa que un exército enviado a Tesalia só se salvou da derrota polo xenio de Epaminondas que a sumiu o mando a petición dos soldados.

Logo diso todas as cidades tesalias sometéronse a Alexandre de Feres e a influencia tebana desapareceu.

Unha segunda expedición dirixida por Epaminondas en -365 conseguiu a vitoria e obtivo a liberdade dos prisioneiros, aínda que non pudor restaurar a hexemonía tebana sobre Tesalia. Pero a opresión de Alexandre foi demasiado grande e algunhas cidades pediron a Tebas que interviñese e en -364 Pelópidas foi enviado de novo ao país cun exército tebano. Pelópidas morreu no primeiro combate. Os tebanos enviaron un exército máis poderoso que derrotou a Alexandre o cal houbo de recoñecer a hexemonía tebana sobre Tesalia, deixando só a Alexandre o dominio de Feres.