Castelo Branco é unha cidade de Portugal, situada no centro interior do país, a unha distancia aproximada de 260 km ao nordeste de Lisboa. O concello sumaba 55.809 habitantes en 2001. O casco urbano propio achegábase aos 31.000 habitantes

Administración Castelo Branco é un dos municipios maiores de Portugal, cunha superficie de 1.439,94 km², subdividido en 25 freguesías administrativas. Limita polo norte co concello do Fundão, polo leste con Idanha-a-Nova, polo sur con España, polo suroeste con Vila Velha de Ródão e polo oeste con Proença-a-Nova e máis con Oleiros.

Forma parte da rexión Centro e da subrexión da Beira Interior Sur. É a capital do distrito de Castelo Branco, que contaba con 208.069 habitantes en 2001.

O distrito de Castelo Branco corresponde aproximadamente á antiga provincia da Beira Baixa.

Subdivisións administrativas As freguesías de Castelo Branco son as seguintes: Alcains Almaceda Benquerenças Cafede Castelo Branco Cebolais de Cima Escalos de Baixo Escalos de Cima Freixial do Campo Juncal do Campo Lardosa Louriçal do Campo Lousa Malpica do Tejo Mata Monforte da Beira Ninho do Açor Póvoa de Rio de Moinhos Retaxo Salgueiro do Campo Santo André das Tojeiras São Vicente da Beira Sarzedas Sobral do Campo Tinalhas

Historia

En 1213 recibiu carta foral de Pedro Alvito, cedida polos templarios, na que aparece a denominación Castel-Branco. Dous anos despois, o papa Inocencio III confirmouna, dándolle o nome de Castelobranco.

O mesmos templarios mandaron erguer as murallas e o castelo, entre 1214 e 1230. No interior dese recinto encóntrase a igrexa de Santa Maria do Castelo, antiga sede da freguesía. Aquí se reunían en asemblea dos homens-bos e as autoridades monástico-militares, até o século XIV.

No 1510 foille concedida nova carta foral a Castelo Branco, polo rei Manuel I.

En 1771 é elevada á categoría de cidade polo rei Xosé I, á par que o papa Clemente XIV crea a diocese de Castelo Branco que viría a ser extinta en 1881.

O Pazo Episcopal (anexo ao actual Museo Francisco Tavares Proença Júnior) é unha das mellores mostras do pulo da cidade na Idade Moderna. Mandado construír polo bispo da Guarda, Nuno de Noronha, entre 1596 e 1598, pasaría a ser logo a residencia dos bispos de Castelo Branco.

A cidade viría a tornarse capital do distrito aínda en 1959.

Economía A cidade ten sona en Portugal pola súa artesanía de colchas. En canto a industrias modernas é sede da compañía Centauro, que fabrica refixeradores, e da multinacional láctea Danone.

Patrimonio O xardín do Pazo Episcopal (1725), o castelo dos templarios e o Museo Francisco Tavares Proença Júnior, localizado no antigo Pazo Episcopal, rico en pezas arqueolóxicas, tapizarías, numismática e pintura quiñentista portuguesa.

Eventos Do 6 de xaneiro ao 30 de agosto - a Feira Franca Do 4 de outubro ao 18 de decembro - a Feira do Gado Suíno

Quince días despois do Domingo de Pascua festéxase a Feira da Señora de Mércules. Parte da tradición é tamén a Procesión dos Pasos.

Castelo Branco Categoría:Concellos do distrito de Castelo Branco