O río Eume é un río galego. Nace na xunta dos regos do Lamoso e das Toxeiras, ó pé da Lomba Longa do Seixo Branco, na Serra do Xistral, a 759 m. O nacemento atópase na parroquia de Montouto, no concello lugués de Abadín, aínda que as cabeceiras nacen na parroquia da Balsa, no concello veciño de Muras a 880 m. O seu percorrido de 80 km transcorre pracidamente por terras de Lugo ata que pouco a pouco, pasada a vila das Pontes de García Rodríguez, vaise encaixando nun val profundo coñecido como canón do Eume, en parte asolagado polo encoro do Eume. A medida que se achega á desembocadura vaise abrindo o val ata formar un amplo esteiro que en marea baixa forma unha illa coñecida como As Croas, de gran valor marisqueiro e ecolóxico. Finalmente desemboca na ría de Ares, no Golfo Ártabro, entre os concellos coruñeses de Pontedeume e Cabanas dos que é a súa fronteira natural. Ten un caudal medio de 19,1 m3/s e unha conca de 470 km2. Ten unha lonxitude de 80 km.

Toponimia O hidrónimo Eume segundo Isidoro Millán González-Pardo derivaría do termo paleuropeo Ume, relacionado co hidrónimo éuscaro Urumea, composto do substantivo vasco umea, "neno, cativo, pequeno", nome que ten sentido, pois o Eume recibe noutra zona do seu percorrido o nome de Río Pequeno. Sería pois un nome preindoeuropeo emparentado coas linguas éuscaras e que podería estar relacionado cos nomes dos ríos Umia (Pontevedra), Uma (afluente do Tea), Irimia (nacemento do río Miño en Lugo), Urumea (Navarra-País Vasco) e Umeälven (Suecia). Edelmiro Bascuas relaciónao co composto bitemático E-Ume, da mesma orixe[Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su puebla y alfoz, 1987; Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002.].

A outra posibilidade é que veña dunha raíz hidronímica prelatina celto-galaica, xa indoeuropea *u̯h1-m (auga)̯̯ cfr. lat. ūmeō <*u̯h1-m-o, de recoñecida presenza na hidronimia galega (Río Umia, Río Mao, Acea de Ama etc).

A lenda dos tres ríos Conta a lenda que Deus fixo nacer tres ríos na Serra do Xistral e os fixo fluír en tres direccións diferentes: o Eume cara ó poñente, o Landro cara ó norte e o Masma cara ó abrente.Outras fontes falan dos ríos Landro, Sor e Eume ou ben o Landrove, o Masma e o Xuvia. O mar prometeu entregar un home cada ano a aquel río que antes chegase ó mar. Os tres ríos empezaron a andar pero, pouco despois de naceren, acordaron descansar un pouco no camiño, coa condición de que o primeiro que acordase debería espertar ós outros. Un dos ríos espertou e, en vez de cumprir o acordado, marchou en silencio cara ó mar. Ó pouco espertou o segundo río e, visto o que fixera o primeiro, decideu facer o mesmo e seguiu camiño cara ó mar.

Cando o terceiro río, o Eume, espertou e viu que os outros dous non cumpriran o pacto, encolerizouse e acelerou a súa marcha por montes, vales e riscos e conseguiu chegar o primeiro ó mar, provocando no camiño o espectacular Canón do Eume. Cumprindo a súa promesa, cada ano o mar fai afogar a unha persoa nas súas augas. Outras versións da lenda falan de tres fontes ou mesmo de tres ninfas.

Características Percorre os concellos de Abadín, Muras, Vilalba, Xermade, As Pontes de García Rodríguez, A Capela, Monfero, Cabanas e Pontedeume.

No seu percorrido atópanse dous encoros: o da Ribeira, no concello das Pontes, e o do Eume, entre os concellos das Pontes de García Rodríguez e A Capela ó norte e Monfero ó sur.

No 2008 desviouse unha boa porcentaxe do seu caudal ata encher o novo lago que ocupa o furado deixado pola mina de lignito das Pontes, cunha extensión superior á da cidade da Coruña.As Pontes se prepara para albergar el mayor lago de Galicia O lago rematouse de encher en 2012.

Unha morea de caudais de auga máis ou menos longos e caudalosos, verten as súas augas nel. Salientan na marxe dereita o rego de Montouto, preto da capitalidade do concello de Muras, e, xa na provincia da Coruña, o río Maciñeira, o máis longo de todos os afluentes (11 km) que verte a escasos metros do Parque de Carbóns da Central térmica das Pontes, o río do Pareiro, que desemboca no Encoro do Eume formando un profundo entrante, e o río Sesín, que na súa confluencia co Eume, e xunto con el, rodea o outeiro onde se ergue o Mosteiro de San Xoán de Caaveiro.Na marxe esquerda salientan o rego Felgado, que ten as súas fontes en terras de Xermade, o río Chamoselo, cunha ponte medieval preto da súa desembocadura no centro urbano das Pontes. Vertendo as súas augas no Encoro do Eume despois de 10 km de percorrido, está o río Frei Bermuz, o máis caudaloso de todos os afluentes e que forma unha fermosa paraxe natural no lugar da Feira do Dez. En pleno canón do Eume verte o río de San Bartolomé tamén de 10 km, cuxo caudal foi aproveitado ata non hai moitas décadas para a produción de enerxía hidroeléctrica na Central do Parrote. Xa no esteiro, desemboca o Río de Covés.

O 30 de xuño de 1997 creouse o Parque Natural das Fragas do Eume (Real Decreto 211/96 de 2 de maio) cunha superficie de 9126 ha. Abarca terras dos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero e Pontedeume.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía Fragas do Eume. Parque natural. Xunta de Galicia. D.L. C-81/2003 Geografía de Galicia (Tomo I). Dirección: Mª Pilar de Torres Luna. Ed. Faro de Vigo. D.L. V-3338.2000

Eume