Pedro II do Brasil, nado no pazo de São Cristóvão, Río de Xaneiro, o 2 de decembro de 1825 e finado en París o 5 de decembro de 1891, foi o segundo e último emperador do Brasil. Alcumado "o magnánimo", o seu reinado como emperador durou máis de 58 anos. Foi o sétimo fillo do emperador Pedro I do Brasil e a emperatriz María Leopoldina, e polo tanto membro da rama brasileira da casa de Braganza. A abrupta abdicación e marcha cara a Europa do seu pai en 1831 deixou a Pedro II como emperador, legándolle unha infancia e adolescencia desalentadora e solitaria. Obrigado a pasar o tempo estudando en preparación para o seu reinado, só conseguiu ter breves momentos de felicidade e tivo poucas amizades da súa idade. As súas experiencias coas intrigas da corte e coas disputas políticas durante este período afectaron en gran medida o seu carácter posterior, converténdose nun home cun forte sentido do deber e devoción cara ó seu país e a súa xente, mais resentido polo seu papel de monarca.

Herdando un imperio ó bordo da desintegración, Pedro II levou o Brasil de fala portuguesa a ser unha potencia emerxente no ámbito internacional. A nación medrou ata distinguirse dos seus veciños hispánicos grazas á súa estabilidade política, a celosamente protexida liberdade de expresión, o respecto polos dereitos civís, un crecemento económico vibrante e especialmente pola súa forma de goberno: unha monarquía parlamentaria representativa funcional. O Brasil tamén obtivo a vitoria en tres conflitos internacionais (a guerra da Prata, a guerra do Uruguai e a guerra de Paraguai) baixo o seu reinado, e prevaleceu en varias outras disputas internacionais e tensións domésticas. Pedro II promoveu incondicionalmente a abolición da escravitude malia a oposición de poderosos intereses políticos e económicos. Considerado un sabio por propio dereito, o emperador estableceu unha reputación de vigoroso patrocinador da aprendizaxe, da cultura e das ciencias. Conseguiu o respecto e admiración de eruditos como Darwin, Victor Hugo e Nietzsche, e trabou amizade con Wagner, Pasteur e Henry Wadsworth entre outros.

Malia que non existía un desexo de cambio na forma de goberno entre a maioría de brasileiros, o emperador foi derrocado nun repentino golpe de estado apoiado só por unha camarilla de líderes militares que procuraban instaurar unha forma de república liderada por un ditador. Para entón Pedro II estaba esgotado de ser emperador e perdera a esperanza nas perspectivas futuras da monarquía, malia contar cun apoio popular maioritario. Non permitiu que ninguén se opuxese á súa destitución e non apoiou ningún intento de restaurar a monarquía. Pasou os últimos dous anos da súa vida exiliado en Europa, vivindo só e cun baixo nivel económico. Algúns dos seus logros como emperador quedarían posteriormente en nada por mor dun longo período de gobernos débiles, ditaduras e crises económicas e constitucionais no Brasil, e os propios homes que o exiliaran acabaron por consideralo un modelo para a república brasileira. Poucas décadas trala súa morte restaurouse a súa reputación e trasladáronse os seus restos de volta ó Brasil, con celebracións a nivel nacional. A maioría de historiadores presentan a Pedro II dunha forma extremadamente positiva, e varios deles cualificárono como o "máis grande dos brasileiros".

Primeiros anos Pedro naceu ás 02:30 do 2 de decembro de 1825 no pazo de São Cristóvão, en Río de Xaneiro, Brasil. Nomeado por san Pedro de Alcántara, o seu nome completo era Pedro de Alcântara João Carlos Leopoldo Salvador Bibiano Francisco Xavier de Paula Leocádio Miguel Gabriel Rafael Gonzaga. Pedro era membro da rama brasileira da casa de Braganza por medio do seu pai, o emperador Pedro I, e recibiu o título honorífico de "don" dende o seu nacemento. Era neto do rei portugués Xoán VI e sobriño de Miguel I. A súa nai foi a arquiduquesa María Leopoldina de Austria, filla de Francisco II, o último emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. Por medio da súa nai, Pedro era sobriño de Napoleón Bonaparte e primo en primeiro grao dos emperadores Napoleón II de Francia, Francisco Xosé I de Austria e de Maximiliano I de México.

O único fillo varón lexítimo de Pedro I que sobreviviu á infancia, foi recoñecido de forma oficial como herdeiro ó trono brasileiro co título de príncipe imperial o 6 de agosto de 1826. A súa nai, a emperatriz María Leopoldina, faleceu o 11 de decembro de 1826, cando Pedro tiña un ano de idade. Dous anos e medio despois o seu pai casou con Amelia de Leuchtenberg, e o príncipe Pedro desenvolveu unha relación afectuosa con ela, a quen chegou a considerar como a súa propia nai. O desexo de Pedro I de restaurar a súa filla María II no trono de Portugal, usurpado polo seu irmán Miguel I, así como a súa posición política doméstica en declive, deu lugar á súa abrupta abdicación o 7 de abril de 1831. Pedro I partiu de forma inmediata cara a Europa xunto a Amelia, deixando no Brasil o príncipe imperial, quen se converteu no emperador don Pedro II.

Coroación temperá miniatura|esquerda|180px|Retrato de Pedro II ós 12 anos de idade, 1838. Á súa partida do país, o emperador Pedro I seleccionou tres persoas para que se fixesen cargo do seu fillo e das súas outras fillas. O primeiro deles foi José Bonifácio de Andrada, amigo seu e líder influente durante a independencia brasileira, a quen nomeou gardián do seu fillo. A segunda foi Mariana de Verna, quen xa actuara como aia dende o nacemento de Pedro II. De neno, o entón príncipe imperial chamábaa "Dadama", xa que non era capaz de pronunciar a palabra dama de forma correcta. Considerábaa a súa nai substituta, e continuou chamándoa polo seu alcume ata ben entrada a idade adulta por aprecio. O terceiro foi Rafael, un afrobrasileiro veterano da guerra Cisplatina empregado no Pazo de São Cristóvão e con quen Pedro I tiña unha profunda confianza, pedíndolle que coidase do seu fillo, tarefa que Rafael desempeñou durante o resto da súa vida.

Bonifácio foi destituído da súa posición en decembro de 1833 e foi substituído por outro gardián, Manuel Inácio de Andrade, marqués de Itanhaém. Pedro II pasaba os días estudando, con só dúas horas libres para o entretemento. Demostrando unha grande intelixencia, era capaz de adquirir coñecementos cunha gran facilidade Porén, as horas de estudo resultábanlle esgotadoras e a preparación para o seu papel de monarca era moi esixente. Tiña poucos amigos da súa idade, e mantiña un contacto limitado coas súas irmás. Todo isto, xunto a perda súbita dos seus pais, fixo que a súa nenez lle resultase infeliz e solitaria. O ambiente no que foi criado converteuno nunha persoa tímida e necesitada, que viu nos libros un refuxio e unha forma de escapar do mundo real.

A posibilidade de rebaixar a consideración de maioría de idade do emperador, no lugar de agardar ata que cumprise os 18 anos de idade, estivera considerada polos gobernantes do país dende 1835. A súa elevación ó trono dera lugar a un problemático período de crises sen fin. A rexencia creada para reinar no seu nome estivo envolta en disputas continuas entre faccións políticas e rebelións por toda a nación dende os seus comezos. Segundo o historiador Roderick J. Barman, os políticos que acadaran o poder durante os anos 1830 "perderon toda fe na súa capacidade de gobernar o país por si mesmos" e "aceptaron a Pedro II como figura autoritaria cunha presenza indispensable para a supervivencia do país". Cando o 22 de xullo de 1840 os políticos lle preguntaron se quería asumir o poder completo, Pedro II aceptou timidamente. Ó día seguinte, 23 de xullo de 1840, a Asemblea Xeral declarou formalmente maior de idade a Pedro, que naquel entón tiña 14 anos de idade. Foi aclamado, coroado e consagrado posteriormente o 18 de xullo de 1841.

Consolidación Establecemento da autoridade imperial miniatura|200px|Pedro II ós 20 anos de idade, 1846. A eliminación da rexencia trouxo estabilidade ó goberno. Pedro II estaba considerado en todo o país como unha fonte lexítima de autoridade, cunha posición por riba do partidismo e das disputas insignificantes. Non obstante, Pedro seguía sendo un neno tímido, inseguro e inmaturo. A súa natureza era resultado da súa infancia, na que experimentara o abandono, a intriga e a traizón. Un grupo de serventes de palacio de alto rango e políticos notables liderados por Aureliano Coutinho pasaron a ser coñecidos como a "Facción Cortesá", establecendo a súa influencia sobre o mozo emperador. Algúns deles eran persoas moi achegadas a el, como por exemplo Mariana de Verna ou o administrador Paulo Barbosa da Silva. Estes "Cortesáns" utilizaron habilmente a Pedro II contra os seus inimigos, reais ou posibles.

O goberno brasileiro asegurou o seu casamento coa princesa Tareixa Cristina do Reino das Dúas Sicilias. Casaron por poderes en Nápoles o 30 de maio de 1843, e cando a viu en persoa o emperador sentiuse notablemente decepcionado. Tareixa Cristina era baixa, tiña un pouco de sobrepeso e aínda que non era considerada fea, tampouco se lle consideraba atractiva. Segundo o historiador Roderick J. Barman Pedro non agochou a súa desilusión, indicando que un observador afirmou que lle deu as costas a Tareixa Cristina, mentres que outro afirmou que entrou en shock e precisou sentar. Esa mesma noite Pedro II chorou e queixouse a Mariana de Verna, dicíndolle: "Enganáronme, Dadama!" Tiveron que pasar varias horas ata que conseguiron convencelo de que o deber lle demandaba que seguise adiante. A misa nupcial, coa ratificación dos votos emitidos previamente por poderes e o outorgamento da bendición nupcial, tiveron lugar o día seguinte, 4 de setembro de 1843.

A finais de 1845 e comezos de 1846 o emperador fixo unha xira polas provincias máis meridionais do Brasil, pasando por São Paulo (do que Paraná era parte naquel entón), Santa Catarina e Río Grande do Sur, sentíndose alentado pola cálida e entusiasta acollida que recibiu. Para entón Pedro II madurara tanto física coma mentalmente, converténdose nun home considerado atractivo, medindo 1,90 metros de altura, con ollos azuis e cabelo louro. As súas fortalezas no carácter tornáronse aparentes, acadando seguridade en si mesmo e aprendendo a ser imparcial, dilixente, cortés, paciente e amable. Segundo Barman, "mantivo as súas emocións baixo unha disciplina férrea. Nunca foi maleducado e nunca perdeu os nervios. Foi excepcionalmente discreto coas súas palabras e cauteloso nas súas accións". Este período supuxo a fin da "Facción Cortesá". Pedro II comezou a exercitar unha autoridade completa e enxeñou con éxito a fin da influencia dos cortesáns eliminándoos do seu círculo de confianza ó mesmo tempo que evitou calquera tipo de alteración pública.

Abolición do comercio de escravos e guerra Pedro II tivo que facer fronte a tres crises entre 1848 e 1852. A primeira delas foi a de confrontar o comercio ilegal de importación de escravos, prohibido no ano 1826 como parte dun tratado con Gran Bretaña. O tráfico de escravos continuaba sen cesar, e o texto do goberno británico recollido na Acta de Aberdeen de 1845 autorizaba os navíos de guerra británicos a abordar outros barcos brasileiros e apresar a calquera que estivese involucrado no comercio de escravos. Mentres o Brasil loitaba contra este problema tivo lugar a segunda crise, a revolta Praieira, o 6 de novembro de 1848. Este conflito entre faccións políticas locais dentro da provincia de Pernambuco foi sufocado en marzo de 1849. O 4 de setembro de 1850 promulgouse a lei Eusébio de Queirós, outorgándolle ó goberno brasileiro unha ampla autoridade para combater o comercio ilegal de escravos. Con esta nova ferramenta, o Brasil procurou eliminar a importación dos mesmos. Cara ó ano 1852 esta primeira crise quedou superada, e Gran Bretaña aceptou que o comercio ilegal quedaba sufocado e baixo control.