Normandía (en francés Normandie, en normando Normaundie) é unha rexión de Francia. Orixinariamente, foi un ducado histórico e logo unha provincia do antigo réxime francés. Dende 1790 é unha rexión xeográfica e cultural do norte de Francia. Desde o 1 de xaneiro de 2016 as antigas rexións administrativas da Alta Normandía (Haute-Normandie) —composta polos departamentos franceses de Sena Marítimo e Eure— e a Baixa Normandía (Basse-Normandie) — composta polos de Orne, Calvados e Mancha— reunificáronse nunha única rexión, Normandía (Normandie).

O antigo ducado de Normandía atopábase no norte de Francia, e ocupaba a área baixa do río Sena, o Pays de Caux e a rexión do oeste a través do Pays d'Auxe ata a península de Cotentin. Historicamente, Normandía foi unha provincia de Francia .

As Illas Anglonormandas aínda que son dependencias da coroa británica, forman cultural e historicamente parte do Ducado de Normandía.

Historia Normandía foi o lugar onde habitaron os normandos a comezos da Idade Media. Eles foron os últimos en invadir con éxito Inglaterra. Eran unha mestura de indíxenas galos e viquingos invasores baixo o liderado de Roberto I (Gange Rolf), quen sitiou París e foille concedida a área de Normandía a cambio de defendela contra os ataques piratas mediante o tratado de Saint-Clair-sur-Epte no ano de 911.

Algunhas familias normandas, como a de Tancredo de Hauteville tiveron un importante papel nas Cruzadas.

Un descendente de Roberto, Guillerme, duque de Normandía, invadiu Inglaterra en 1066 e converteuse no Rei Guillerme I de Inglaterra. Normandía mantívose asociada con Inglaterra ata 1087, entre 1106 e 1144, e entre 1154 e 1204.

A batalla de Bouvines tivo lugar en 1214. Foi ocupada por forzas inglesas durante a Guerra dos Cen Anos entre 1346 e 1360 e novamente entre 1415 e 1450.

En 1942, durante a segunda guerra mundial, tivo lugar a batalla de Dieppe (Sena Marítimo), ataque das forzas aliadas (principalmente canadenses e británicas) aos ocupantes alemáns. A rexión foi máis tarde o escenario da batalla de Normandía ou operación Overlord, que tivo lugar na mañá do 6 de xuño de 1944, sendo as praias normandas a principal vía de entrada das tropas aliadas no III Reich, data tamén coñecida como o día D, o que abriu unha segunda fronte contra o exército nazi.

No 2004 con motivo de sesaxésimo aniversario do desembarco, o chanceler de Alemaña Gerhard Schröder visitou a rexión marcando un fito nas relacións franco-alemás.

Tanto Robert Wace como Orderico Vital son importantes escritores normandos da historia da provincia.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Alta Normandía Baixa Normandía Ducado de Normandía Desembarco de Normandía

Ligazóns externas Saber máis de Normandía

Categoría:Provincias do Reino de Francia Categoría:Rexións históricas de Francia