Humberto Solleiro Rivera, coñecido tamén como "o Chapapote"Nomes e Voces. Humberto Solleiro Rivera "O Chapapote". Consultado o 6 de xuño de 2011. nado en Vigo en 1896 e finado na mesma cidade o 30 de outubro de 1936, foi un sindicalista galego. Participou na resistencia á sublevación que deu orixe á guerra civil española en Lavadores, a súa localidade de residencia, tras o cal foi capturado polos sublevados e executado poucos meses despois. Ás veces aparece nomeado tamén como Humberto Solleiros.
Traxectoria Casou con Urania Mella, activista feminista e de esquerdas, filla do pensador anarquista Ricardo Mella, coa que tivo catro fillos, Humberto, Raúl, Alicia e Concepción (Conchita). Foi traballador de Tranvías Eléctricos de Vigo. Pertenceu desde mozo ao Consello Sindical Ferroviario da UXT en Vigo e á directiva local da Asociación de Amigos da Unión Soviética. Activo sindicalista, combinou a súa militancia coa promoción do deporte.
Moi integrado nos movementos sindicais e culturais do seu pobo (naquel momento Lavadores era un concello independente de Vigo e constituía un suburbio obreiro e fabril, foi presidente da Sociedade Cultural e Deportiva de Lavadores, sociedade sindicalista dedicada a difundir o deporte xuvenil. O grao de mobilización política e sindical da localidade levou a Lavadores a ser denominado "a Pequena Rusia".
Guerra civil española Tras o estalido da sublevación en distintos puntos de España e o protectorado de Marrocos a partir do 17 de xullo, a cidade de Vigo mantívose en calma até o luns 20 de xullo, cando unha compañía de Infantaría dirixida polo capitán Carreró leu na Porta do Sol o bando declarando o estado de guerra. Na contigua Lavadores, a resistencia contra a sublevación organizouse ao redor de tres barricadas que pretendían impedir o acceso dos militares sublevados. Solleiro, xunto coa súa esposa, participou na defensa dunha delas, a do Calvario.
Ao ser superadas as defensas polos sublevados, Solleiro e a súa muller fuxiron, pero foron detidos na próxima Redondela. Ambos foron condenados á morte polo delito de rebelión, e Solleiro foi executado sumariamente o 30 de outubro de 1936 con Miguel Gómez Pardo, Francisco González Martínez e Gabino González Martínez,El Pueblo Gallego, 1-11-1936, p. 10. mentres que a ela foille conmutada a pena pola de 30 anos de prisión. A causa rexistrada da morte foi unha «profusa hemorraxia interna». De acordo co libro de Hernán Quijano Galicia mártir, ningún dos directivos da Sociedade Deportiva e Cultural de Lavadores sobreviviu aos primeiros meses de conflito, xa fose porque foron executados tras un simulacro de xuízo ou porque foron paseados e asasinados.Galicia Mártir - Episodios do terror branco nas provincias galegas, de Hernán Quijano, foi reeditada en 2005 como Galicia baixo a bota de Franco polo xornalista e historiador Carlos Fernández Santander. Descoñécese quen se escondía tras o pseudónimo "Hernán Quijano", autor da obra, aínda que Fernández cita como posibles autores a Luís Seoane e Manuel Domínguez Benavides. Véxase unha apunta de Galicia baixo a bota de Franco
Tras a execución de Solleiro e o encarceramento de Urania Mella, os seus catro fillos quedaron ao coidado da familia do primeiro, a cal, con todo, era partidaria da sublevación.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Causa 868/36 Outros artigos Urania Mella
Ligazóns externas
Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Sindicalistas da UGT
Categoría:Sindicalistas de Galicia Categoría:Nados en Vigo
Categoría:Nados en 1896 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Fusilados