Noise Project é un grupo galego formado na vila de Valga (Pontevedra), que practica un estilo de música a medio camiño entre o post-rock e o noise rock, cunha actitude marcadamente experimental.

Traxectoria O grupo deu os seus primeiros concertos en pubs de Valga a mediados do ano 2005, nese momento como un cuarteto formado por Raúl (guitarra e voz), Alexandre (guitarra e voz), Víctor (batería) e Óscar (baixo e voz). Entre finais de 2005 e mediados de 2006 uníronse Javi (guitarra) e Ernst (laptop, efectos e arranxos), configurando a primeira formación estábel do grupo e achegando parte do seu son característico.

No ano 2007 lanzaron o seu primeiro traballo, Teleclube, no netlabel A Regueifa Plataforma. O título remite á prehistoria do grupo, cando Alexandre e Raúl quedaban para tocar no teleclub de Cordeiro (Valga). O carácter experimental, unido a ironía empregada nalgúns temas, levou a que fosen comparados coa actitude de grupos galegos como Os Resentidos e N.H.U.. O traballo tamén incluía a canción "Rapaciña", unha versión de Andrés do Barro máis tarde incluída no recompilatorio Manifesto Dobarrista (2007).

No mesmo 2007 Alexandre tivo que abandonar o grupo por motivos laborais. A finais dese mesmo ano entrou Álvaro (guitarra, baixo e voz), volvendo o grupo á formación de sexteto.

No ano 2008 o grupo quedou segundo no concurso GZcrea coas cancións "II" e "A pedra de afiar".

Os formantes de Noise Project, como membros da asociación Os Penoucos, promoveron tamén a creación do Festival Artenativa, en Valga, que celebrou a súa primeira edición en agosto de 2007.

No ano 2010 a banda editou o seu segundo traballo Asuntos que se resolven co tempo.

Discografía Teleclube (A Regueifa Plataforma, 2007) Asuntos que se resolven co tempo (A Regueifa Discos, 2010). Presenza en compilatorios

Manifesto Dobarrista (A Regueifa Plataforma, Falcatruada, Lonxa cultural, 2007), co tema "Rapaciña"

Véxase tamén Ligazóns externas Myspace do grupo. Entrevista na revista Sono-Tone.

Categoría:Grupos musicais de Galicia Categoría:Grupos musicais de post-rock Categoría:Grupos musicais de noise rock Categoría:Grupos musicais de shoegazing Categoría:Grupos musicais formados en 2005 Categoría:Post-rock Categoría:Grupos musicais en galego