Julius Robert Oppenheimer, nado o 22 de abril de 1904 en Nova York e finado o 18 de febreiro de 1967 en Princeton, Nova Jersey, foi un físico teórico estadounidense de orixe xudía e profesor de física na Universidade de California, Berkeley. É un dos chamados «pais da bomba atómica» pola súa destacada participación no Proxecto Manhattan, o proxecto que conseguiu desenvolver as primeiras armas nucleares da historia durante a segunda guerra mundial. A primeira bomba nuclear foi detonada o 16 de xullo de 1945 na Proba Trinity en Novo México, Estados Unidos. Oppenheimer declararía máis tarde que tras esta primeira proba lle viñeran á mente as palabras do Bhagavad Gita: «Agora convertinme na morte, a destrutora de mundos». Oppenheimer sempre expresou o seu pesar polo falecemento de vítimas inocentes cando as bombas nucleares foron lanzadas contra os xaponeses nos bombardeos de Hiroshima e Nagasaki en agosto de 1945.

Logo da guerra ocupou o cargo de asesor xefe na daquela recentemente creada Comisión da Enerxía Atómica dos Estados Unidos e utilizou a súa posición para avogar polo control internacional do poder nuclear, evitar a proliferación de armamento nuclear e frear a carreira armamentística entre os Estados Unidos e a Unión Soviética. Logo de provocar a ira de numerosos políticos polas súa opinión pública, o goberno retiroulle o seu pase de seguridade, perdendo o acceso aos documentos militares secretos do seu país, e perdeu a súa influencia política directa durante unha moi publicitada auditoría en 1954. Nesa época nos Estados Unidos todas aquelas persoas sospeitosas de simpatizar co comunismo ou simplemente de ser disidentes foron perseguidas polo goberno. Tras isto Oppenheimer continuou escribindo, traballando no campo da física e dando diversas conferencias. Nove anos despois da auditoría, os presidentes John F. Kennedy e Lyndon B. Johnson concedéronlle e outorgáronlle respectivamente o Premio Enrico Fermi como un xesto de rehabilitación da súa figura pública.

Oppenheimer conseguiu varios logros notables no campo da física, como por exemplo a aproximación de Born-Oppenheimer. Tamén traballou na teoría de electróns e positróns, o proceso de Oppenheimer-Phillips da fusión nuclear e na primeira predición sobre o efecto túnel. Xunto cos seus alumnos fixo importantes contribucións á teoría moderna sobre as estrelas de neutróns e os buratos negros, así como á mecánica cuántica, á teoría cuántica de campos e ás interaccións dos raios cósmicos. Como profesor e promotor da ciencia, recórdase como un dos fundadores da escola estadounidense de física teórica, que gañou prominencia mundial na década de 1930. Logo da segunda guerra mundial, tamén ocupou o posto de director do Institute for Advanced Study de Princeton.

Primeiros anos Mocidade e educación Oppenheimer naceu en Nova York o 22 de abril de 1904, fillo de Julius Oppenheimer, un adiñeirado importador de téxtiles xudeu que emigrara dende Alemaña en 1888, e Ella Friedman, unha pintora de Baltimore. Julius chegou ós Estados Unidos sen cartos, sen estudos superiores e sen coñecer a lingua inglesa. Conseguiu un traballo nunha empresa téxtil, e unha década despois pasou a ser un dos executivos da compañía. No ano 1912 a familia trasladouse a un apartamento no 11º piso do número 155 de Riverside Drive en Manhattan, unha das zonas opulentas da cidade. A súa colección de arte incluía obras de Picasso e Vuillard, e polo menos tres pinturas orixinais de van Gogh. Robert tivo un irmán máis novo, Frank, quen tamén se convertería posteriormente en físico.

Oppenheimer comezou na escola Alcuin Preparatory School, e no ano 1911 pasou á Ethical Culture Society School, fundada por Felix Adler e incluída dentro do movemento chamado "Cultura ética". O pai de Oppenheimer xa pertencía a esta sociedade dende moitos anos antes, formando parte da xunta directiva dende 1907 ata 1915. Oppenheimer estaba considerado un estudante "versátil", amosando interese na literatura inglesa e francesa, e particularmente na mineraloxía. Completou os cursos de terceiro e cuarto nun só ano, saltouse a metade do oitavo curso e no seu último ano de escola comezou a interesarse pola química. Entrou no Harvard College un ano despois cando tiña 18 anos. Esta demora debeuse a que sufriu un ataque de colite ulcerosa durante unhas vacacións familiares en Europa, mentres buscaba minerais en Joachimstal. Para axudalo na recuperación desta enfermidade, o seu pai pediulle axuda ó seu profesor de inglés Herbert Smith, quen levou a Oppenheimer a Novo México para pasar unha tempada. Alí Oppenheimer "namorouse" da equitación e do suroeste do país.

A maiores da titulación en química, Harvard requiría que estudase tamén historia, literatura e filosofía ou matemáticas. Recuperou o seu comezo tardío tomando seis clases en cada semestre, e foi admitido na sociedade honorífica Phi Beta Kappa. No seu primeiro ano pasou a ter o status de graduado en física en base ó seu estudo independente, o que significaba que non tería que asistir ás clases introdutorias e puido pasar directamente ás avanzadas. Un curso en termodinámica impartido por Percy Williams Bridgman espertou o seu interese na física experimental, e conseguiu o graduado summa cum laude en tres anos.

Estudos en Europa En 1924 Oppenheimer recibiu a nova da súa aceptación no Christ's College de Cambridge, e púxose en contacto con Ernest Rutherford pedíndolle o seu permiso para traballar no Laboratorio Cavendish. Bridgman escribiu unha recomendación para Oppenheimer, declarando que a torpeza de Oppenheimer no laboratorio facía aparente que o seu forte non era a física experimental, senón a física teórica. A Rutherford isto non o impresionou, pero Oppenheimer viaxou igualmente a Cambridge na procura de conseguir outro traballo. Finalmente foi aceptado para traballar ás ordes de J. J. Thomson coa condición de que terminase un curso básico de laboratorio. Oppenheimer desenvolveu unha relación antagonista co seu titor Patrick Blackett, quen tan só era sénior por uns anos máis ca el. Durante unhas vacacións, como relatou o seu amigo Francis Fergusson, Oppenheimer confesou que unha vez deixara unha mazá empapada en substancias químicas nocivas no escritorio de Blackett. Malia que a declaración de Ferguson é a única versión detallada existente deste suceso, os pais de Oppenheimer recibiron un aviso das autoridades da universidade que consideraron poñelo nun período de proba, aínda que non sucedeu finalmente grazas á presión que seus pais lle fixeron á universidade.

miniatura|esquerda|250px|Foto de grupo no laboratorio de Leiden de Heike Kamerlingh Onnes, en 1926. Oppenheimer é o terceiro pola esquerda da segunda fila. Oppenheimer era alto, delgado, fumador habitual e adoitaba pasar das comidas durante períodos de concentración intensa. Moitos dos seus amigos da época consideraban que tiña tendencias autodestrutivas. Un evento inquedante en particular sucedeu durante unhas vacacións nas que se reuniu co seu amigo Francis Fergusson en París. Fergusson notou que Oppenheimer non estaba ben, e tentando axudalo a distraerse da depresión, contoulle que ía casar coa súa moza Frances Keeley. Oppenheimer non tomou ben esta nova, reaccionando violentamente contra Fergusson, chegando incluso a tentar esganalo. Malia que Fergusson puido deter a agresión doadamente, este episodio convenceuno de que Oppenheimer tiña profundos problemas psicolóxicos. Os períodos de depresión foron habituais durante toda a súa vida, e nunha ocasión Oppenheimer comentoulle ó seu irmán: "Preciso da física máis que dos meus amigos".

No ano 1926 marchou de Cambridge cara á Universidade de Gotinga para estudar baixo a tutela de Max Born. Gotinga era un dos centros líderes no campo da física teórica, e Oppenheimer fixo amizade con varios científicos de éxito como Werner Heisenberg, Pascual Jordan, Wolfgang Pauli, Paul Dirac, Enrico Fermi e Edward Teller. Era coñecido por ser demasiado entusiasta nos debates, chegando a interromper varias sesións docentes. Para outros estudantes de Born isto resultaba moi irritante, ata o punto de que Maria Goeppert-Mayer chegou a presentar unha petición asinada por varios dos estudantes que ameazaba con boicotear a clase a menos que Born conseguise tranquilizar a Oppenheimer. Born deixouna no seu escritorio nun lugar onde Oppenheimer puidese lela, e sen chegar a dicirlle nada directamente a petición resultou efectiva.

Obtivo o Doutoramento en Filosofía en marzo de 1927 con 23 anos, supervisado por Born. Tralo exame oral, James Franck, o profesor encargado do exame, declarou: "Menos mal que rematou. Estaba chegando ó punto de cuestionarme a min". Oppenheimer publicou máis dunha ducia de artigos en Gotinga, incluíndo moitas contribucións importantes ó campo da mecánica cuántica. Xunto a Born publicaron o destacado artigo sobre a aproximación Born-Oppenheimer, a súa obra máis citada, que separa o movemento nuclear do movemento electrónico no tratamento matemático de moléculas, permitindo descartar o movemento nuclear para simplificar os cálculos.

Primeiros traballos profesionais Traballo educativo Oppenheimer recibiu unha bolsa de investigación do United States National Research Council no Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) en setembro de 1927. Bridgman quixo que traballase tamén en Harvard, polo que se chegou a un acordo polo que dividiría esta bolsa entre Harvard no 1927 e Caltech no 1928. En Caltech fixo amizade con Linus Pauling, planeando un estudo conxunto na natureza do enlace químico, campo no que Pauling era pioneiro, con Oppenheimer centrándose nos cálculos matemáticos e Pauling na interpretación dos resultados. Tanto a colaboración como a amizade cortáronse de raíz cando Pauling comezou a sospeitar que Oppenheimer tiña unha relación demasiado próxima á súa muller, Ava Helen Pauling. Nunha ocasión na que Pauling estaba no traballo, Oppenheimer foi á súa casa e invitouna a unha cita en México. Aínda que ela rexeitou a invitación e deullo a coñecer ó seu esposo, o acontecemento intranquilizou a Pauling e fixo que terminase a súa relación con Oppenheimer. Oppenheimer propúxolle posteriormente ser o xefe da división de química do Proxecto Manhattan, pero Pauling rexeitou a oferta, dicindo que el era un pacifista.

miniatura|dereita|250px|Universidade de California, Berkeley, onde Oppenheimer exerceu de profesor dende 1929 ata 1943 No outono de 1928 Oppenheimer visitou o instituto de Paul Ehrenfest na Universidade de Leiden, nos Países Baixos, onde impresionou os locais ó impartir unhas charlas en neerlandés malia ter moi pouca práctica nesta lingua. Alí déronlle o alcume de Opje, que posteriormente os seus estudantes transformaron na forma inglesa "Oppie". De Leiden pasou ó ETH en Zürich para traballar con Wolfgang Pauli no estudo da mecánica cuántica e do espectro continuo. Oppenheimer sentía respecto e admiración por Pauli, quen resultou de grande influencia no seu estilo persoal e no seu enfoque crítico dos problemas. Á súa volta ós Estados Unidos, Oppenheimer aceptou un posto de profesor na Universidade de California, Berkeley por mor da intervención de Raymond T. Birge, quen chegou a aceptar que compartise o seu traballo alí co que xa viña desenvolvendo en Caltech.