A historia da China abrangue a historia da China e a dos seus estados predecesores. Trátase dunha das civilizacións máis antigas do mundo con continuidade até a actualidade, ten as súas orixes na conca do río Amarelo, onde xurdiron as primeiras dinastías Xia e Shang. A existencia de documentos escritos dende a antigüidade permitiron o desenvolvemento na China dunha tradición historiográfica moi precisa, que ofrece unha narración continua dende as primeiras dinastías até a idade contemporánea.

China é unha das civilizacións antigas máis vellas de todo o mundo que durou dende antes de que Cristo nacese até os nosos tempos. O zodíaco chinés ten 12 animais que son: o can, a serpe, a rata, o boi, a cabra, o mono, o porco, o tigre, o coello, o galo, o dragón e o cabalo, cada un destes animais reina durante todo un ano.

A enorme extensión de territorio ocupado polo estado actual da República Popular da China fai que a historia de todo este territorio sexa a dun gran número de pobos. O fío condutor da historia chinesa céntrase no grupo étnico han, que están intimamente asociados á evolución da lingua chinesa e o seu sistema de escritura, baseado nos caracteres. Nesta continuidade cultural e lingüística establécese unha liña expositiva da historia da civilización china, que, dende os textos máis antigos do I milenio a. C., como os clásicos confucianos, e polas grandes historias dinásticas promovidas polos emperadores, se segue utilizando. Os descubrimentos arqueolóxicos do século XX, moi en especial os dos ósos oraculares, que recollen as primeiras manifestacións escritas en chinés, contribuíron nas últimas décadas a un coñecemento máis detallado das orixes da civilización china.

A narración tradicional chinesa da historia baséase no chamado ciclo dinástico, mediante o cal os acontecementos históricos explícanse como o resultado de sucesivas dinastías de reis e emperadores que pasan por etapas alternas de auxe e declive. Os emperadores poñíanlle aos anos o seu apelido, o 1700 foi na China o ano 38 da era Kangxi, mentres que o 1750 era o ano 15 da era Qianlong. Incluso hoxe en día, en Taiwán ao ano 2007 denomínase en certos contextos como o 96 da República. Este uso das dinastías e os seus emperadores para a propia datación dos anos fixo imprescindible o dominio da cronoloxía dinástica para penetrar no estudo da historia da China.

400px|miniatura|Mapa político animado da historia chinesa por Dinastías. Prehistoria

miniatura|dereita|Cultura de Longshan. O territorio que actualmente ocupa a República Popular da China estivo poboado dende hai miles de anos. Encontráronse restos de homínidos que constitúen os antepasados máis remotos do ser humano. Así o demostran os restos pescudados pertencentes ao home de Renzidong; o home de Yuanmou; o home de Nihewan; o home de Lantian; o home de Nanjing ou o home de Pekín. Posteriormente xurdirían outras culturas, coma o home de Dali; o home de Maba; o home de Fujian ou o home de Dingcun.

O Homo sapiens aparece hai uns 40.000 anos. Hai uns 10.000 anos comézase a cultivar arroz no río Yangzi e pouco despois millo na provincia de Henan. No VIII milenio a. C. as culturas da zona do val do río Amarelo fixéronse sedentarias. Un milenio despois comezaría a domesticación de animais.

Entre o VII e VI milenio a. C. xorden as primeiras civilizacións neolíticas, Peilikan e Cishan, precursoras da cultura de Yangshao, que se fusionaría coas de Dawenkou e Hongshan para dar lugar á cultura de Longshan, comezo da unidade territorial e política de Chaira do Norte da China.

Os Tres Augustos e os Cinco Emperadores

miniatura|dereita|Extensión da dinastía Xia. Son os gobernantes mitolóxicos da China anteriores ás primeiras dinastías históricas. Existen discrepancias sobre as súas identidades. Os tres augustos puideron ser Fuxi, Nüwa e Shennong e os cinco emperadores o Emperador Amarelo, Zhuanxu, Diku, Tangyao e Yushun.

Idade Antiga

Dinastía Xia

Segundo as Memorias históricas de Sima Qian, a primeira dinastía chinesa foi a dinastía Xia, que se prolongaría dende arredor do ano 2100 a. C. até arredor do 1600 a. C., e tería ocupado o curso medio do Río Amarelo. Os nomes dos reis da dinastía son nomeados por Sima Qian cos anos de reinado de cada un. Debe terse en conta, en todo caso, que Sima Qian escribiu a súa obra máis de quince séculos despois da existencia da dinastía, polo que os seus datos, baseados nas tradicións que chegaron a esa época, deben tomarse con cautela. Nin sequera hai probas concluíntes de que existise a dinastía Xia.miniatura|dereita|Encontráronse restos de sociedades avanzadas e estratificadas datados da época da Dinastía Shang no val do río Amarelo. Dinastía Shang

O rexistro máis antigo do pasado da China data da Dinastía Shang, posibelmente no século XIII a.C., na forma de inscricións en ósos ou caparazóns de animais. Esta dinastía tivo a súa capital na cidade de Yin Xu, hoxe Patrimonio Mundial da UNESCO.

Os historiadores chineses de períodos posteriores habituaranse á noción de que unha dinastía sucedía a outra, mais sábese que a situación política na China primitiva era moito máis complexa. Algúns académicos suxiren que os xias e os shangs talvez fosen entidades políticas que coexistiran, da mesma maneira que os zhous foran contemporáneos dos shangs.

Dinastía Zhou

No final do II milenio a. C., a Dinastía Zhou, inicialmente de carácter semi-feudal, emerxeu no val do río Amarelo e terminou por invadir os shangs. Os zhous eran un pobo que vivía ao oeste dos shangs e o seu xefe fora nomeado por estes últimos como "protector occidental". O xefe dos zhous, Rei Wu, co apoio do seu rexente e tío, o Duque de Zhou, derrotaron os shangs na batalla de Muye. Naquel período, o rei zhou invocou ao "Mandato dos Céus" para lexitimar o seu goberno, unha idea que influenciaría a case que todas as dinastías seguintes. Os zhous, de inicio, instalaran a súa capital ao oeste nunha rexión próxima á moderna Xian, preto do río Amarelo, mais posteriormente expandiríanse polo val do río Yangtzé. Esta sería a primeira das varias migracións de poboación do norte para o sur na historia da China.

Período das Primaveras e dos Outonos

No século VIII a.C., o poder político tornouse descentralizado, durante o chamado Período das Primaveras e dos Outonos, cuxo nome provén dos Anais das Primaveras e dos Outonos. Naquel período, xefes militares locais empregados polos zhous comezaron a disputar a hexemonía. A situación agravouse coa invasión doutros pobos a partir do nordeste, como os qins (ou chins), o que forzou os zhous a mover a súa capital ao leste, para Luoyang. Isto marca a segunda grande fase da Dinastía Zhou: os zhous orientais. En cada unha das centenas de Estados que xurdiran, potentados locais detiñan á maior parte do poder político e a súa servidume aos reis zhous era apenas nominal.

miniatura|Os Reinos Combatentes.

Período dos reinos combatentes

Tras un proceso de consolidación política, restaban, ao final do século V a.C., sete Estados prominentes. A fase durante a cal estas poucas entidades políticas combateran unhas contra as outras é coñecida como o Período dos Reinos Combatentes. A figura dun rei zhou continuou a existir até 256 a.C., mais apenas como xefe nominal, sen poderes concretos. A fase final deste período comezou durante o reinado de Ying Zheng, rei de Qin. Despois de acadar a unificación dos outros seis Estados e anexionar outros territorios aos actuais Zhejiang, Fujian, Cantón e Guangxi en 214 a.C., proclamouse o primeiro emperador (Qin Shi Huangdi).

Dinastía Qin: o inicio da China imperial

Os historiadores acostuman denominar como a China Imperial o período entre o inicio da Dinastía Qin (século III a.C.) e a fin da Dinastía Qing (no comezo do século XX).

O rei dos Qin funda unha nova dinastía e toma para si o novo nome de 皇帝 (huángdì), de connotacións relixiosas, que traducimos ao galego por "emperador". A partir deste momento histórico, todos os monarcas chineses posteriores utilizarán este título, abandonando a denominación de "reis" (王 wáng). O novo emperador fíxose chamar 始皇帝 Shǐ Huángdì ("primeiro emperador"), véndose a si mesmo como o primeiro da que esperaba fose unha longa dinastía de emperadores. Hoxe en día os chineses chámano máis frecuentemente Qin Shi Huang ("Primeiro Emperador Qin"). Con el xorde, por primeira vez na historia, un estado chinés forte, centralizado e unificado.

A Dinastía Qin é famosa por ter iniciado a Gran Muralla Chinesa, que foi posteriormente ampliada e perfeccionada durante a Dinastía Ming. Inclúense entre as demais contribucións dos qin a unificación do dereito, da linguaxe escrita e da moeda da China. Até mesmo algo tan prosaico como o cumprimento dos eixes das carrozas ten que ser uniformado de modo que permita un sistema comercial viábel que abarcase todo o imperio.

Dinastía Han: unha fase próspera A Dinastía Han emerxeu en 202 a.C., como a primeira a adoptar a filosofía do confucianismo, que se tornou a base ideolóxica de todos os réximes chineses até a fin da China Imperial. Durante esta fase dinástica, a China logrou grandes avances nas artes e nas ciencias. O Emperador Wu consolidou e ampliou o imperio ao expulsar aos xiongnus (que algúns identifican cos hunos) para as estepas do que é hoxe a Mongolia Interior, tomándolles o territorio correspondente ás actuais provincias de Gansu, Ningxia e Qinghai. Isto permitiu abrir as primeiras ligazóns comerciais entre a China e o Occidente: a Ruta da Seda.

Entre tanto, as adquisicións de terras polas elites gradualmente causarían unha crise tributaria. En 9 d.C., o usurpador Wang Mang fundou a breve Dinastía Xin ("nova") e deu inicio a un amplo programa de reformas agraria e económica. As familias propietarias de terras xamais apoiaron as reformas, que favorecían os labregos e a pequena nobreza, e a inestabilidade causada pola súa oposición levou ao caos e á rebelión.

O Emperador Guangwu reinstituíu a Dinastía Han, situada agora en Luoyang, próximo a Xian, co apoio das familias propietarias e mercantís. Algúns denominaron este período Dinastía Han Oriental. O poder dos hans declinou a adquisición de terras, invasión e liortas entre clans. A Rebelión do Turbante Amarelo, protagonizado polos labregos, estalou en 184 e resultou nunha era de xefes guerreiros. No caos causado, tres Estados buscaron a preeminencia durante o chamado Período dos Tres Reinos.

Dinastía Jin

A reunificación da China produciuse baixo a dinastía Jin, que pode dividirse en dous etapas: os Jin Occidentais (265 - 316), que conseguiron unificar China, e os Jin Orientais (317 - 420), que continuaron gobernando o sur da China.

No ano 263, as tropas de Wei conquistaban o estado de Shu, co que os tres reinos se converteron en dous. En 265, Sima Yan, da prestixiosa familia Sima, descendentes de Sima Qian, derrocou o emperador Wei, acabando co poder da familia Cao, e instaurou a dinastía Jin. No ano 280, os Jin conquistaron o reino de Wu, co que conseguiron reunificar baixo a nova dinastía o antigo imperio Han.

Esta unificación non duraría moito tempo. A corte Jin en Luoyang víase ameazada polos pobos nómades do norte que formara varios estados e gozaban dunha longa tradición militar. Estes estados do norte acabarían conquistando as capitais; Luoyang no amo 311, e Chang'an en 316. Así, o estado Jin desapareceu do norte da China, que pasou a estar dividido en dezaseis reinos. A conquista do norte por parte dos pobos nómades ou seminómades provocou un importante éxodo da poboación cara ó sur. A corte Jin reconstruíuse na cidade sureña de Jiankang, preto da actual Nanjing, onde seguiría gobernando até o ano 420.

Idade Media

Dinastía Sui: a reunificación