A moral (do latín mos, mores, "costumes") é un conxunto de normas que se consideran boas ligadas ao comportamento das persoas en tanto que son membros dunha sociedade, relixión, cultura etc. A moral é unha forma de comportamento humano que comprende un aspecto normativo (unhas regras de conduta) e un aspecto fáctico (actos que veñen de axustarse nun sentido ou noutro a devanditas regras).
A moral ten unha dobre vertente, social e individual. É social porque só se dá en comunidade, xa que depende dunhas necesidades sociais e cumpre unha función social. É individual porque as persoas interiorizan as normas recibidas e manteñen un certo grao de adhesión (e rexeitamento) ás normas establecidas e sancionadas pola comunidade.
Un acto moral é a manifestación concreta do comportamento moral dos individuos. Ten carácter consciente e voluntario e supón unha participación libre do individuo na súa realización.
Terminoloxía
Moral como adxectivo Unha acción é moral cando pode ser clasificada como boa ou mala, como correcta ou incorrecta.
Neurociencia da moral
As áreas cerebrais que están implicadas constantemente cando os humanos razoan sobre cuestións morais foron investigadas mediante múltiples metaanálises cuantitativas a grande escala dos cambios na actividade cerebral informados na literatura de neurociencia moral. A rede neuronal subxacente ás decisións morais solápase coa rede relativa á representación das intencións dos demais (é dicir, a teoría da mente) e a rede relacionada coa representación doutros experimentados) estados emocionais (é dicir, empatía). Isto apoia a noción de que o razoamento moral está relacionado tanto con ver as cousas desde o punto de vista doutras persoas como con comprender os sentimentos dos demais. Estes resultados proporcionan probas de que a rede neuronal que subxace ás decisións morais é probabelmente global (é dicir, pode que non exista un "módulo moral" no cerebro humano) e pode ser disociable en subsistemas cognitivos e afectivos.
Moral en filosofía
A día de hoxe o concepto de moral dentro do ámbito da filosofía pódese resumir así: "como optamos por actuar durante o período no que existimos".
Todos os seres optamos por vivir dunha certa maneira, aínda que poderíamos ter vivido de outra distinta. A nosa moral é o modo no que pensamos que resulta apropiado actuar. Isto pódese expresar de formas variadas.
Moral como formas de conduta Podemos expresar que os fins que poden ser buscados polos individuos en términos de condutas que han de ser seguidas. Así a moral poderíase entender como un determinado código de conduta.
Cada moral constitúe un código de conduta diferente. A moral segundo a cal vive unha persoa é aquela que mellor se corresponde coa súa maneira de actuar, é dicir, a que describe con maior precisión as accións que toma o individuo na súa vida. Normalmente se distinguen entre os códigos de conduta morais e outros códigos, como os relixiosos ou os xurídicos. Así, cando unha persoa adopta como fin último o cumprimento dun código legal ou relixioso, ese código pasa a convertirse na súa propia moral.
Moral como conxuntos de prescricións De maneira similar ás formas de conduta, pódese explicar a moral como un conxunto de prescricións a seguir. Así, a moral dun individuo sería o conxunto de prescricións que se adecúan ao modo no que vive.
Unha prescrición e unha das maneiras nas que pode ser expresado un fin. Isto é, un certo tipo de oración de mandato ou imperativa que indican o que podemos e o que non podemos facer. Por exemplo: o caso dun mandato que nos diga que "non hemos de torturar", ou outro que indique que "hemos de minimizar o sufrimento no mundo". A maneira máis básica de expresar estas ideas é en forma de prescrición, deesta maneira poderíase dicir: "non tortures", e "minimiza o sufrimento no mundo".
Diferenza entre morais e moralidades As morais existentes no mundo real adoitan consistir en conxuntos de prescricións relacionadas entre si. Unha moral con prescricións totalmente inconexas entre si resultaría estraña. Un exemplo dunha moral de prescricións inconexas podería ser o seguinte:
M1 = {“axuda a quen o necesite sempre que non leve prendas azuis”, “non agredas a ninguén, agás os martes entre as 11:10 e as 11:20 da mañá”, “maximiza o número de casas existentes na Antártida”}.
Se nos preguntasen se tal conxunto de prescricións podería constituír unha moral, a resposta tería que ser que si. Sería unha moral posible. Pero ninguén ten unha moral tan rara. Con todo, usualmente as morais de distintos individuos son semellantes. Isto é comprensible se temos en conta que moita xente forma os seus valores morais en contextos semellantes. Estas morais compartidas de forma colectiva en contextos determinados denomínanse “moralidades”. A moralidade é a moral aceptada de forma xeral nun determinado contexto por un determinado colectivo.
Isto non quere dicir que todos os suxeitos que comparten unha certa moralidade teñan exactamente a mesma moral. As súas morais poden presentar diferenzas entre si, pero tamén teñen importantes elementos en común que constitúen a súa moralidade. Á moralidade máis estendida nas sociedades nas que vivimos chámaselle ás veces “moral do sentido común”, entendida como a moralidade aceptada de maneira xeral.
Dous sentidos da palabra moral Con estas dúas definicións ponse de manifesto que existe unha diferenza entre dous sentidos cos que usamos a palabra “moral”. Por unha banda, podemos dicir que os conxuntos de fins últimos que teñen quen toman decisións son as súas morais. Agora ben, por outra banda, dada unha determinada moral (é dicir, un determinado conxunto de fins), adoita dicirse que certas cousas son morais se se axustan a ela, ou inmorais se non se axustan a ela. Pensemos, así, no que sucede no caso de alguén con cuxa moral esteamos moi en desacordo. Poida ser o caso dun individuo nazi que quere enviar á cámara de gas a quen non sexa o que el considera “ario” ou “aria”. Esta persoa ten unha determinada moral. Pero, empregando o segundo sentido que ten a palabra “moral”, podemos considerar que esta é moralmente inaceptable. É dicir, podemos dicir que a súa moral é inmoral. A primeira vista isto parece unha contradición. Se é unha moral, como pode ser inmoral? Pero en realidade isto explícase pola polisemia da palabra “moral”, xa que no segundo caso significa algo distinto que no primeiro. O que estamos a dicir é que non consideramos aceptable a súa moral.
Máis sobre o sentido da palabra moral A miúdo considérase que a palabra "moral" se refire unicamente a como nos relacionamos co resto, é dicir, que fins últimos debemos ter en relación cos demais individuos. Na definición anterior isto é distinto, xa que podemos ter outros fins diferentes da promoción dos intereses doutras persoas.
Existen fins dirixidos a outros individuos que non consisten na procura do que é bo para eles. Hai unha gran cantidade de xente que busca o que é malo para outras persoas. O racismo ou a xenofobia son exemplos diso. Moitas destas persoas cren firmemente que tal actitude é correcta, e quen non manteña unha actitude semellante dentro do seu grupo sería considerado moralmente rexeitable. Tamén existen fins que non están dirixidos nin a beneficiar nin a prexudicar a ningún individuo. Moita xente opina que hai que actuar conforme a prescricións que non teñen que ver coa nosa relación cos demais. Neste ámbito pódense distinguir dous tipos de prescricións.
En primeiro lugar, hai quen cre que existen cousas obxectivamente boas con independencia da maneira en que afecten aos individuos. Así, pódese considerar que un mundo con máis beleza é mellor ca un mundo sen ela, mesmo se non hai ninguén para apreciala. Para estas persoas, a beleza sería algo obxectivo.
En segundo lugar, hai quen considera que existen accións que é incorrecto realizar, ou que deben realizarse, á marxe de que sexan positivas ou negativas para outras persoas, simplemente porque son correctas ou incorrectas. Por exemplo, pode pensarse que hai prácticas impuras que non deben levarse a cabo aínda que non afecten a ninguén.
Por último, existen os fins autodirixidos, é dicir, aqueles relativos ao que nos sucede a nós mesmos. Isto é o que ocorre nun exemplo das cadeas de fins. Nel, buscas as uns fins, que levan a outros fins, en último termo, para chegar a un fin último, usualmente evitar o teu propio sufrimento. Segundo unha definición de moral centrada unicamente no que afecta aos demais, os fins autodirixidos, é dicir, o autointerese, non formarían parte da moral.Isto non significa que as cuestións autodirixidas non teñan nada que ver coa moral. O debate xira arredor da propia definición de moral e de se este tipo de fins deben ou non incluírse nela.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Amoral Ética
Categoría:Conceptos filosóficos Categoría:Ética