Roald Engelbregt Gravning Amundsen, nado en Borge, Østfold (Noruega) o 16 de xullo de 1872 e finado no mar de Barents posiblemente o 18 de xuño de 1928, foi un explorador noruegués das rexións polares. Foi unha figura clave do período coñecido como a era heroica da exploración da Antártida.

Dirixiu a expedición á Antártida que por primeira vez alcanzou o Polo Sur. Tamén foi o primeiro en sucar o Paso do Noroeste, que unía o Atlántico co Pacífico, e formou parte da primeira expedición aérea que sobrevoou o Polo Norte.

Contaba cunha excelente formación mariñeira e unha especial habilidade nas técnicas de supervivencia, aprendidas en parte da súa experiencia en deportes invernais, na vida dos esquimós e nas expedicións que lle precederon. Nas súas diferentes expedicións contou cun renombrado equipo nos campos da navegación, do esquí, da enxeñería aeronáutica e da aviación. Amundsen desapareceu o 18 de xuño de 1928 mentres voaba en avión no transcurso dunha operación de rescate no Ártico.

Traxectoria Infancia Amundsen naceu nunha familia de armadores e capitáns noruegueses en Borge, entre as cidades de Fredrikstad e Sarpsborg, moi preto de Oslo. Os seus pais foron o capitán e armador Jens Amundsen e Hanna Sahlqvist. Roald era o cuarto fillo da familia. Cando tiña quince anos, Amundsen quedou cativado pola lectura dos relatos de Sir John Franklin sobre as súas expedicións árticas por terra. Amundsen escribiu: "Linos cunha fervente fascinación que marcou todo o curso da miña vida". A súa nai tentou mantelo fóra da industria marítima e presionouno para que fose médico, pero aos 21 anos, cando morreu a nai en 1893, deixou os estudos para ter unha vida no mar.

Impresionado fortemente pola travesía de Fridtjof Nansen en 1882, na que cruzou Groenlandia en esquís, decidiu continuar os seus pasos e converterse en explorador polar.

O paso seguinte consistiu en adquirir coñecemento en navegación, polo que regresou a Oslo para asistir á Christiania Sjømandsskole (Escola de Mariñeiros de Christiania), onde obtivo a súa licenza náutica o 1 de maio de 1895.

Expedición belga á Antártida miniatura|esquerda|upright|O navío RV Belgica

En 1897, Amundsen soubo dun proxecto belga para explorar a Antártida. Despois de entrevistarse con Adrien de Gerlache, o líder da expedición, Amundsen conseguiu o posto de temoneiro. A bordo do buque Belgica partiu a exploración desde Anveres (Bélxica) o 16 de agosto de 1897. Aí coñeceu ao estadounidense Frederick Cook, o médico da expedición, co que lograría cultivar unha duradeira amizade. A expedición belga foi a primeira en invernar ao sur do círculo polar antártico. O buque quedou atrapado no mar xeado nas coordenadas 70°30′ S, ao oeste da península antártica. A tripulación debeu enfrontar un cru inverno sen estar preparada correctamente para facelo. Segundo a propia estimación de Amundsen, o médico da expedición, o estadounidense Frederick Cook, probablemente salvou á tripulación do escorbuto cazando animais e alimentándoa con carne fresca. Nos casos nos que faltan cítricos, a carne crúa, especialmente as vísceras, dos animais adoita conter suficiente vitamina C para previr o escorbuto. Amundsen deu estímulos á tripulación e mandou confeccionar abrigos con pel de foca. Esta sería unha lección importante para as seguintes viaxes de Amundsen. Amundsen e Cook máis tarde tomaron o mando do barco cando De Gerlache enfermou gravemente.

Expedición ao Paso do Noroeste miniatura|esquerda|upright|Ruta do paso do noroeste. miniatura|esquerda|upright|O veleiro Gjøa.

En 1903 Amundsen comandou a primeira expedición que logrou percorrer o Paso do Noroeste entre os océanos Atlántico e Pacífico, xunto a outros seis integrantes a bordo do veleiro Gjøa, comprado por Amundsen. O seu percorrido levounos a tavés baía de Baffin, e os estreitos de Lancaster, Peels, James Ross e Rae ata alcanzar a rexión actualmente coñecida como Gjoa Haven, en Nunavut, Canadá. Alí permaneceron durante dous invernos en actividades e investigación e exploración. Durante este tempo reuniu coñecementos sobre o magnetismo do planeta Terra. Estudara, anteriormente, o magnetismo en Holanda.

Durante esta época, Amundsen estudou aos habitantes locais chamados netsilik para aprender as súas técnicas de supervivencia, algo que o levou a adoptar as súas vestiduras. Tamén deles foi que aprendeu o uso de zorras con cans de tiro. Tras continuar a súa viaxe ao sur da illa Victoria, a expedición atravesou o arquipélago Ártico o 17 de agosto de 1905, pero debeu deterse durante o inverno antes de chegar á localidade de Nome, na costa pacífica de Alasca. Amundsen viaxou 800 km ata Eagle, cidade que contaba cunha estación telegráfica, para dar a noticia do seu obxectivo cumprido. En 1906 chegou a Nome. Dise que todo o aprendido nesta viaxe, especialmente a utilidade dos cans, foi decisivo para alcanzar o polo sur.

Nesta época, Amundsen decatouse da disolución da unión entre Noruega e Suecia, e de que tiña un novo rei. O explorador enviou ao novo rei, Haakon VII, a noticia de que a súa travesía do Paso do Noroeste "era un gran logro para Noruega". Dixo que esperaba facer máis e asinouno "O teu leal súbdito, Roald Amundsen." A tripulación regresou a Oslo en novembro de 1906, despois de case tres anos e medio no estranxeiro. O Gjøa foi devolto a Noruega en 1972. Tras unha viaxe de 45 días desde San Francisco nun buque graneiro, foi depositado en terra fronte o museo Fram de Oslo, onde agora está situado dentro do seu propio edificio dedicado a museo.

Carreira ao Polo Sur

miniatura|upright|O navío Fram na Antártida

Tras a súa expedición ao paso do noroeste, Amundsen planeou outra expedición, desta vez ao polo norte, para o que faría uso do buque Fram, o Fram que era propiedade do goberno noruegués pero ideado e deseñado para a exploración polar por Fridtjof Nansen quen o utilizaba nas súas exploracións árticas. Amundsen recrutou á súa tripulación en Tromso. Porén pouco despois tivo novas de que Robert Peary se lle adiantara en ser o primeiro ser humano no Polo Norte, Amundsen cambiou os seus plans, e decidiu lanzarse a explorar o polo sur. (en francès) Paolo Novaresio; Les Grands explorateurs; Gründ; 1996; Parece ser que non notificou o cambio á súa tripulación ata que partiran.

Amundsen non fixo público o seu cambio de plans de maneira inmediata, ante a posibilidade de que Nansen negásese a prestar o Fram para a viaxe antártica. Ao decatarse Nansen, apoiou a expedición. Amundsen abandonou Oslo cara ao sur o 3 de xuño de 1910. Cando chegou á illa de Madeira, Amundsen enviou por telegrama a noticia da súa expedición a Robert Falcon Scott, outro explorador que pretendía alcanzar o polo sur e que sería o seu rival nesa carreira. O texto do telegrama dicía BEG TO INFORM YOU FRAM PROCEEDING ANTARCTIC -- AMUNDSEN ("permítome informarlle de que o Fram está de camiño á Antártida").

O 14 de xaneiro de 1911 chegou co Fram á plataforma de xeo de Ross, no mar de nome homónimo. Ancorou o buque na baía das Baleas e levantou o seu campamento, que chamou Framheim. Scott pola súa parte establecérase en MacMurdo Sound, 96 quilómetros máis lonxe do Polo Sur que Amundsen. Mentres o plan do británico era seguir a ruta de Ernest Shackleton polo glaciar Beardmore ata a meseta Antártica, Amundsen pretendía crear a súa propia, subindo os montes Transantárticos ata a susodita meseta.

En febreiro, marzo e abril de 1911, os expedicionarios colocaron postos de subministracións nos paralelos 80°, 81° e 82° Sur en liña directa cara ao polo, unha práctica que lles permitiría probar as condicións do lugar así como o funcionamento dos equipos. Durante o inverno, os expedicionarios dedicáronse á realizar melloras significativas no equipo, en particular das zorras, cuxo peso conseguiu reducir signifativamente Olav Bjaaland. O 4 de febreiro de 1911, unha parte da expedición de Scott realizou unha visita amigable en barco ao Framheim. miniatura|upright|esquerda|Roald Amundsen e os seus compañeiros mirando a bandeira norueguesa cravada no Polo sur o 16 de decembro de 1911. Foto tomada por Olav Bjaaland.

O 8 de setembro de 1911 a expedición nórdica saíu dirección ao polo, o equipo formábano oito persoas: Olav Bjaaland, Helmer Hanssen, Sverre Hassel, Oscar Wisting, Jørgen Stubberud, Hjalmar Johansen, Kristian Prestrud e o propio Amundsen. O momento da partida escolleuse debido a un aumento das temperaturas que semellaba un quentamento primaveral, porén poucos días despois da partida as temperaturas baixaron drasticamente ata chegar aos -51 °C, polo que chegaron ao posto 80ºS deixaron as subministracións e regresaron rapidamente a Framheim. O resultado foi o desencontro entre os membros do equipo, polo que se reestructurou a expedición, a Johansen, Prestrud e Stubberud encargoulles explorar a Terra de Eduardo VII, descuberta recentemente por Scott, mentres que Amundsen, Bjaaland, Hanssen, Hassel e Wisting formaron a nova expedición ártica.

O novo intento de expedición foi o 19 de outubro de 1911 con catro zorras e 52 cans de raza groenlandesa, liderados pola femia Etah. O alimento do equipo consistía nunha ración diaria de 380 g de galleta, 350 g de pemmican, 40 g de chocolate e 60 g de leite en po mentres que para os cans asignóuselles 500 g de pemmican diarios.

O 23 de outubro chegaron ao posto 80º e o 3 de novembro ao 82º, o último antes do polo sur. O 15 de novembro alcanzaron a latitude 85ºS, aos pés dos montes Transantárticos, o 21 de novembro remataron a travesía dos mesmos e chegaron á meseta antártica, que sería renomeada coma meseta do Rei Haakon VII, e os montes adxacentes como montes da Raíña Maud. Alí levantaron un campamento que recibiría o nome da Carnizaría, no que foron sacrificados 24 cans. Unha parte da carne sería empregada para alimentar aos cans sobreviventes, e o resto almacenaríase para a viaxe de volta.(en inglés) Roald Amundsen; The South Pole; volumen II; capítulo XI Sometidos a tempestades ao cruzar por carreiros bastante escarpados, chegaron aos 87°S o 4 de decembro e o día 7, tres días despois, alcanzarían o punto máis ao sur da expedición de Shackleton: 88°23′ S, quedando a 180 km do polo sur.

Finalmente a expedición alcanzou o polo sur o 14 de decembro de 1911, 35 días antes que a expedición de Scott. Amundsen levantou o seu campamento en pleno polo sur, chamandoo Polheim, deixando montada unha tenda cunha mensaxe no seu interior, dando testemuño da súa viaxe por se o equipo non dese regresado a Framheim.Roald Amundsen, The South Pole, Volumen 2, Capítulo XII O equipo chegaría ao campamento de partida o 25 de xaneiro de 1912, 99 días despois da partida e con só once cans.

A causa da dificultade nas comunicacións o éxito da expedición non sería comunicado ata o 7 de marzo, cando chegaron a Hobart, en Australia. Toda a viaxe está narrada no libro de Amundsen O polo sur: un informe da expedición antártica noruega no "Fram", 1910-1912

A expedición de Amundsen beneficiouse da súa coidadosa preparación, bo equipo, roupa axeitada, unha tarefa primaria sinxela, a comprensión dos cans e o seu manexo e o uso eficaz dos esquís. En contraste coas desgrazas do equipo de Scott, a andaina de Amundsen resultou relativamente suave e sen incidentes.

Comparación das expedicións de Amundsen e Scott

miniatura|upright|As rotas seguidos por Amundsen (vermello) e Scot (verde). A gran diferenza estratéxica entre ambas as expedicións foi que Amundsen baseou o seu transporte exclusivamente en zorras con cans groenlandeses, mentres que Robert Falcon Scott contou co uso de cabalos mongoleses. Amundsen decidiu sacrificar varios cans antes de chegar ao polo e almacenar a carne para o regreso; esta estratexia permitiulle minorar o peso do alimento dos cans e asegurar a alimentación dos animais sobreviventes na viaxe de volta.