O Foxo é un lugar da parroquia de Silleda no concello pontevedrés de Silleda. Segundo o IGE en 2011 tiña 56 habitantes, deles 27 eran homes e 29 eran mulleres. Isto supón unha diminución con respecto ao ano 1999 cando tiña 65 habitantes.

Historia O Foxo viviu a súa época dourada entre os séculos XVI e o primeiro terzo do XIX. Pertencía á antiga provincia de Santiago e á xurisdición de Trasdeza, sendo capital civil do distrito do mesmo nome. Xa aparece mencionado nunha das primeiras cartografías que se conservan sobre Galicia, o mapa do reino de Galicia de Fenando de Ojea do ano 1612. Moi descoidado na actualidade, diversas fontes destacan a súa importancia como cruzamento de importantes camiños medievais, paso obrigado de arrieiros, arteria que ía a Compostela e verea relixiosa para aqueles que dende o sur da península e nordeste de Portugal peregrinaban ata a catedral de Santiago.

O paso obrigado de camiñantes de diverso rango, marcou a vida desta aldea e xerou os servizos e establecementos que se demandaban, como o de postas, do ferreiro, de botica, correos, estanco, cobradores de impostos e de portádego, fontes, lavadoiro, capela de servizos relixiosos, xuíz e administrador real.

Actualidade Aínda hoxe, no Foxo aprécianse restos da diversa tipoloxía de construcións, destacando, polas súas dimensións, edificacións como a Casa de Martínez de 1793, a Casa da Botica, a Casa Cuartel, a que foi Casa do Concello e antes Casa da Administración,con estafeta de correos e estanco, case non se distingue agora por culpa das hedras.

Relixión No Foxo venérase a San Roque, o peregrino por excelencia e celébrase unha misa na súa honra unha vez ao ano, o 16 de agosto.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Silleda

Parroquias de Silleda

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Lugares de Silleda