A vacina (do latín vaccinus, 'vacún'; de vacca, 'vaca') é un preparado de antíxenos que unha vez dentro do organismo provoca unha resposta de ataque, denominada anticorpo. Esta resposta xera memoria inmunolóxica producindo, na maioría dos casos, inmunidade permanente fronte á enfermidade. A seguridade e a eficacia das vacinas foron amplamente estudadas e verificadas. Unha vacina normalmente contén un axente que se asemella a un microorganismo causante de enfermidades e adoita estar feita a partir de formas debilitadas ou mortas do microbio, as súas toxinas ou unha das súas proteínas superficiais. O axente estimula o sistema inmunitario para recoñecer o axente como unha ameaza, destruílo e recoñecer e destruír calquera dos microorganismos asociados con ese axente cos que poida atoparse no futuro.

As vacinas poden ser profilácticas (para previr ou aliviar os efectos dunha futura infección causada por un patóxeno natural ou «silvestre») ou terapéuticas (para combater unha enfermidade que xa se desenvolveu, como o cancro). Algunhas vacinas proporcionan unha inmunidade esterilizante completa, que prevén a infección.

A primeira vacina descuberta foi a usada para combater as vexigas por Edward Jenner en 1796.

As vacinas clasifícanse en dous grandes grupos

Vacinas vivas ou atenuadas Vacinas mortas ou inactivadas Existen varios métodos de obtención: Vacinas avirulentas preparadas a partir de formas non perigosas do microorganismo patóxeno. Vacinas a partir de organismos mortos ou inactivos. Antíxenos purificados. Vacinas xenéticas.

As vacinas adminístranse por medio dunha inxección, ou por vía oral (tanto con líquidos como con pastillas).

Historia O descubrimento das vacinas foi un adianto moi importante para a procura biomédica e unha das principais causas da mellora da saúde e da calidade de vida, especialmente no ser humano.

miniatura|Lady Mary Wortley Montagu co seu fillo.

As primeiras mostras de vacinación atopámolas na China, escritas nun tratado de medicina onde se explicaba que rozaban algodón nunha pústula madura e despois introducíana nas fosas nasais. Deste xeito provocaban a inmunización total ou parcial contra as vexigas. En Turquía, durante a era do imperio Otomán, houbo numerosas epidemias de vexigas e a técnica da vacinación colleu forza. As fontes turcas din que foron uns poboadores turcos na fronteira con Persia quen introduciron a vacinación de maneira cerimonial. É aquí onde ten un papel moi importante Lady Mary Wortley Montagu, aristócrata e escritora londiniense nada en 1689. Montagu vive a morte do seu irmán debido ás vexigas ós 20 anos, entón empeza a interesarse por este tema. Ó cabo de dous anos, ela mesma sofre a enfermidade e sobrevive. Mentres está enferma, ofrecen ao seu marido o cargo de embaixador no imperio Otomán. Parte con toda a familia. No canto de quedar recluída en casa vai coñecer a realidade turca. En Turquía coñece a realidade da vacinación e queda fascinada por esta técnica. Decide aplicarlla ao seu fillo e posteriormente é a introdutora do proceso en Europa. Describe o proceso nunha carta enviada a unha amiga que se titula "Á turca".

O médico británico Edward Jenner inventou a primeira vacina contra as vexigas, inspirado na técnica da vacinación, introducida por Lady Mary. En 1796 levou a cabo o seu famoso experimento de inmunización con linfa de vexigas vacúas, e naquel momento inaugurouse a era da vacinación. Jenner descubriuno escoitando a unha pastora leiteira do seu pobo que dicía que non collería as vexigas porque xa collera as vexigas das vacas. As vexigas das vacas era unha enfermidade que provocaba unha erupción ao muxir estes animais. Os pastores observaron que, se se contaxiaban das vexigas das vacas e chegaba unha epidemia de vexigas, raramente enfermaban.

O experimento de Jenner consistiu na introdución das vexigas vacúas, procedente dunha pústula dunha campesiña que traballaba con vacas, a un neno de oito anos. A descrición de tal acontecemento atopámola ao seu ensaio Investigación sobre as causas e os efectos da vacina das vexigas. Case dous séculos despois, en 1979, a Organización Mundial da Saúde proclamou oficialmente erradicada as vexigas en todo o mundo.

miniatura|Edward Jenner|164x164px

O 1874 entra en vigor en Alemaña a Lei da Vacinación, que introduciu a obrigatoriedade da vacinación contra as vexigas a todos os nenos no seu primeiro ano de vida, sempre que non contraesen a enfermidade. E aos menores de doce anos, que non sufrisen as vexigas nos cinco anos anteriores. En España a introdución das vacinas foi a cargo de F. Pigillem (1770-1826). A finais do século XVIII vacinou a cinco nenos en Puigcerdá. F. Salvá y Campillo destacaron tamén no campo da vacinación. O labor dos dous médicos conduciu á vacinación de 3.000 persoas en maio de 1801. I. de Jauregui e J.M. Ruiz de Luzuriaga introduciron a vacinación en Aranxuez e en Madrid, respectivamente. O primeiro libro español sobre vacinacións, Tratado Histórico y Práctico de Vacuna, foi escrito por J.L. Moreau e editado en Madrid en 1803. Moreau era profesor de Medicina e Catedrático de Hixiene do Liceo Republicano. Neste libro descríbese a vacina contra as vexigas e os resultados máis importantes que se obtiveron até entón.

En 1881, Louis Pasteur, seguindo os pasos de Jenner, realizou un experimento. Inoculou cultivos atenuados da bacteria do ántrax a diferentes grupos de animais, aos cales repetiu a dose con cultivos cada vez máis virulentos. Finalmente, tamén inoculou a un grupo de animais de control que non estiveran previamente en contacto con este bacilo. Como resultado, observou que morreron case todos os animais do grupo de control; en cambio, os inoculados previamente non presentaron síntomas da enfermidade. Pasteur, así, introduciu os conceptos de vacina e vacinación en homenaxe a quen foi o pioneiro neste campo.

Cronoloxía das vacinas Só a varíola foi eliminada no mundo. A poliomielite e o xarampón atópanse en campañas de erradicación.

Século XVIII 1785: Primeira vacina para otite severa; 1796: Primeira vacina para varíola.

Século XIX 1879: Primeira vacina para a diarrea; 1881: Primeira vacina para o ántrax; 1882: Primeira vacina para a rabia; 1890: Primeira vacina para o tétanos; 1890: Primeira vacina para a difteria; 1897: Primeira vacina para a peste.

Século XX 1926: Primeira vacina para tose ferina; 1927: Primeira vacina para a tuberculose; 1935: Primeira vacina para a febre amarela; 1937: Primeira vacina para o tifo; 1945: Primeira vacina para a gripe; 1952: Primeira vacina para a poliomielite; 1954: Primeira vacina para a encefalite xaponesa; 1962: Primeira vacina oral para a poliomielite; 1964: Primeira vacina para o xarampón; 1967: Primeira vacina para a papeiras; 1970: Primeira vacina para a rubéola; 1974: Primeira vacina para a varicela; 1977: Primeira vacina para a pneumonía (Streptococcus pneumoniae); 1978: Primeira vacina para a meninxite (Neisseria meningitidis); 1981: Primeira vacina para a hepatite B; 1985: Primeira vacina para a Haemophilus influenzae tipo b (HiB); 1992: Primeira vacina para a hepatite A; 1998: Primeira vacina para a enfermidade de Lyme;

Século XXI 2003: Primeira vacina nasal para a gripe aprobada nos Estados Unidos. 2006: Primeira vacina para o virus do papiloma humano, que é unha causa de cancro cervical. 2012: Primeira vacina para a hepatite E. 2012: Primeira vacina cuadrivalente da gripe. 2015: Primeira vacina para o enterovirus 71, unha das causas da febre aftosa humana. 2015: Primeira vacina para a malaria. 2015: Primeira vacina para o dengue. 2019: Primeira vacina aprobada para o ébola. 2020: Primeira vacina para a COVID-19 (vacina de Pfizer-BioNTech para a COVID-19).

Tipos Vacinas convencionais As vacinas poden estar compostas de bacterias ou virus, xa sexan vivos ou debilitados, que foron criados con tal fin. As vacinas tamén poden conter organismos inactivos ou produtos purificados provenientes daqueles primeiros. Hai catro tipos tradicionais de vacinas:

Inactivadas: microorganismos daniños que foron tratados con produtos químicos ou calor e perderon o seu perigo. Exemplos deste tipo son: a gripe, cólera, peste bubónica e a hepatite A. A maioría destas vacinas adoitan ser incompletas ou de duración limitada, polo que é necesario máis dunha toma. Vivas atenuadas: microorganismos que foron cultivados expresamente baixo condicións nas cales perden as súas propiedades nocivas. Adoitan provocar unha resposta inmunolóxica máis duradeira, e son as máis usuais nos adultos. Por exemplo: a febre amarela, xarampón ou rubéola (tamén chamada xarampón alemán) e papeiras. Toxoides: son compoñentes tóxicos inactivados procedentes de microorganismos, en casos onde eses compoñentes son os que de verdade provocan a enfermidade, en lugar do propio microorganismo. Neste grupo pódense atopar o tétanos e a difteria. Subunitarias: máis que introducir un microorganismo atenuado ou inactivo enteiro dentro dun sistema inmune, un fragmento deste pode crear unha resposta inmunitaria. Un exemplo característico é a vacina subunitaria contra a hepatite B, que está composta soamente pola superficie do virus (superficie formada por proteínas).

A vacina viva da tuberculose non é a versión contaxiosa desta enfermidade, pero unha variante chamada BCG (Bacilo de Calmette e Guerin, os seus descubridores) é usada raramente nos Estados Unidos.

Problemas das vacinas convencionais Problemas de seguridade: é posible a reversión á virulencia dos axentes nas vacinas atenuadas, ou erros á hora de inactivalos nas vacinas inactivadas. É difícil detectar se houbo contaminación por parte de partículas bacterianas ou víricas non desexadas. Problemas causados polos efectos secundarios: no ámbito local poden producir hematomas, e no ámbito sistémico poden provocar, sobre todo, reaccións de hipersensibilidade. Necesidade de conservarse en frío. Non hai vacinas para todas as enfermidades. Non se pode diferenciar entre individuos vacinados e individuos infectados: cando un individuo está vacinado, o sistema inmunitario detecta os mesmos antíxenos que cando se produce unha infección e a resposta é similar, dando lugar a falsos positivos nos diagnósticos.

Vacinas de nova xeración Hoxe día están a desenvolverse e probando novos tipos de vacinas: Conxugadas: certas bacterias teñen capas externas de polisacáridos que son minimamente inmunolóxicos. Pondo en contacto estas capas externas con proteínas, o sistema inmunitario pode ser capaz de recoñecer o polisacárido coma se fose un antíxeno (un antíxeno pode ser unha proteína ou un polisacárido). Este proceso é usado na vacina Haemophilus influenzae do tipo B (tamén coñecido como bacilo de Pfeiffer). Vector recombinante: combinando a fisioloxía (corpo) dun microorganismo dado e o ADN (contido) doutro distinto, a inmunidade pode ser creada contra enfermidades que teñan complicados procesos de infección. Vacina de ADN: vacina de desenvolvemento recente, é creada a partir do ADN dun axente infeccioso. Funciona ao inserir ADN de bacterias ou virus dentro de células humanas ou animais. Algunhas células do sistema inmunitario recoñecen a proteína xurdida do ADN estraño e atacan tanto á propia proteína como ás células afectadas. Dado que estas células viven longo tempo, se o axente patóxeno (o que crea a infección) que normalmente produce esas proteínas é atopado tras un período longo, serán atacadas instantaneamente polo sistema inmunitario. Unha vantaxe do vacúas ADN é que son moi fáciles de producir e almacenar. Aínda que en 2006 este tipo de vacúa era aínda experimental, presenta resultados esperanzadores.