O contido deste artigo refírese á banda deseñada en xeral. Para obter máis información sobre o personaxe, véxase Garfield (personaxe); para ver outros usos do termo, véxase Garfield (homónimos).
Garfield é o nome dunha banda deseñada diaria creada por Jim Davis. Publícase desde o 19 de xuño de 1978 e ten como protagonistas ao gato cínico e lacazán Garfield, ao non moi listo can chamado Odie e mais ao dono de ambos os dous, o inepto Jon Arbuckle. O nome do protagonista vén do avó de Jim Davis, James Garfield Davis, que á súa vez fora bautizado en honor ao presidente estadounidense James Abram Garfield.
Ao principio publicouse en só 41 xornais, pero rapidamente a súa tira cómica estendeuse por todo o mundo. No ano 2007, aproximadamente 2.580 xornais e revistas publicaban a historieta, que é lida diariamente por 263 000 000 persoas en todo o mundo. Actualmente posúe o Récord Guinness de ser a tira cómica máis amplamente imprimida. A popularidade do cómic deu pé a varios especiais animados para a televisión, dúas series de animación (a máis nova, animada por ordenador, está actualmente en produción), dúas longametraxes de acción e aventuras e tres películas animadas por ordenador que saíron directamente en vídeo (as dúas últimas están actualmente en produción); así como unha enorme cantidade de mercancías de Garfield.
O gato Garfield divírtese dándolle empurróns a Odie para tiralo da mesa; rise dos donos de mascotas e da relación que teñen cos seus animais domésticos, que normalmente son os verdadeiros xefes do fogar. Garfield tamén loita contra problemas humanos, tales como as dietas, os luns, a apatía e mais o aburrimento.
Historia Nos anos 70, Davis escribiu unha tira cómica, Gnorm Gnat; e esta topouse con moitas críticas negativas. Un editor contoulle a Davis que «a súa arte era boa e os chistes eran estupendos», pero «ninguén se pode identificar con bichos». Davis fíxolle caso ao consello e creou unha nova historieta cun gato como personaxe principal.Davis. 20 Years & Still Kicking!: Garfield's Twentieth Anniversary Collection. p. 14. Orixinalmente a tira contaba con catro personaxes principais. Garfield, está baseado nos gatos cos que Jim Davis creceu de mozo; colleu o seu nome e personalidade do seu avó, James Garfield, o cal era, segundo as palabras de Davis, "un gran túzaro". Jon Arbuckle veu dun anuncio de café dos anos 50, e Odie veu doutro anuncio para a radio que Davis escribiu para Oldsmobile-Cadillac. O cuarto personaxe, Lyman, era o dono orixinal de Odie; foi creado para que Jon tivese a alguén con quen falar. Máis adiante, Davis deuse de conta de que Garfield e mais Jon podían "comunicarse de xeito non verbal", polo que Lyman foi eliminado. Nun principio, a historieta foi rexeitada por King Features Syndicate e Chicago Tribune-New York News; United Feature Syndicate, non obstante, a aceptou en 1978. Debutou en corenta e un xornais o 19 de xuño dese mesmo ano. En 1994, a compañía de Davis, Paws, Inc., adquiriu a United Feature todos os dereitos das tiras de 1978 a 1993. Actualmente a tira cómica é distribuída por Universal Press Syndicate, no entanto, os dereitos da historieta aínda pertencen a Paws.
Garfield converteuse rapidamente nun éxito comercial. En 1981, menos de tres anos tras a súa primeira publicación, a tira cómica aparecía en 850 xornais e acumulaba máis de 15 millóns de dólares en mercancías. Para xestionar todos os produtos de Garfield, Davis fundou Paws, Inc. Xa no ano 2002, Garfield era a historieta máis publicada do mundo, dado que se imprimía en 2570 xornais e contaba con 263 millóns de lectores ao redor do mundo. Un par de anos despois, no 2004, Garfield aparecía en preto de 2600 periódicos e tiña recadado de 750 millóns a mil millóns de dólares en mercancías en 111 países.
Evolución ao longo das tiras O 19 de xuño de 1978 Garfield debutou por primeira vez coa súa tira cómica, data que, ademais, é considerada como o seu aniversario. O gato sufriu cambio significativos ao longo da vida da banda deseñada. Agora, as súas gadoupas están debuxadas máis estilizadas, parecidas ás mans e pés humanos. A partir, máis ou menos, de 1982 ten un cello ancho que lle dá máis expresión á tira. Cara á metade de 1983, a súa aparencia (caracterizada daquela por uns ollos con forma oval) moldeáronse. Daquela, Garfield comeza a camiñar a dúas patas e o cómic empeza a facer fincapé en comedias de situación, tales como que Garfield fai grazas sobre a estupidez de Jon e a súa incapacidade de ir de mozas. Jon e mais Odie tamén foron evolucionando: de ser delgados e con pouca cor ata os debuxos que son hoxe.
Os personaxes e situacións en Garfield son, actualmente, constantes, sen cambios ou desenvolvemento durante os últimos anos. Se ben, isto non lle pasa a Garfield como a Calvin en Calvin e Hobbes e aos nenos de Peanuts que nunca cumpren anos. Outros cómics, como For Better or For Worse, Cathy, Doonesbury e Archie Comics manteñen unha continuidade cos personaxes, os cales se desenvolven, avellentan e poden incluso morrer ao longo da historia. Nunha secuencia particular, non obstante, preto do 25 aniversario de Garfield (datas nas cales Garfield sempre se está a queixar sobre a súa idade e o resto dos personaxes fan sutís referencias a el), Jim Davis trouxo de volta ao Garfield de 1978, aquel que camiñaba a catro patas e que tiña sempre o cello engurrado. O novo e mais o vello Garfield falan e danse conta de que, aínda que o seu aspecto é diferente, son demasiado mangallóns e territoriais para manterse por si sós.
O 16 de xullo de 2006, unha nova historia lineal comezou coa promesa de que a vida de Garfield cambiaría para sempre (de acordo coa web oficial das tiras cómicas). Durante as dúas semanas seguintes, Garfield e Jon mancharon por accidente á veterinaria de Garfield, Liz Wilson, e Jon esmagouna contra outro home nun restaurante. Despois dun encontro embarazoso, Liz admitiu que Jon lle gustaba e a cita rematou cun bico o 28 de xullo (o día do aniversario de Jon e mais de Jim Davis); Jon, por fin, puido dicir que tiña unha vida.
O 7 de xuño de 1999, os xornais comezaron a ofrecer as tiras cómicas da semana de Garfield a toda cor.
Cambios de aspecto Ao longo da súa historia, Garfield foi trocando o seu aspecto, polo que non ten nada que ver o Garfield orixinal que puidemos ver no ano 1978 co que podemos ollar na actualidade.
1978: o seu aspecto é moi diferente do que coñecemos agora. Tiña un enorme corpo, unha gran papada e uns ollos moi pequenos. En canto ao seu carácter, era máis irónico. 1981: deseguida sofre espectaculares cambios. Fánselle os ollos máis grandes e redúceselle o corpo drasticamente con respecto á súa cabeza. 1984: redúcese un pouco máis o seu corpo e ten o costume de estar apoiado nas súas patas traseiras. A súa cara vai tomando o aspecto que hoxe coñecemos. 1988: empeza a apoiarse en tódalas súas patas axudado pola súa barriga, arrastrándoa por toda a casa. Os seus ollos vólvense máis ovalados. 1990: aínda que xa aprendera a camiñar á dúas patas en 1981, aínda aparece case sempre sobre catro patas. A partir de agora poñerase de pé sobre as patas traseiras, polo que estas se volven máis longas, así como os seus pés. 1992: medra todo o seu corpo e adquire moita máis personalidade. Os seus ollos ocupan case que toda a súa cara. Nesta época conversa moito con Jon. 1994: os seus ollos vólvense aínda moito máis ovalados e os seus pés seguen medrando. 1996: comeza a poñerse de pé en moitas máis ocasións das que o viña facendo. Aumenta o tamaño da súa cola. 2000: o seu corpo faise máis alongado. A súa cabeza adquire uns trazos moi ovalados e os seus ollos alónganse aínda máis.
Autoría Jim Davis escribe e fai os chistes para a tira, pero a súa compañía, Paws, emprega debuxantes e asistentes que fan a maior parte do traballo de rematar o debuxo e repasar con tinta. Normalmente, el simplemente aproba e dá o visto e prace á tira finalizada, dado que Davis gasta a maior parte do seu tempo xestionando os negocios e as mercancías de Garfield.
Jim Davis aprendeu a facer un esforzo para mellorar o seu cómic anterior, Gnorm Gnat, e conseguiu que Garfield fose unha banda deseñada para todos os públicos mantendo a amplitude dos seus chistes e o humor xeral para todos. Como consecuencia, a historieta evita normalmente os comentarios sociais ou políticos presentes nalgunhas das tiras máis actuais, como The Boondocks, Doonesbury e Dilbert. Aínda que nun par de tiras de 1978 Jon aparecía fumando pipa, os elementos deste tipo foron puídos nun intento de manter un atractivo máis universal.
Jim Davis debuxouse a si mesmo na tira de Garfield na que se celebraba o seu décimo aniversario, o 19 de xuño de 1988. Aparece na primeira viñeta, a que leva o título, entre Jon e Irma. Ao pé da derradeira viñeta desa tira, pódese ler unha mensaxe que di: «FELIZ 10º ANIVERSARIO, AMIGO, JIM DAVIS» (HAPPY 10TH BIRTHDAY, BUDDY, JIM DAVIS).
O 1 de xullo de 2007, un tributo conmemorativo foi amosado nunha tira de Garfield. O logo que todos os domingos pon «Garfield» na primeira viñeta, nesta data ensina os ollos de Garfield sendo perfilados cun pincel, e o nome «VALETTE» está agochado entre as estrelas que aparecen enriba da casa na última viñeta. Valette Greene, quen faleceu o 17 de xaneiro de 2007, foi a primeira asistente de Davis e a única que puña a tinta ás tiras cómicas ata 1997.
Polo seu traballo na tira cómica, o creador Jim Davis recibiu o premio de humor da Sociedade nacional de debuxantes nos anos 1980 e 1985, e o premio Reuben en 1988.
Máis aló do cómic En 1984, Garfield foi introducido no Día do Desfile de Macy Thanksgiving como un globo. En anos recentes, aparece suxeitando a Pooky, o seu osiño de peluche.
En 1990, Garfield fixo unha aparición no especial para a televisión Cartoon All-Stars to the Rescue. Se ben, el estaba na habitación da irmá Corey; era unha lámpada, tras un cadro de ALF.
Televisión A tira cómica converteuse nun especial de debuxos animados para a televisión en 1982, chamado Aquí vén Garfield (Here Comes Garfield). O actor Lorenzo Music, antes coñecido por ser o que puña a voz de Carlton, o porteiro no programa Rhoda, foi o elixido para pórlle a voz a Garfield. O cantante de soul Lou Rawls proporcionou a música. Doce especiais de televisión foron feitos (ata 1991), así como unha serie para os sábados pola mañá, Garfield e mailos seus amigos (Garfield and Friends), que foi emitida no Xabarín Club, programa infantil-xuvenil da Televisión de Galicia.
Películas
Máis tarde fíxose unha película de acción e aventuras baseada no cómic. Chamouse Garfield: The Movie (Garfield: A película) e tivo a súa estrea nos Estados Unidos o 11 de xuño de 2004. O filme empregou a un Garfield animado por computador e un Odie real. Lorenzo Music morreu antes de que comezase a gravación, polo Bill Murray tivo que substituílo como a voz do gato mangallón. Murray converteuse así no quinto actor que lle poñía a voz a Garfield: Tommy Smothers puxéralla nun anuncio de comida para gatos, outro dobrador puxéralla noutro anuncio de televisión e a voz do disc jockey de San Francisco Scott Beach fora empregada para a primeira aparición de Garfield na televisión, antes do casting no que Lorenzo Music foi elixido.
A segunda longametraxe de Garfield, Garfield: A Tail of Two Kitties, foi estreada o 16 de xuño de 2006.
O 20 de novembro de 2007, a primeira longametraxe de Garfield sacada directamente en DVD foi posta á venda. Garfield Gets Real (Garfield faise real), unha película animada por computador escrita por Jim Davis. Unha secuela deste filme, Garfield's Fun Fest (tamén escrita por Davis), foi estreada o 5 de agosto de 2008.
Garfield en Internet