Full Metal Jacket é a penúltima película de Stanley Kubrick baseada na novela The Short-Timers de Gustav Hasford, contén a súa visión moi persoal do conflito de Vietnam. A película foi aclamada pola crítica e o público, a pesar da súa notable dose de violencia.

Sinopse A cinta está claramente dividida en dúas partes: a primeira no campo de adestramento dun pelotón do Corpo de Marines dos Estados Unidos que se preparan para a guerra; a segunda é xa propiamente o campo de batalla en Vietnam. No primeiro segmento de película, Kubrick céntrase en tres personaxes: o sarxento Hartman (interpretado, cunha extensa e ofensiva linguaxe, polo militar real R. Le Ermey) e os soldados Pyle (Vincent D'Onofrio) e Joker (Matthew Modine), o primeiro un cadete gordo e torpe. Na segunda parte, os soldados, feitos "máquinas para matar", atópanse xa na guerra, sendo Joker un correspondente de guerra.

Comentarios Con referencias ás películas de John Wayne, á cultura pop norteamericana da década de 1960 e ata ó club de Mickey Mouse, Kubrick converteu Full Metal Jacket nunha película de culto. Estreada só uns meses logo da tamén épica de Vietnam, Platoon de Oliver Stone, a película céntrase máis nos personaxes e nas súas relacións. A cámara segue incesantemente o sarxento en toda a primeira metade da cinta, dando un toque de realismo á posta en escena. A cámara en man tamén segue os soldados na segunda parte, mentres se enfrontan a un desapiadado francotirador.

Orixe do título O título orixinal Full Metal Jacket fai referencia ó tipo de munición habitual nas armas persoais de guerra, como rifles de asalto, pistolas, e metralladoras. É a típica bala redondeada usada en armas curtas, como 9 mm ou cal. 38; ou ben afiada como o calibre 7.62×51mm OTAN, munición do M-14 e o M-16 usados polo Exército dos Estados Unidos en Vietnam, co que na sociedade dos Estados Unidos, tan habituada ó uso de armas e familiarizados con estas, o título é unha "chiscadela" que xa dá pistas do contido da película.

Véxase tamén Ligazóns externas Recensión en FilmAffinity Recensión en IMDb, .

Categoría:Filmes de 1987 Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes en lingua vietnamita Categoría:Filmes dirixidos por Stanley Kubrick Categoría:Filmes de Warner Bros. Categoría:Filmes de Pinewood Studios Categoría:Filmes ambientados en Da Nang Categoría:Filmes rodados no Reino Unido Categoría:Filmes sobre a Guerra do Vietnam