O bankon (tamén coñecido como abo, abaw, bo ou boné) é unha lingua bantú falada no departamento de Moungo (Provincia Litoral) do suroeste do Camerún. Ten unha semellanza léxica do 86% co rombi, que é falado no departamento de Meme, na Provincia do Suroeste.

Bankon é o endónimo. Abo é un nome administrativo.

Historia Segundo a tradición oral, os bankon e os barombi formaban un mesmo pobo orixinario do Congo, que emigraron cara ao sur hai séculos.

Distribución xeográfica O territorio de lingua bankon está situado no departamento de Moungo (Provincia Litoral), ao norte do río Dibombari e do esteiro do río Wouri en dúas zonas separadas: Bankon norte, comprende 14 aldeas e 900 falantes Bankon sur, comprende 24 aldeas e 11.000 falantes. Fóra do territorio bankon hai falantes, orixinados pola emigración, en Douala (varios centos), en Mbanga, vila de lingua balong, hai algunhas ducias, ao igual que en Yaundé. En Europa hai falantes esparexidos entre os diversos países.

Escrita e usos sociais Ata o de agora a lingua tivo un escaso uso escrito, publicáronse algunhas coleccións de historias tradicionais, traducións parciais da Biblia e editouse algunha publicación periódica de xeito irregular.

En 1996 Gratien Atindogbe editou o primeiro estudo sobre a lingua, Esquisse phonologique du bankon (dialecte lombé). Con 1 300 falantes, o lombe é considerado unha variedade do bankon, co cal comparte un 83% de intelixibilidade mutua. Hai dúas emisións semanais radiofónicas semanais e existe un grupo musical tradicional bankon en Douala. A educación formal é en francés, case todos os bankon maiores de 13 anos poden falar en duala, lingua veciña amplamente empregada nos servizos relixiosos, o francés emprégase para o trato coa administración e nos actos oficiais, o pidgin camerunés (de base inglesa) úsase cos estranxeiros.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ethnologue

Categoría:Linguas bantús Categoría:Linguas do Camerún