Iago Iglesias Castro, nado na Coruña o 23 de febreiro de 1984, é un ex futbolista galego, que xogaba de mediocentro ofensivo.

Debutou en Primeira División co Deportivo da Coruña na tempada 2005/06, xogando posteriormente en varios equipos de Segunda, Segunda B e Terceira.

Traxectoria Naceu no Birloque e formouse no Galicia Gaiteira de fútbol sala, equipo coruñés co que foi subcampión de España en categoría infantil. Despois de tres anos no Calasanz FC fichou polo Laracha Club de Fútbol de Rexional Preferente e na tempada 2004/05 deu o salto ao Atlético Arteixo, que aquel ano disputaba a súa única tempada en Segunda División B. Ao rematar a tempada recalou no Deportivo da Coruña, onde alternou partidos do Fabril cos do primeiro equipo, naquel momento adestrado por Joaquín Caparrós. Co primeiro equipo xogou 12 partidos (8 deles como titular) e marcou dous tantos. Nesa tempada foi ademais internacional coa selección sub-21 de España. Ao ano seguinte xogou outros 12 partidos e marcou dous goles máis. Para a tempada 2007/08 foi cedido ao Elche adestrado por David Vidal, en Segunda División, onde o seu rendemento baixou por mor das lesións, polo que non foi renovado ao final da tempada.

En 2008 fichou polo Valencia CF B, en 2ª B, onde estivo unha campaña, participando en 33 partidos e marcando 3 goles. No inicio da tempada 2009–10 incorporouse ao Montañeros CF, tamén de 2ª B, onde xogou as seguintes tres tempadas, ata o descenso a Terceira na última delas, momento no que desapareceu o equipo sénior do club coruñés. Fichou entón polo Racing de Ferrol, no que xogou dous anos, logrando no primeiro deles o ascenso á Segunda B. Deixou o club ferrolán en xuño de 2014, e en 2015 xogou varios partidos co Laracha CF. A continuación deixou o fútbol e pasou a traballar como promotor de Estrella Galicia na zona de Ferrol, cidade onde reside xunto á súa muller e fillos.

Selección nacional Iago participou nun encontro coa selección española sub-21 contra Dinamarca, tan só uns meses despois de facer o seu debut no Deportivo. Máis tarde xogou outro partido.

Foi internacional coa selección galega en dúas ocasións, nos encontros contra Ecuador (2006) e Camerún (2007).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial do xogador Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en ceroacero.es

Categoría:Nados en 1984 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Laracha CF Categoría:Xogadores do Atlético Arteixo Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores do Valencia CF Mestalla Categoría:Xogadores do Montañeros CF Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña internacionais coa selección de fútbol de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes