miniatura|200 px|dereita|Sinal de carril bici.Indica a exclusividade da vía para bicicletas, pero non exclúe ás persoas ciclistas de utilizar o resto dos carrís de circulación.
Un carril bici é un tipo de vía ciclista integrada na rúa, exclusiva para bicicletas e habitualmente situada ao mesmo nivel que a calzada. Xeralmente está separado doutros carrís por marcas viarias, elementos de separación ou pola banda de aparcadoiro.
Pode estar construído ou pintado nunha cor diferente á do resto da calzada e inclúe pictogramas e sinalización específica que indica a exclusividade para bicicletas e o sentido de circulación.
Os carrís bici poden clasificarse segundo diferentes criterios:
Segundo o sentido Unidireccionais. Permiten a circulación de ciclistas nun único sentido. Bidireccionais. Permiten a circulación de bicicletas en ambos os sentidos. Carril bici a contramán. Permite a circulación nunha dirección compartindo o espazo con outros vehículos e existindo un carril bici unidireccional exclusivo para o sentido contrario.
Segundo a protección Os elementos de protección e separación do resto do tráfico garanten a seguridade das persoas ciclistas. Porén, estes elementos poden impedir a permeabilidade ciclista co resto da calzada.
Sen protección. Está separado unicamente por pintura ou polo uso dun pavimento diferente ao do resto da rúa. Resgardo. Ten un espazo de separación co resto da calzada. Protección discontinua. Inclúe elementos de protección separados, permitindo a permeabilidade ciclista co resto da vía, pero impedindo a invasión do carril bici por vehículos motorizados. Protección por banda de aparcadoiro. A protección débese ao estacionamento de vehículos. Protección continua. O carril bici mantén unha separación continua do resto da vía.
Segundo o nivel Plataforma única. A altura dos espazos destinados a peóns, bicicletas e, no seu caso, vehículos motorizados é a mesma. Nivel de calzada. A altura do carril bici e da calzada é a mesma, pero diferente á da beirarrúa. Nivel intermedio. O carril bici está a unha altura diferente da calzada e diferente da beirarrúa. Nivel de beirarrúa (beirarrúa bici). A vía ciclista construíuse eliminando espazo peonil, estando á mesma altura ca beirarrúa. Non se considera un carril bici, posto que non ocupa un carril. Non está recomendada debido a que xera conflitos cos peóns, non pacifica o tráfico e non promove un cambio modal.
Segundo a posición na vía Lateral. Sitúase nun lateral da calzada. Central. Sitúase rodeado doutros carrís.
Segundo a duración Permanentes. Teñen unha duración indefinida e adoitan requirir unha obra. Temporais. Teñen unha duración determinada. Carrís bici emerxentes. Son de implementación rápida mediante urbanismo táctico, por unha necesidade ou para avaliar a súa permanencia. Carrís bici recreativos. Integrados dentro do movemento internacional de «rúas abertas», son rúas libres de vehículos motorizados durante unhas horas ao día ou durante domingos ou festivos.
Notas
Véxase tamén Ciclabilidade
Categoría:Infraestrutura ciclista