A xeografía de Galicia, abrangue a xeografía de Galicia e das súas fronteiras, caracterízase polo contraste entre os relevos costeiros, de baixa altitude, e o do interior, dunha maior altitude. Tamén contrasta a morfoloxía entre as chairas elevadas setentrionais e as serras e depresións meridionais.

A superficie do territorio galego é de 29 576,74 km².

Límites O territorio de Galicia está comprendido entre 43º 48' N (Estaca de Bares) e 41º 49' N (Portela do Home, na fronteira con Portugal) en latitude. En lonxitude, entre 6º 44' O (Porto de Fonte da Cova, no límite entre as provincias de Ourense e León) e 9º 18' O (cabo Touriñán).

Relevo miniatura|Imaxe do noroeste peninsular feita por un satélite da NASA en 2008.O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas, con multitude de ríos, estruturados como tributarios do río Miño no interior, e nas cuncas atlántica e cantábrica, ríos máis curtos (en particular os que van ó mar Cantábrico). As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como ocorre no canón do Sil. Noutras zonas aparecen amplos vales, se ben son minoritarios.

Galicia é percorrida de norte a sueste por dúas fallas tectónicas, partindo as características do chan galego por ditos lugares. Así, atopámonos na zona do Porriño con canteiras de granito, rocha moi abundante en boa parte de Galicia, pero ausente no extremo nordeste.

Serras e montañas Porén, coas características antes citadas, existen diversas serras ou cadeas montañosas, entre elas:

Serra do Xistral entre a Mariña de Lugo e a Terra Chá, co Cadramón (1 019 m) e o Monseiván (929 m) como puntos máis altos; Serra dos Ancares, facendo fronteira con León e Asturias, co pico do Mustallar (1924 m) como altura raíña; Serra do Courel, ó norte do río Sil, tamén en fronteira con León, co monte Faro (1 606 m); Serra do Eixe, con Pena Trevinca (2 124 m), fronteira entre Ourense e Zamora; Macizo Central ourensán, con Cabeza de Manzaneda (1 778 m), no corazón da provincia de Ourense; Serra do Faro, co monte Cantelle (1 222 m) fronteira entre Lugo e Pontevedra; Serra da Cova da Serpe, co pico do mesmo nome (841 m) entre Lugo e A Coruña; Serra de Montemaior, co pico de Meda (565 m) na provincia da Coruña; Montes do Testeiro, entre Pontevedra e Ourense, co Faro de Avión (1 151 m); Serra da Peneda, serra do Xurés e serra do Larouco facendo fronteira entre Ourense e Portugal, con montes como o Aguioncha (1 240 m).

Hidrografía

Ríos

miniatura|O río Sil ao seu paso pola provincia de Lugo. Galicia cualifícase moitas veces como a terra dos mil ríos pola cantidade de cursos fluviais que mantén. En xeral, e debido á súa pequenez, salvo o río Miño na súa desembocadura ou nos moitos encoros, non son navegables (excepción feita para pequenas barcas no tramo final sen pendente dalgúns, que propicia a celebración de festas semiacuáticas como as chamadas "zaleas").

Son ríos moi curtos na vertente cantábrica e algo máis longos na atlántica, coas excepcións novamente do río Miño e do río Sil que teñen unha lonxitude de varios centos de quilómetros.

Encoros

Existen moitos encoros para a produción de enerxía eléctrica, debido ó caudal, pendente e angostura, o que produce tamén o fenómeno dos canóns, como os célebres canóns do Sil (moitos deles aproveitados para encoros).

Costa A costa galega ten 1 195 quilómetrosLitoral , na web da Consellería de Pesca. e ten multitude de entrantes e saíntes e illas pequenas, e en xeral é escarpada ou con descensos pouco suaves e dunha elevada diversidade paisaxística e litolóxica. Altérnanse, pois, lugares con características diferentes, como Corrubedo nas Rías Baixas ou a Rasa Cantábrica na Mariña de Lugo, a primeira un lugar de características dunares nunha costa de perfil baixo, e a segunda unha zona de deposición xeolóxica elevada sobre o seu nivel orixinal. Os dous puntos citados son exemplos de lugares que reciben moitas visitas debido ás súas características físicas e fermosura: alí se atopan respectivamente o complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e a praia de Augas Santas.

O treito litoral das Rías Altas pódese dividir en varias unidades: A Mariña, O Ortegal, o Golfo Ártabro e As Mariñas, a Costa da Morte, e a área de transición cara ás Rías Baixas.

No treito litoral das Rías Baixas tamén se poden diferenciar varias unidades: o sector entre O Ézaro e o Louro, a ría de Muros e Noia, a ría de Arousa, a ría de Pontevedra, a ría de Vigo e a área dende cabo Silleiro ata o esteiro do río Miño.

Rías

miniatura|200x200px|esquerda|A ría de Arousa constitúe a maior ría galega en superficie. Unha das peculiaridades de Galicia é a presenza das rías, indentacións na costa nas que o mar anegou vales fluviais por ascenso do nivel do mar. As rías están tradicionalmente divididas en Rías Altas e Rías Baixas, segundo a súa posición respecto a Fisterra como punto de partición.

As Rías Altas son as de Ribadeo, Foz, Viveiro, Barqueiro, no mar Cantábrico (é dicir, ó leste de Estaca de Bares como punto máis ó norte de Galicia), e Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Betanzos, A Coruña, Corme e Laxe e Camariñas. Estas últimas rías, situadas ó oeste de Estaca de Bares son algunhas veces recollidas como Rías Medias.

As Rías Baixas, todas na fachada atlántica, son de maior tamaño. Enumeradas (de norte a sur) son as de Corcubión, Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo.

Cabos miniatura|250px|Contrariamente á crenza popular, o Cabo Fisterra non é o punto máis occidental da España peninsular. Esta distinción debe outorgárselle ao cabo Touriñán. Os máis coñecidos son: Estaca de Bares, que marca o punto máis ó norte de Galicia e a separación entre océano Atlántico e mar Cantábrico, entre as rías do Vicedo e Ortigueira. Cabo Ortegal, entre a ría de Ortigueira e os cantís de Teixido. Cabo Prior, ó norte de Ferrol. Punta Santo Adrao, en Malpica de Bergantiños. Cabo Vilán, que limita a ría de Camariñas. Cabo Touriñán, ó sur da ría de Camariñas, tendo nunha das súas beiras o punto máis occidental de Galicia. Cabo Fisterra, considerado polos romanos como o fin do mundo coñecido. Cabo Silleiro, que pecha polo sur a ría de Vigo.

Illas e arquipélagos miniatura|250px|O arquipélago das Illas Cíes forma parte dende o 2002 do Parque nacional das Illas Atlánticas de Galicia. miniatura|250px|A Illa de Arousa con 4 884 habitantes no 2005 constitúe a illa máis poboada de Galicia.

A Galicia pertencen o arquipélago das Illas Cíes (formado polas illas do Faro, de Monteagudo e de San Martiño), o arquipélago de Ons (formado pola illa de Ons e a illa de Onza), o arquipélago de Sálvora (formado polas illas de Sálvora, Vionta e as Sagres), así como outras illas como Cortegada, Arousa, as illas Sisargas ou as Malveiras; a meirande parte das cales pertencen ao Parque nacional das Illas Atlánticas.

Illa de Arousa Illas Cíes Illa de Ons Illa de Sálvora Illa de San Simón Illa da Coelleira Illa de Tambo Illa de Cortegada Illas Sisargas Illa de San Martiño Illa Ansarón Os Farallóns Illa Pancha

Non se listan multitude de illas máis pequenas e illotes.

Demografía

A maioría da poboación vive á beira das rías atlánticas, nos maiores núcleos urbanos e as súas áreas de influencia. As rías teñen importancia pesqueira, contribuíndo a que a costa galega sexa unha das zonas pesqueiras máis importantes do mundo. Asemade atraen multitude de turistas polas magníficas vistas e praias.

Demograficamente, o interior galego está pouco poboado, e continúa a experimentar a emigración ás áreas urbanas litorais (antes a Madrid, Barcelona, Biscaia e Europa Occidental, e antes aínda a América), de xeito que se mantén a estrutura de poboación en pequenos núcleos, pequenas vilas e a poboación dispersa en aldeas, o que se reproduce na costa pero con características diferentes debido á moito maior densidade de poboación.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Galicia estremeira Xeoloxía de Galicia

Ligazóns externas Serie en vídeos sobre a xeografía galega