miniatura|dereita|275px|Mans en negativo da cova de Gargas
A gruta de Gargas, en Francia, é unha das máis célebres cavernas decoradas do Paleolítico superior de Europa.
Situación e historia Esta caverna está situada no concello (commune) de Aventignan (Hautes-Pyrénées), no límite co Alta Garona, moi preto de Saint-Bertrand-de-Comminges. As súas coordenadas son: 43º 03' 19" N e 0º 32' 10" L.
A caverna foi obxecto de investigacións científicas desde fins do século XIX, entre as que destacan as escavacións de É. Cartailhac e H. Breuil. As mans pintadas foron advertidas, por vez primeira, o 11 de xuño de 1906, polo investigador Félix RégnaultRegnault, Félix (1906): "Empreintes de mains humaines dans la grotte de Gargas (Hautes-Pyrénées)", en Bulletin et Mémoires de la Société d’Anthropologie de Paris, t. VII, 5esérie : 331-332.. Está declarada Monumento histórico francés desde 1910. miniatura|esquerda|200px|Vista do interior da gruta (antes de 1908) miniatura|Incisivos de bóvidos atopados na cova de Gargas
Ocupación prehistórica Gargas mostra indicios de ocupación (osamentas, industria lítica, arte mobiliaria) que van desde o Musteriano até a Idade Media, mais é famosa especialmente polas súas pinturas e gravados do Paleolítico superior.
Mans en negativo As pinturas son sobre todo numerosas mans negativas realizadas coa técnica do estarcido ou esténsil (a silueta inicial da figura é logo recheada de cor). Son de cores vermellas (ocre), negras (óxido de manganeso, carbón vexetal), e, unha polo menos, branca (talco). En case a metade das mans (47,3 %) só hai unha falanxe ou coteno (sen contar o polgar), e só o 15,5 % son mans completas, o que ten despertado innúmeras hipóteses para explicar a causa: enfermidades, conxelacións, amputacións rituais... Actualmente prefírese outorgarlle unha explicación de significado simbólico, o que apoian numerosos investigadores, de modo que as diferentes imaxes das mans obteríanse dobrando un ou máis cotenos dos dedos. As mans pertencen a individuos de ambos os dous sexos e a todos os tramos de idade, desde meniños a adultos. Investigacións minuciosas mostran que as parede
s e lugares onde se representaron mans foron elixidos e preparados coidadosamente.
Representacións figuradas Hai tamén numerosos gravados e pinturas de tipo figurativo, que aparecen noutras partes da cova, acompañadas de signos. Os animais máis frecuentemente representados son o cabalo, o bisonte, o uro (ou aurochs), o íbice (Capra ibex) e o mamut.
Datación Unha datación polo método do carbono 14 foi efectuada a partir dunha esteliña de óso fincada nunha fenda dunha das paredes decoradas con mans negativas. Se ben non dá directamente a idade das pinturas, estas deben estar próximas no tempo da data obtida: - 26.860 +- 460 anos, o que indica que a gruta era frecuentada no Gravetiense antigo. As mans impresas datan moi probabelmente dese período, o que as torna contemporáneas das mans de Cosquer.
Outros A gruta de Gargas está aberta ao público. É recomendábel reservar con antelación.
Bibliografía Foucher Pascal, San Juan-Foucher Cristina, Rumeau Yoan: La grotte de Gargas. Un siècle de découvertes, Édition Communautés de Communes du Canton de Saint-Laurent-de-Neste, 2007, 128 pages.
Véxase tamén Paleolítico Superior. Arte Paleolítica. Covas de Maltravieso, Pech Merle e Cosquer.
Ligazóns externas Páxina oficial de Gargas
Notas
Gargas, Gruta de