Filipe Luís Kasmirski, nado en Jaraguá do Sul (Santa Catarina) o 9 de agosto de 1985, é un adestrador e exfutbolista brasileiro que xogaba como lateral esquerdo. Dende xullo de 2026 adestra o Monaco, da Ligue 1 francesa. Desenvolveu a maior parte da súa carreira como xogador no fútbol europeo, comezando a destacar no Deportivo da Coruña, co que disputou 137 partidos en catro anos. A continuación pasou ao Atlético de Madrid, no que militou durante os seguintes nove anos, cun intervalo dunha tempada na que xogou no Chelsea (gañando a Premier League e a EFL Cup).

Viviu a época máis gloriosa da historia do Atlético, co que gañou sete títulos, entre eles unha liga, unha Copa do Rei e dúas Europa League. Disputou ademais dúas finais da Liga de Campións ante o Real Madrid, nas tempadas 2013/14 e 2015/16, sendo titular en ambas. Xogou un total de 333 partidos co Atlético, converténdose nunha das lendas do club. En 2019 volveu ao Brasil para xogar no Flamengo, onde tivo un triunfante final da súa carreira deportiva, conquistando 10 títulos en tres anos e medio, incluíndo dous Campionatos Brasileiros, dous Campionatos Cariocas e dúas Copas Libertadores.

Entre 2009 e 2019 foi 44 veces internacional coa selección brasileira, coa que gañou a Copa Confederacións 2013 e a Copa América de 2019, ademais de disputar o Mundial de 2018 en Rusia.

Trala súa retirada como futbolista iniciou a súa carreira como adestrador na canteira do propio Flamengo en marzo de 2024, subindo xa en setembro ao primeiro equipo, co que conquistou varios títulos, entre eles un Campionato Brasileiro e unha Copa Libertadores.

Traxectoria

Comezos Naceu o 9 de agosto de 1985 en Jaraguá do Sul, nunha familia de orixes europeas, sendo fillo de Moisés Kasmirski (con raíces italianas e polacas) e Sueli Stinghen (de raíces italianas e austríacas). Seu avó paterno Ignácio Kasmirski naceu no Brasil, sendo descendente de polacos procedentes de Kalisz, que se instalaran no municipio brasileiro de Massaranduba, no estado de Santa Catarina, onde se estableceu unha importante comunidade polaca a finais do século XIX.

Comezou a xogar ao fútbol sala no ADJ Jaraguá da súa cidade natal, onde destacou ata os 14 anos ás ordes do adestrador Manoel Fernando Dalpasquale, máis coñecido como Maneca, chegando á selección catarinense sub-15. A continuación pasou ao fútbol herba, ingresando nas categorías inferiores do Figueirense de Florianópolis, onde xogou como centrocampista ofensivo.

En 2003 debutou co primeiro equipo do Figueirense e un ano despois recalou no fútbol europeo, sendo cedido ao Ajax de Ámsterdam. Alí xogou co equipo filial durante seis meses, sendo convocado en dúas ocasións por Danny Blind para o primeiro equipo, nun partido da Eredivisie e outro da Copa da UEFA, pero quedou no banco nos dous encontros.

Real Madrid Castilla O 18 de agosto do 2005 firmou polo Rentistas do Uruguai, club co que estaba asociado o seu representante, Juan Figer. Inmediatamente foi cedido ao Real Madrid Castilla, co que disputou a tempada 2005/06 da Segunda División. Debutou na primeira xornada contra o Xerez, substituíndo na segunda parte ao ecuatoguineano Javier Balboa. Tras saír dende o banco nas primeiras xornadas, fíxose coa titularidade durante o segundo mes de competición, sendo un indiscutibles nos onces iniciais ata o final da tempada. Disputou un total de 37 partidos co filial branco, 32 deles como titular.

Deportivo da Coruña miniatura|esquerda|Filipe Luís (arriba, segundo pola esquerda) no partido CSKA Moscova - Deportivo da Coruña da Copa da UEFA 2008/09.No 2006 foi cedido outra vez polo Rentistas, esta vez ao Deportivo da Coruña, cunha opción de compra de 2,2 millóns de euros. Co club galego debutou na Primeira División, na segunda xornada da tempada 2006/07 diante do Mallorca en Son Moix, substituíndo nos minutos finais a Sergio. Na súa primeira campaña na Coruña, ás ordes de Caparrós e con Capdevila na mesma posición, non contou con demasiadas oportunidades, disputando un total de 26 partidos entre liga e Copa, só 16 deles como titular. Nos cuartos de final da Copa do Rei marcou o seu primeiro gol no país, diante do Valladolid.

Con todo, a súa cesión foi ampliada durante un ano máis coa mesma cláusula de compra e trala marcha de Capdevila ao Villarreal o brasileiro afianzouse como primeiro lateral esquerdo, converténdose nunha figura clave para o equipo de Lotina. Completou a súa segunda campaña no Deportivo con 35 partidos, todos de titular excepto un, e marcou o seu primeiro gol en liga contra o Athletic Club en Riazor. miniatura|Filipe Luís xogando co Deportivo ante o Real Madrid en 2009. O 10 de xuño do 2008 o Deportivo fixo efectiva a cláusula de compra e Filipe Luís firmou un contrato de cinco anos co club. Xogou 52 dos 54 partidos oficiais que o club coruñés disputou durante a tempada 2008/09, incluíndo liga, Copa do Rei, Copa Intertoto e Copa da UEFA, saíndo como titular en 51 deles. Xogou dende o inicio as 38 xornadas da Primeira División, rematou como o xogador de campo con máis minutos da competición e foi elixido pola UEFA mellor lateral esquerdo da liga.

Continuou como titular toda a primeira volta da seguinte campaña e na segunda xornada contra o Málaga un espectacular gol seu, cun disparo dende fóra da área que superou a Munúa, deulle a vitoria ao equipo galego por 1-0. A súa espectacular xeira interrompeuse bruscamente o 23 de xaneiro de 2010, nun partido que enfrontaba ao Deportivo co Athletic en Riazor (3-1). En dito encontro chocou co porteiro do equipo rival, Gorka Iraizoz, logo de marcar un gol, e sufriu unha fractura e luxación do nocello dereito na parte do peroné. A grave lesión fixo que ingresase no quirófano con risco de amputación, sendo operado polo doutor Arriaza. Con todo, acabou recuperándose antes do esperado e despois de só tres meses e medio de baixa, reapareceu nun partido ante o Mallorca, xogando os minutos finais e participando do gol da vitoria que anotou Riki (1-0).Filipe Luís entrará na convocatoria e podría ter algúns minutos

En xullo de 2010 anunciouse o seu traspaso ao Atlético de Madrid, nunha operación que roldou os 12 millóns de euros. Nos seus catro anos no club galego, xogou un total de 137 partidos e marcou oito goles.

Atlético de Madrid esquerda|miniatura|Filipe Luís co Atlético de Madrid en setembro de 2013. A súa chegada ao Atlético non puido comezar mellor, pois o 29 de agosto conseguiu o seu primeiro título ao impoñerse na Supercopa de Europa ao Inter de Milán, gañador da Liga de Campións, por dous goles a cero, se ben non participou en dito encontro. O seu debut oficial non se produciu até a quinta xornada da liga 2010/11, cando saíu como titular ante o Real Zaragoza no estadio Vicente Calderón, dándolle a Diego Costa o pase do gol da vitoria (1-0).

Foi titular en 30 dos 36 partidos que disputou durante a súa primeira campaña como atlético, na que tivo que loitar con Antonio López polo posto do lateral esquerdo, cifra que aumentou considerablemente na 2011/12, marcada pola chegada de Simeone ao banco. Durante esa tempada xogou un total de 53 partidos, 52 deles como titular, e disputou completa a final da Europa League ante o Athletic no Arena Națională de Bucarest, conquistando o título por 3-0. Foi o xogador do equipo con máis minutos entre tódalas competicións, contabilizando 4688 minutos.

Continuou como titular indiscutible no lateral esquerdo durante os seguintes anos e na tempada 2012/13 sumou dous novos títulos ao seu palmarés, ao gañar a Supercopa de Europa contra o Chelsea (4-1) e a Copa do Rei fronte ao Real Madrid (2-1). Na seguinte campaña contribuíu a que o Atlético gañase a súa primeira liga en 18 anos, superando en tres puntos a Barcelona e Real Madrid. Xogou 32 encontros durante a competición, todos como titular, e foi candidato ao premio ao mellor defensa da liga, xunto ao seu compañeiro João Miranda e a Sergio Ramos (saíndo vencedor este último).

Ademais sumou outros 17 partidos no resto de competicións, incluída a final da Liga de Campións que o seu equipo perdeu en Lisboa ante o seu máximo rival, o Real Madrid, partido no que formou liña defensiva xunto a Juanfran, Miranda e Diego Godín. Durante dito encontro tivo que ser substituído por lesión no minuto 83, cando o seu equipo gañaba por 1-0. Tras ser substituído polo belga Toby Alderweireld, Sergio Ramos empatou o partido e o Real Madrid acabou vencendo na prórroga.

Chelsea miniatura|Filipe Luís nunha acción co Chelsea fronte ao Maribor. En xullo de 2014 anunciouse oficialmente o seu traspaso ao Chelsea inglés, que pagou por el uns 20 millóns de euros. No equipo londiniense herdou o número 3 de Ashley Cole e debutou oficialmente nunha goleada por 3-6 contra o Everton en Goodison Park, correspondente á Premier League, substituíndo no minuto 83 a Eden Hazard. Marcou un único gol coa camiseta azul do equipo de Londres, nun encontro en Pride Park ante o Derby County, nos cuartos de final da EFL Cup.

O equipo de Mourinho gañou a liga e máis a EFL Cup e Filipe Luís acabou a campaña cun total de 25 partidos disputados entre tódalas competicións, despois de ter que pelexar con César Azpilicueta polo posto de lateral dereito. A súa falta de adaptación ao Chelsea de Mourinho e os problemas de Simeone por encontrarlle un substituto no Atlético de Madrid, propiciou que ambos clubs volvesen negociar polo xogador..

Regreso ao Atlético En xullo de 2015, un ano despois da súa marcha, Filipe Luis regresou ao Atlético de Madrid, que pagou por el uns 16 millóns de euros. De volta en Madrid recuperou a regularidade, converténdose de novo en titular indiscutible e nunha peza clave dunha das mellores defensas do mundo. Na súa primeira tempada tralo regreso, acadou unha nova final da Liga de Campións, de novo ante o Real Madrid. Foi outra vez titular no encontro decisivo, celebrado en San Siro, formando unha defensa de catro con Juanfran, Savić e Godín, pero o seu equipo foi novamente derrotado, desta vez nunha quenda de penaltis.esquerda|miniatura|Filipe Luís co Atlético de Madrid en 2018.Na campaña 2016/17 foi aliñado por Simeone en 48 partidos, todos como titular, sendo o terceiro futbolista con máis minutos de xogo do equipo, só por detrás de Koke e Griezmann. O Atlético acabou terceiro na liga e acadou as semifinais tanto na Copa do Rei como na Liga de Campións, sendo eliminado por Barcelona e Real Madrid respectivamente. Na tempada 2017/18 sufriu unha rotura de peroné nun choque contra Eder, xogador do Lokomotiv Moscova, nun partido da Europa League. Aínda que parecía que perdería toda o que restaba de tempada, así como o Mundial de 2018, acabou por recuperarse en menos de dous meses, e estivo no banco da final da Europa League que o seu equipo conquistou ante o Olympique de Marsella, sen chegar a saltar ao campo.

Tres meses despois gañou unha nova Supercopa de Europa, no inicio da que foi a súa derradeira campaña en Madrid. O seu último gol como atlético anotouno o 27 de outubro de 2018, nunha vitoria en liga sobre a Real Sociedad, despois dunha destacada xogada individual e un disparo que superou a Miguel Ángel Moyá. Foi subcampión de liga nas súas dúas últimas campañas en España, ambas por detrás do Barcelona.

Ao remate do seu contrato, deixou o Atlético con status de lenda do club, despois de oito tempadas, 333 partidos oficiais, 12 goles e 7 títulos. Uns meses despois recibiu unha homenaxe por parte do Atlético, nun acto celebrado no Estadio Metropolitano ode foi obsequiado cunha placa conmemorativa.

Flamengo