Xosé Antón Bocixa Rei, chamado comunmente Bocixa, nado nas Encrobas en 1967, é un músico, xornalista e realizador audiovisual, vocalista da banda de rock Zënzar.

Traxectoria Participou dende novo en distintos movementos cidadáns e culturais. Traballou en diversos campos do mundo audiovisual como a dobraxe, a produción ou o atrezzo. Como músico, a finais dos anos oitenta Bocixa foi un dos fundadores do grupo de rock Mördor, logo renomeado como Zënzar. A banda, da que é vocalista, é a máis veterana do rock en galego, con máis de 30 anos en activo e sete traballos de estudio no mercado (Disparados ao futuro, Todo vai ben, Rocanrol, Sigue... e dalle, A "Tribu", Vaise armar e Camiñando entre serpes. "Vai polos padriños" é un disco homenaxe nos que 20 bandas galegas versionean temas do grupo.

Como xornalista, traballou en RTV Cerceda e A Nosa Terra Dixital. Colaborou varios anos na revista Tempos Novos e en medios como Praza Pública, Galicia Confidencial e outros medios especializados en música. Na actualidade colabora con Nós Televisión realizando reportaxes audiovisuais en formato documental, sobre temáticas sociais como as agresións ao medio ambiente e ao territorio.

En 2007 dirixiu o documental As Encrobas. A ceo aberto no que tratou o conflito das Encrobas, a loita que mantiveron os veciños das Encrobas contra as expropiacións que se levaron a cabo para a explotación dunha mina de carbón, destacando o papel do cura Moncho Valcarce. En 2009 dirixiu A NOSA TERRA 1907-2007, un documental sobre o centenario da publicación A Nosa Terra. En 2011 dirixiu para a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, EBA. Universo Blanco Amor, no que a través de diferentes entrevistas se fai un retrato da vida de Eduardo Blanco Amor.

No ano 2013 estreou o documental Rosa de Corcoesto, con guión de Manuel Vilas, sobre a problemática da mina a ceo aberto de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños. En 2016 dirixiu a curta Unha muller que pasa, un dos dous episodios que forman u traballo conxunto que realizou con Paco Gallego, quen dirixiu o outro episodio, Silencio.

En 2018 presentou A ameaza do cobre, un documental sobre outro conflito cunha mina, esta vez nos concellos de Touro e O Pino. Tamén ese ano viu a luz Véndese litoral. A Coruña deféndese, sobre a especulación cos terreos do porto da Coruña e o bordo litoral da cidade. En 2019 publicou despois de varios anos de traballo xunto a Paco Gallego, o documental Estruturas, pel contra pel, centrándose no impacto que ten o ser humano sobre a paisaxe. Tamén ese ano dirixiu Redes contra a política do espolio, sobre as agresións medioambientais na comarca de Santiago e a oposición das asociacións veciñais, e presentou xunto ao historiador Xabier Maceiras, o documental 12 leiras, que rememora a creación do polígono industrial de Sabón e as expropiacións que supuxo a obra. Este último documental publicouse acompañado dun libro titulado Sabón.

Filmografía Documentais As Encrobas. A ceo aberto (2007). A NOSA TERRA 1907-2007 (2008). Rosa de Corcoesto (2013). A ameaza do cobre (2018). Véndese litoral. A Coruña deféndese (2018). Estruturas, pel contra pel (2019). Redes contra a política do espolio (2019). 12 leiras (2019). A vivenda, un ben social? (2020)

Curtametraxes EBA. Universo Blanco Amor (2009). Unha muller que pasa. (2016).

Notas

Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Directores de cinema de Galicia Categoría:Nados en Cerceda Categoría:Nados en 1967 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Cantantes en lingua galega