O ciclo do fósforo é un ciclo bioxeoquímico consistente na circulación do fósforo na Terra entre os seres vivos e os compoñentes abióticos da Terra. Ademais da auga, do carbono, do nitróxeno e do osíxeno, o fósforo é importante para os seres vivos. A maioría do fósforo se atopa nos sedimentos, formando parte da litosfera. O seu proceso de liberación é moi longo xa que depende dun ciclo xeolóxico, por isto constitúe un factor limitante no crecemento das plantas, xa que se trata dun constituínte importante das biomoléculas. O fósforo está presente nun 0,2% nas estruturas vexetais e nun 1% nas animais.

En certos aspectos, o ciclo do fósforo é mais simple que o ciclo do carbono e do nitróxeno, pois non existen moitos compostos gasosos de fósforo e, polo tanto, non pasa pola atmosfera. Outra razón para a sinxeleza do ciclo do fósforo é a existencia de apenas un composto de fósforo realmente importante para os seres vivos: o ión fosfato.

Os fosfatos son liberados polas rochas fosfatadas e cinzas volcánicas, e transportados polas correntes de auga ata os lagos e o mar, onde precipitan para formar os sedimentos. O tempo de permanencia nos ecosistemas terrestres é de 100 ata 10.000 anos dependendo da eficacia do almacenamento ou de reciclado dos organismos encargados. No medio acuático a permanencia é máis ou menos de dez anos.

As plantas obteñen o fósforo do ambiente absorbendo os fosfatos disolvidos na auga e no solo. Os animais obteñen fosfatos na auga e no alimento. A descomposición devolve o fósforo que formaba parte da materia orgánica ao solo ou á auga. De aí, parte del é arrastrada polas chuvias para os lagos e mares, onde acaba incorporándose ás rochas. Neste caso, o fósforo só retornará aos ecosistemas, máis tarde, cando esas rochas se eleven e consecuencia de procesos xeolóxicos e, na superficie, sexan descompostas e transformadas en solo. Así, existen dous ciclos do fósforo que acontecen en escalas de tempo diferentes. Unha parte do elemento recíclase localmente entre o solo, as plantas, consumidores e decompoñedores, nunha escala de tempo relativamente curta, que podemos chamar ciclo de tempo ecolóxico. Outra parte do fósforo ambiental sediméntase e é incorporada ás rochas; o seu ciclo envolve unha escala de tempo moito máis longa, que pode ser chamada ciclo de tempo xeolóxico.

Véxase tamén Biosfera. Fósforo. Ciclo bioxeoquímico. Ciclo do xofre. Ciclo do carbono. Ciclo do nitróxeno. Ciclo do osíxeno.

Categoría:Bioquímica Categoría:Química Categoría:Edafoloxía Categoría:Ciclos bioxeoquímicos

pl:Obieg fosforu w wodzie