Dirk Werner Nowitzki, nado o 19 de xuño de 1978 en Würzburg, Baviera (Alemaña Occidental), é un ex xogador alemán de baloncesto profesional. Nowitzki foi elixido en novena posición do Draft de 1998 por Milwaukee Bucks e foi traspasado inmediatamente a Dallas Mavericks, onde xogou durante toda a súa etapa na NBA. Cos seus 2,13 m de estatura foi un dos xogadores máis versátiles da NBA. Xogaba tanto de ala-pivote como de ala en posicións exteriores.
Nowitzki foi All-Star en nove ocasións e en catro membro do Mellor Quintetos da NBA, sendo o primeiro maverick que o logra. Foi o primeiro xogador europeo na historia da NBA en recibir o MVP da tempada, concretamente na tempada 2006-07.Nowitzki is first European to be named MVP Dirk é o líder da selección de baloncesto de Alemaña, a quen levou á medalla de bronce no Mundial de Indianápolis 2002 e á prata no Eurobasket 2005. En ambos os campionatos foi máximo anotador e foi elixido MVP. O xornal italiano Gazzetta dello Sport nomeouno en cinco ocasións co galardón Euroscar de Mellor Xogador Europeo do Ano. En 2005, ademais deste premio levou o "Mr. Europa" pola revista italiana Superbasket e o Xogador do Ano Europeo da FIBA.
Comezos Nado en Würzburg, Alemaña Occidental, Dirk Werner Nowitzki vén dunha familia deportista: a súa nai Helga foi unha xogadora de baloncesto profesional e antiga integrante da selección alemá, e o seu pai Jörg-Werner foi xogador de balonmán chegando mesmo a representar ao país ao máximo nivel. A súa irmá máis vella, Silke, adicouse, primeiro, ao atletismo, e logo ao baloncesto. Dirk dende neno xa era moi alto. En principio, comezou xogando ao balonmán e ao tenis, pero pronto se cansou de que, pola súa estatura, víseno como un fenómeno estraño nestes deportes, polo que preferiu probar no baloncesto.
Despois de entrar con quince anos no DJK Würzburg, Dirk chamou a atención de Holger Geschwindner, un antigo xogador alemán de baloncesto. Este ofreceulle adestrarlle individualmente dúas ou tres veces por semana para explotar o seu talento. Tanto Dirk como os seus pais aceptaron a proposta e Geschwindner levou a cabo un plan, pouco ortodoxo, de adestramento persoal. Fixo fincapé nos exercicios de tiro e pase, e evitou os exercicios con peso e con formulacións tácticas, xa que o consideraba innecesario. Ademais disto, Geschwindner animou a Nowitzki a tocar algún instrumento musical e a ler literatura para refinar a súa educación e cultura.
Despois dun ano, o adestrador estaba impresionado co seu pupilo, a quen lle dixo: "Debes decidir se queres xogar contra os mellores do mundo ou si prefires ficar coma un heroe en Alemaña. Si elixes o último, pararemos de adestrar inmediatamente, porque ninguén pode evitar que sexas o mellor aquí. Mais se queres xogar contra os mellores teremos que adestrar tódolos días". Despois de reflexionar durante dous días, Dirk escolleu o primeiro. Geschwindner deixoulle adestrar unha semana cos xogadores do DJK Würzburg e futuros internacionais da selección de baloncesto de Alemaña Robert Garrett, Marvin Willoughby e Demond Greene. No verán de 1994, con 16 anos, Dirk entrou a formar parte do cadro de xogadores.
Traxectoria deportiva DJK Würzburg Cando Nowitzki chegou ao equipo, o DJK xogaba na segunda categoría da Basketball Bundesliga, División Sur. O seu primeiro adestrador foi Pit Stahl, que utilizou a Dirk como un anotador exterior aproveitando o seu tiro máis que un xogador interior aproveitando a súa altura. Na tempada 1994-95, o DJK acabou nun decepcionante sexto posto de 12 equipos. Nowitzki foi a miúdo suplente e non tivo un bo ano no colexio. Por iso, descoidou máis o seu xogo en favor do estudo. Na seguinte campaña, a 1995-96, Dirk consolidouse como titular á beira da estrela finlandesa Martti Kuisma. Nowitzki anotaba en dobres-díxitos con facilidade. Despois de que o adestrador Dirk Bauermann vise como anotaba 24 puntos, afirmou: "Dirk Nowitzki é o maior talento que deu Alemaña nos últimos 10 ou 15 anos". DJK acabou segundo na División Sur, mais non lograron promover despois de caer 86-62 no decisivo encontro fronte a BG Ludwigsburg. Naquel encontro, Nowitzki anotou só oito puntos.
Na tempada 1996-97, o máximo anotador do equipo, Kuisma, deixou o equipo, e Holger Geschwindner substituíu a Pit Stahl como adestrador. Nowitzki encheu o baleiro que deixou Kuisma con 19,4 puntos por partido e liderou ao equipo a alcanzar de novo a segunda posición. Con todo, a historia repetiuse e novamente o equipo non puido ascender. Na tempada 1997-98, Nowitzki tivo que facer o servizo militar no Bundeswehr (Exército alemán) dende o 1 de setembro de 1997 até o 30 de xuño de 1998. En relación ao baloncesto, Dirk creceu até os 2,11 m de estatura con 19 anos. Liderou con 28,2 puntos a que DJK alcanzase un balance de 36:4 puntos (en Alemaña, unha vitoria dá 2:0 puntos e unha derrota 0:2). Nos playoffs polo ascenso, por fin o DJK conseguiu subir á Bundesliga. Nowitzki anotou 26 puntos na decisiva vitoria 95-88 fronte ao Friburgo e foi elixido como Xogador Alemán do Ano pola revista alemá BASKET.
No estranxeiro, o progreso de Nowitzki non estaba a pasar desapercibido. En 1996 o FC Barcelona quixo fichalo, pero Nowitzki rexeitou moverse do país antes de acabar os seus estudos en Alemaña. Un ano despois, Dirk participou no Nike "Hoop Heroes Tour", onde xogou fronte a estrelas da NBA como Charles Barkley e Scottie Pippen. O alemán dispuxo de 30 minutos, chegando a machucar incluso diante do propio Barkley, o cal despois comentou: "O mozo é un xenio. Se quere entrar na NBA, pode chamarme". O 29 de marzo de 1998, Nowitzki foi elixido para xogar no Nike Hoop Summit, no encontro, disputado entre talentos estadounidenses e talentos do resto do mundo, Nowitzki asinou 33 puntos, con 6 de 12 en tiro, 14 rebotes e 3 roubos. Naquel encontro tamén participaron futuros NBA como Rashard Lewis e Al Harrington. Dirk impresionou cun conxunto de rapidez, control e habilidade co balón e un gran rango de tiro. Moitos equipos de Europa e da NBA querían facerse con el.
Dallas Mavericks Un comezo difícil miniatura|210px|Nowitzki preparándose para lanzar un tiro libre. Despois de liderar ao DJK Würzburg ao ascenso, de terminar os seus estudos en Alemaña e de completar o servizo militar, Nowitzki puxo as súas miras na NBA. Rexeitou ofertas de moitas universidades e presentouse ao Draft da NBA con 20 anos recentemente cumpridos. Dirk, tiña proxectado ser escollido na sétima posición (rolda de Sacramento Kings, que escolleu a Jason Williams), mais ao final foi elixido dous postos despois, en novena posición por Milwaukee Bucks. En especial, Rick Pitino, técnico de Boston Celtics, e Don Nelson, de Dallas Mavericks, estaban moi interesados en adquirir ao alemán. Despois dos adestramentos privados de Nowitzki con Boston antes do draft, Pitino comparou a Dirk coa lenda Larry Bird. Pitino estaba seguro de que Nowitzki podería chegar á décima posición que tiña Boston. Con todo saíu elixido un posto antes e Boston elixiu a Paul Pierce.
Nelson frustrou definitivamente o plan de Pitino. O adestrador de Dallas chegou a un acordo con Milwaukee Bucks e Phoenix Suns: os Mavericks querían a Nowitzki e ao base suplente dos Suns Steve Nash. Os Bucks desexaban ao musculoso beirado Robert Traylor, que fora elixido por Dallas en sexta posición dese mesmo draft. E os Suns fixaran a súa vista en Pat Garrity, elixido naquel draft por Milwaukee Bucks no posto 19. Tras o draft, os Mavericks traspasaron a Traylor aos Bucks a cambio de Nowitzki e Garrity, e Dallas a Garrity a Phoenix nun traspaso con varios xogadores que trouxo a Nash a Dallas.
Mirando cara a atrás pódese comprobar o grande instinto e acerto que tivo Nelson traspasando a dous xogadores que nunca lograron nada en especial na NBA como Taylor e Garrity por dous futuros MVP da NBA, Nowitzki e Nash, que ademais de grandes amigos, convertéronse na base da franquía que durante moitos anos apareceu por playoffs. Así finalmente, Nowitzki converteuse no cuarto xogador alemán en xogar na NBA, tras os pivotes Uwe Blab e Christian Welp e o All-Star Detlef Schrempf, un veterano de 35 anos dos Portland Trail Blazers cando o mozo Dirk aterrou na NBA.
Nowitzki chegou a un equipo cuxa última aparición en playoffs databa de 1990. O escolta Michael Finley capitaneou o equipo, apoiado polo pivote de 2,29 Shawn Bradley e Cedric Ceballos. Con motivo do peche patronal da NBA na tempada 1998-99, a tempada non empezaría até febreiro, polo que Nowitzki regresou ao DJK Würzburg para xogar 30 partidos antes de que a liga comezase. A tempada ía ver reducida o seu calendario de 82 partidos en 50. O comezo de Dirk na NBA foi duro. Don Nelson púxoo a xogar de ala-pivote, mais a desvantaxe física, ademais da súa mala defensa, respecto de xogadores máis atléticos, intimidaba a un Nowitzki presionado tamén pola responsabilidade que tiña en Dallas. Ao final, Nowitzki fixo 8,2 puntos e 3,4 rebotes en 20,4 minutos de media. Anos despois, Dirk destapou unhas afirmacións sobre aquela tempada como novato: "Estaba frustrado, contemplei mesmo a idea de regresar a Alemaña". Os Mavericks só gañaron 19 de 50 partidos e non se clasificaron para playoffs.
Mark Cuban e o "Big Three" miniatura|esquerda|200px|Nowitzwi, loitando por un rebote. Coa tempada 1999-00 comezada, Mark Cuban comprou a franquía por 280 millóns a Ross Perot, Jr., antigo propietario, e cuxo interese polo equipo foi escaso. Anteriormente, Perot comprara a franquía por 125 millóns de dólares. Cuban involucrouse co equipo e rapidamente comezou a reestruturalo. Acudía a cada partido como un afeccionado máis, comprou un avión Boeing 757 de seis estrelas e incrementou os ingresos da franquía ao redor dos 100 millóns de dólares. Nowitzki comentou sobre Cuban: "El creou un ambiente perfecto, nós só tiñamos que saír aí fóra e gañar". Isto viuse reflectido no rendemento de Nowitzki, que viu como no seu ano sophomore as súas medias incrementábanse até os 17,5 puntos, 6,5 rebotes e 2,5 asistencias. Dirk quedou segundo na votación polo galardón de Xogador Máis Mellorado, detrás de Darrell Armstrong, e formou parte do tradicional encontro entre Rookies e Sophomore (Rookie Challenge) do All-Star de 2000. Nowitzki asinou naquel encontro 17 puntos, 6 rebotes e 4 asistencias. Dirk tamén participou no Concurso de Triplas converténdose no xogador máis alto en participar. Clasificouse para a rolda final, onde só foi superado por Jeff Hornacek. Dallas acabou a tempada cunha notable melloría respecto ao pasado ano, 40-42.
Na tempada 2000-01, Nowtizki continuou mellorando as súas prestacións con 21,8 puntos, 9,2 rebotes e 2,1 asistencias xogando de ala-pivote. Dirk converteuse no primeiro xogador da franquía en ser nomeado nos Mellores Quintetos da NBA (foi incluído no Terceiro Quinteto) e o segundo xogador na historia da NBA en asinar 100 triplas e 100 tapóns nunha tempada. O alemán acabou con 151 triplos e 101 tapóns. Xunto con Steve Nash e Michael Finley conformou o "Big Three" dos Mavericks. O equipo acabou cun balance de 53-29 que lle valeu para clasificarse, 11 anos despois, a playoffs. Os Mavs superaron en primeira rolda a Utah Jazz por 3-2, despois de ir perdendo 0-2. Dirk foi a base da remontada tras anotar 33 puntos nos encontros 3 e 4. No 5º partido, Calvin Booth foi o heroe cunha canastra a 9.8 segundos do final. En Semifinais de Conferencia foron batidos por San Antonio Spurs por 4-1. No quinto partido, Nowitzki asinou 42 puntos (récord persoal en playoffs) e 18 rebotes pero non puido evitar a derrota e ao cabo a eliminación de Dallas.