Céltiga foi unha editorial creada polas Irmandades da Fala de Ferrol en 1921 co obxectivo de publicar obras galegas en prosa, cubrindo así o baleiro que se observaba respecto á relativamente ampla produción poética. Publicou primeiramente tres obras antes de iniciar, en 1922, unha colección subtitulada Novela mensual ilustrada, que acadaría os 13 títulos. Pechou durante a ditadura de Primo de Rivera, en 1923.
Historia O equipo directivo estaba formado polo fundador e director Xaime Quintanilla Martínez, o secretario Fiz Álvarez do Castelo, o administrador Manuel Morgado e o xerente Ramón Villar Ponte.
Contou como colaboradores cos personaxes máis representativos e máis comprometidos do momento coa defensa do galego como lingua de cultura: Vicente Risco, Castelao, Antón Villar Ponte, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Eladio Rodríguez González etc.
As primeiras obras publicadas foron Alén do propio Quintanilla; Trebón de Armando Cotarelo Valledor; Mal de moitos e Trato a cegas de Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida.
A ditadura de Miguel Primo de Rivera acabou coa editorial ordenando o seu peche en 1923. Nese momento estaba preparando a publicación de A trabe d'ouro e a trabe d'alquitrán, de Vicente Risco, que finalmente foi editado por Lar, sucesora de Céltiga. En total publicou 16 títulos cunha tiraxe media de 3000 exemplares Ernesto Vázquez Souza (2003) A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno, Sada: Eds. do Castro, p. 286..
Colección Céltiga: Novela mensual ilustrada A partir de marzo de 1922 co subtítulo de Novela mensual ilustrada publicáronse 13 títulos, entre eles Un ollo de vidro de Castelao; Saudade de Quintanilla; A i-alma de Mingos de Francisca Herrera Garrido; A Santa Compaña, de Roberto Nóvoa; ou Almas mortas de Antón Villar Ponte. Dos doce escritores galegos elixidos para publicar na colección, seis deles serían posteriormente homenaxeados no Día das Letras Galegas.
Os libros que editaba levaban portadas debuxadas por artistas do talle de Castelao, Camilo Díaz Baliño, Imeldo Corral ou Álvaro Cebreiro. Tamén se publicaron nesta editorial libros de contos de Eugenio Montes e de Evaristo Correa Calderón.
Tiñan un formato de 17x12 cms, cun número variable de páxinas, desde 24 ata 72, e prezo de 30 céntimos de peseta, agás os números extraordinarios que se vendían a 50 céntimos.
Listaxe dos 13 títulos da colección 1.- Saudade, de Xaime Quintanilla Martínez, con portada de Imeldo Corral.Saudade en Galiciana. 2.- Os catro cisnes brancos (lenda celta), tradución de Manoel Fernández Barreiro do orixinal de Louey Chisholm, con portada de Castelao.Os catro cisnes brancos en Galiciana. 3.- Almas mortas, de Antón Villar Ponte, con portada de Camilo Díaz Baliño.Almas mortas en Galiciana. 4.- O novo xuez, de Gonzalo López Abente, con portada de Valentín Castro Díaz. 5.- Axúdate e O menciñeiro, parrafeos orixinales de Charlón y Hermina, de Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, con portada de Álvaro Cebreiro.Axudante e O menciñeiro en Galiciana. 6.- A custureira, novela curta, de Nicolás García Pereira, con portada de Carmelo González. 7.- Un ollo de vidro, de Castelao, con portada e ilustracións do mesmo Castelao. 8.- A y-alma de Mingos, de Francisca Herrera Garrido (única muller autora na colección), con portada de Manuel Abelenda Zapata. 9.- Raza e terra. Versos, de Eladio Rodríguez González, con portada de Ramón Núñez Carnicer. 10.- O vello mariñeiro toma o sol e outros contos, de Eugenio Montes, con portada de Cándido Fernández Mazas.Inclúe un prólogo, do propio autor, e os contos: "O vello mariñeiro toma o sol", "O aniño da devesa" e "Como na parábola de Peter Brueghel". 11.- A Santa Compaña, traducido ao galego por Xaime Quintanilla do orixinal de Roberto Nóvoa, portada de Felipe Bello Piñeiro.A santa compaña en Galiciana. 12.- Luar (cantos galaicos), de Evaristo Correa Calderón, ilustrado por Álvaro Cebreiro.Inclúe os contos: "Romaxe", "A perdida" e "Gárgolas". 13.- Semprenoiva, de Francisco Cabo Pastor, con portada da súa filla María Cabo Usero.
Edicións do Rueiro da Coruña, ao longo do ano 1978, sacou en edición facsímile varias das obras da colección Céltiga, respectando o seu tamaño orixinal e as súas coidadas portadas.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
"CÉLTIGA" en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
, Prudencio (2019). "Colección Céltiga (1921-1923) [Semblanza"]. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes .
Outros artigos Alborada (Pontevedra) Lar (editorial)
Ligazóns externas "A popularización da novela curta: as coleccións Céltiga e Lar" Enciclopedia da Historia da Literatura Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Celtiga Categoría:Ferrol Categoría:Editoriais de Galicia desaparecidas Categoría:1922 en Galicia