Nuno Herlander Simões Espírito Santo, nado en San Tomé o 25 de xaneiro de 1974, é un exfutbolista e adestrador de fútbol santomense, naturalizado portugués, que dende setembro de 2025 adestra o West Ham, da Premier League inglesa.
Xogaba de porteiro e militou en varios clubs de Portugal, España e Rusia, sen conseguir ter moita continuidade, agás no Mérida, onde conseguiu o Trofeo Zamora de Segunda División, e en Osasuna. Aínda que nunca chegou a vestir a camiseta da selección portuguesa, foi parte do conxunto luso na Eurocopa de 2008.
Comezou a súa carreira como adestrador no Rio Ave, ao que guiou ata as finais da Copa de Portugal e da Copa da Liga. A continuación dirixiu o Valencia e o Porto, antes de recalar no banco do Wolverhampton Wanderers, onde permaneceu catro tempadas, levando o equipo dende a segunda categoría do fútbol inglés ata a Europa League. Máis tarde adestrou o Tottenham e o Al-Ittihad Club, antes de ingresar en 2023 no Nottingham Forest, equipo ao que conseguiu clasificar para competicións europeas despois de tres décadas.
Traxectoria
Orixes Naceu o 25 de xaneiro de 1974 na illa de San Tomé, cando esta formaba parte do Imperio Portugués, un ano e medio antes da independencia de San Tomé e Príncipe, nunha familia con ascendencia tanto africana como europea, que acabou instalándose en Portugal.
Como futbolista
Vitória de Guimaraes Comezou a xogar ao fútbol no Santoantoniense de Barreiro, pasando logo polo Quimigal e o Caçadores Torreenses, antes de ingresar en 1991 na canteira do Vitória de Guimarães. En 1993 debutou co primeiro equipo, con 19 anos e 4 meses de idade, converténdose no gardameta máis novo en vestir a camiseta do club.
Tralo seu precoz debut na Primeira Liga, para a tempada 1993/94 saíu cedido ao Vila Real, equipo da Segunda Liga que acabou descendendo ao remate da campaña. A continuación regresou ao Vitória, onde comezou a xogar como titular con máis asiduidade, acadando os 34 partidos de liga.
Deportivo da Coruña Militando no Vítória, coñeceu a Jorge Mendes, converténdose no primeiro cliente do que anos máis tarde sería o axente de futbolistas máis famoso do mundo. En 1996 o Deportivo da Coruña interesouse polo xogador, ofrecéndolle un salario 10 veces superior ao que cobraba en Portugal, pero o presidente do Vitória, António Pimenta Machado, rexeitou a oferta presentada por Augusto César Lendoiro. Nuno e Mendes finxiron entón que o futbolista tiña problemas co alcohol, para que o dirixente portugués deixase saír o gardameta con máis facilidade. O plan funcionou e a fichaxe concretouse en outubro de 1996, asinando un contrato por oito anos e pagando o club galego uns 280 millóns de pesetas ao conxunto de Guimarães, así como a ficha de Branko Milovanović.
Con todo, o seu paso polo Deportivo foi pouco máis que testemuñal. Na súa primeira tempada na Coruña, o equipo galego estaba a vivir un cambio de ciclo na portería, tralas marchas de Liaño e Elduayen, e contaba con catro gardametas (Songo'o, Canales e Kouba). Songo'o foi o elixido en case tódolos partidos por John Benjamin Toshack e polo seu sucesor no banco, Carlos Alberto Silva, mentres que Kouba quedou como segundo porteiro trala marcha de Canales no mercado invernal.
Nuno non debutou ata a antepenúltima xornada de liga, cando Silva o introduciu como substituto de Songo'o nos minutos finais dun partido ante o Sevilla en Riazor que estaba practicamente sentenciado (3-0). Ao remate da tempada Kouba saíu cedido ao Kaiserslautern, pero o Deportivo incorporou ao porteiro nixeriano Peter Rufai e Nuno tIvo que esperar máis dun ano para xogar o seu segundo partido co equipo coruñés, ata que foi titular na derradeira xornada da tempada 1997/98 ante o Sporting de Gijón no Molinón.
Cesión ao Mérida Para a tempada 1998/99 saíu cedido ao Mérida, da Segunda División, en busca dos minutos que non tiña no Deportivo. Debutou na sétima xornada de liga e xa non saíu do once inicial de Paco Herrera durante as seguintes 28 xornadas (excepto unha que perdeu por sanción), sendo elixido por diante de Falagán e Manu. Non encaixou o seu primeiro gol ata o quinto partido e acabou a liga con só 25 goles recibidos en 29 partidos, sendo o terceiro porteiro con mellor coeficiente da competición, só por detrás de Željko Cicović e César Quesada.
Aínda que no verán de 1999 regresou ao Deportivo, volveu ser cedido para unha segunda campaña ao Mérida, que solicitou de novo os seus servizos. Titular indiscutible, disputou completos 41 dos 42 partidos de liga, encaixando só 32 goles, polo que gañou o Trofeo Zamora de Segunda por diante dos gardametas Raúl Arribas (Leganés) e Gaspercic (Extremadura). Ademais sumou seis partidos na Copa do Rei, competición na que o equipo estremeño acadou os cuartos de final, e encaixou un só gol, na vitoria por 2-1 sobre o Real Madrid.
Nuno foi o porteiro no último partido da historia do club, que acabou desaparecendo ese verán despois de 88 anos de historia, por mor das súas débedas cos futbolistas.
Cesión a Osasuna As súas excelentes actuacións en Mérida espertaron o interese dun club da Primeira División, Osasuna, que conseguiu a súa cesión en xullo de 2000. No club navarro, dirixido por Lotina, fíxose coa titularidade por diante de Ricardo Sanzol, disputando 34 partidos.
Regreso ao Deportivo Para a tempada 2001/02 regresou ao Deportivo da Coruña, tras tres anos de cesións, e coa marcha de Songo'o converteuse no segundo gardameta do equipo, por detrás de Molina. A pesar da titularidade indiscutible de Molina, Nuno tivo a súa oportunidade en outubro, cando o porteiro valenciano se resentiu dos seus problemas musculares no cuarto partido da primeira fase de grupos da Liga de Campións ante o Manchester United en Old Trafford. Nuno substituíuno ao descanso, cun 2-2 no marcador, e callou unha magnífica actuación, mantendo a súa portería sen goles. Salvou un man a man ante Giggs e contribuíu ao vitorioso 2-3 final, no que foi considerado un dos mellores partidos da historia do club galego.
Xogou tamén os seguintes catro partidos do equipo coruñés, dous deles na liga e outros dous na Liga de Campións (ante Lille e Olympiakos). Trala recuperación de Molina, Nuno volveu ao banco, aínda que foi aliñado por Irureta nos partidos de Copa do Rei, competición na que o Deportivo se acabou proclamando campión. Con todo, Molina foi o elixido para defender a portería na final ante o Real Madrid, no coñecido como Centenariazo. Dúas semanas despois, Nuno disputou o seu 12º e derradeiro partido co Deportivo, na última xornada da segunda fase da Liga de Campións, ante o Bayer Leverkusen, co equipo coruñés xa clasificado para os cuartos de final.
Porto (1ª etapa) En xullo de 2002 foi traspasado ao Porto, como parte da operación que levou a Jorge Andrade ao Deportivo. Nos seus primeiros anos no club portugués estivo á sombra do histórico porteiro Vítor Baía, titular na maioría de partidos. Con todo, na súa primeira tempada disputou 15 partidos, contribuíndo a que o equipo de Mourinho se proclamase campión da Primeira Liga, da Copa de Portugal e da Copa da UEFA. Ademais marcou un gol, o único da súa carreira, nos cuartos de final da Copa ante o Varzim, onde anotou de penalti o sétimo gol do seu equipo (7-0).
A súa participación reduciuse a nove partidos na seguinte tempada, na que o club portuense conquistou a liga, a Supercopa de Portugal e a Liga de Campións. Ademais chegou ata a final da Copa de Portugal, na que Nuno foi titular, perdendo ante o Benfica 2-1 na prórroga.
Na tempada 2004/05, con Víctor Fernández como adestrador, disputou 7 partidos, entre eles dúas vitorias na Liga de Campións ante o CSKA Moscova e o Chelsea de Mourinho. Xogou tamén na final da Copa Intercontinental ante o Once Caldas no Estadio Internacional de Iocoama, tras substituír a na prórroga a Vítor Baía, vítima dunha taquicardia. O partido acabou nunha quenda de penaltis na se realizaron 18 lanzamentos, e aínda que nin Nuno nin o porteiro rival, Juan Carlos Henao, conseguiron deter ningún, o título foi para o equipo portugués grazas ao erro do colombiano Edwin García.
Dinamo Moscova En xullo de 2005 deixou Portugal e instalouse en Rusia, fichando polo Dinamo Moscova, onde coincidiu cos seus compatriotas Jorge Ribeiro, Nuno Frechaut, Luís Loureiro, Costinha, Maniche e Danny. Disputou 11 partidos co equipo moscovita na Liga Premier e un na Copa de Rusia, ata que en xaneiro de 2007 foi traspasado ao Desportivo das Aves.
Desportivo das Aves No seu regreso á Primeira Liga portuguesa, converteuse no porteiro titular no equipo adestrado por Neca para o que restaba da tempada 2006/07, sumando un total de 15 encontros. O equipo acabou descendendo á Segunda Liga.
Porto (2ª etapa) No verán de 2007 regresou ao Porto, onde militou durante as tres últimas tempadas da súa carreira, todas con Jesualdo Ferreira como adestrador. Durante esta etapa o porteiro titular do Porto era Helton, mentres que Nuno disputou 25 partidos en tres anos, a maioría deles na Copa de Portugal e na Copa da Liga. Foi titular na final da Copa de Portugal de 2009, título que o seu equipo conquistou tras derrotar ao Paços de Ferreira no Estadio Nacional de Oeiras.
Xogou o seu derradeiro partido como futbolista o 21 de marzo de 2010, na final da Copa da Liga fronte ao Benfica no estadio Algarve de Faro, partido que gañou o equipo de Lisboa por 3-0. En xuño de 2001 o Porto anunciou a fin do seu contrato. Pechou o seu paso polo Estádio do Dragão con 61 partidos oficiais, 1 gol e 12 títulos.
Selección portuguesa Internacional coas categorías inferiores da selección portuguesa, foi membro do equipo portugués que disputou a Eurocopa sub-21 de 1996 en España. Foi tamén convocado por Nelo Vingada para representar a Portugal nos Xogos Olímpicos de 1996 en Atlanta, a primeira participación do equipo luso dende os Xogos de 1928. Aínda que acudiu aos Estados Unidos como segundo porteiro por detrás de Costinha, acabou substituíndo ao bracarense cando este se lesionou no segundo encontro ante a Arxentina de Daniel Passarella. Foi titular no partido ante a selección anfitrioa que pechou a primeira fase e tamén nos cuartos de final contra Francia, onde Portugal venceu grazas a un gol de ouro de José Calado. A continuación ocupou a portería nas semifinais contra a Arxentina, recibindo dous goles de Hernán Crespo que eliminaron o equipo luso. Finalmente Portugal perdeu tamén no partido pola medalla de bronce, ante o Brasil, acabando no cuarto lugar final, que, con todo, é o mellor resultado olímpico da súa historia.
Entre 2000 e 2001 disputou tres partidos coa selección B de Portugal. A pesar de non vestir nunca a camiseta da selección absoluta, foi convocado polo técnico Luiz Felipe Scolari para substituír o lesionado Quim na Eurocopa de 2008, onde tampouco chegou a xogar, acadando o seu equipo os cuartos de final.
Como adestrador
Inicios Inmediatamente trala súa retirada como futbolista, iniciou a súa carreira como adestrador. A súa primeira experiencia foi no Málaga, onde traballou durante uns meses como adestrador de porteiros, acompañando ao seu último técnico, Jesualdo Ferreira. Trala destitución de Ferreira, Nuno seguiuno ao seu seguinte destino, o Panathinaikos grego.
Rio Ave En maio de 2012 comezou a traballar por primeira vez como adestrador principal, collendo as rendas do Rio Ave, da Primeira Liga, trala destitución de Carlos Brito. Na súa primeira campaña á fronte do equipo acabou a liga na sexta posición, o mellor resultado en máis de 30 anos. Ademais acadou as semifinais da Copa da Liga, por primeira vez na historia do club.
Na tempada 2013/14 o Rio Ave de Nuno chegou ás finais da Copa de Portugal (a segunda na historia do club) e da Copa da Liga (por primeira vez), aínda que acabou perdendo ambas diante do Benfica de Jorge Jesus. Con todo, conseguiu clasificar o equipo para a Europa League, feito nunca antes acadado polo club de Vila do Conde.
Valencia