Rigoberta Menchú Tum, nada en Uspantán, Quiché o 9 de xaneiro de 1959, é unha líder indíxena maia e defensora dos dereitos humanos, membro do grupo quiché. É embaixadora de Boa Vontade da Unesco e gañadora do Premio Nobel da Paz e do Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional.
Destacou polo seu liderado á fronte das loitas sociais no eido nacional e internacional. O 12 de febreiro de 2007, anunciou que se postularía ás eleccións presidenciais de Guatemala de 2007 pola coalición de partidos WINAQ e Encuentro por Guatemala; quedou en quinto lugar cun 3,09%. Malia a derrota, o 7 de maio de 2011 o partido indíxena WINAQ xunto a outros partidos proclamouna como candidata presidencial para as eleccións presidenciais do 11 de setembro de 2011 na Fronte Ampla de Guatemala..
Biografía Naceu o 9 de xaneiro de 1959 na poboación guatemalteca de Uspantán, situada no Departamento de Quiché, nunha comunidade rural onde os seus pais desfrutaban de moi boa reputación, sendo o seu pai un activista a prol dos dereitos dos indíxenas e a súa nai unha experta en medicina tradicional maia.
Moita da popularidade da súa obra veu do seu libro autobiográfico de 1982-1983 Me llamo Rigoberta Menchú y así me nació la conciencia. O libro foi realmente escrito por Elisabeth Burgos a partir das conversas con Rigoberta. No seu libro, Rigoberta explica como comezou a traballar nunha leira de café con cinco anos, en condicións tan pésimas que foron a causa da morte de irmáns e amigos seus. Recibiu unha educación católica, o cal a levaría máis tarde a colaboracións coa Igrexa católica. Xa adulta, participou en protestas contra o réxime militar polos seus abusos contra os Dereitos Humanos. A guerra civil de Guatemala tivo lugar entre 1962 e 1996, malia que a violencia comezara anos antes. A violencia forzouna ó exilio en México no ano 1981. Ese mesmo ano, o seu pai foi asasinado na embaixada española da Cidade de Guatemala. No ano 1991, participou na preparación da declaración dos dereitos dos pobos indíxenas por parte das Nacións Unidas.
Unha vez rematada a guerra civil intentou levar ós tribunais españois a políticos e militares por asasinar cidadáns españois, e por xenocidio contra o pobo maia de Guatemala. As acusacións incluíron ó ditador, exmilitar e candidato á presidencia Efraín Ríos Montt.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina web
Categoría:Pobo quiché Categoría:Premio Nobel da Paz Categoría:Premios Princesa de Asturias de Cooperación Internacional Categoría:Nados en 1959 Categoría:Nados en Guatemala Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Autónoma de Madrid Categoría:Premios Nobel de Guatemala Categoría:Mulleres líderes indíxenas Categoría:Indixenistas de América Categoría:Activistas dos dereitos indíxenas