Agustín Hernández Fernández de Rojas, nado en Madrid o 31 de marzo de 1961, é un enxeñeiro de camiños, canles e portos pola Universidade Politécnica de Madrid e ademais un político galego do PPdeG.
Traxectoria Funcionario de carreira. En 1985 participou como enxeñeiro na construción do encoro de Santa Uxía, que imposibilitou durante vinte e cinco anos que o río Xallas desembocase no mar na fervenza do Ézaro. A raíz dunha denuncia do grupo ecoloxista AMS-Ríos con Vida, o propio Hernández resolveu en abril de 2011, sendo conselleiro de Medio Ambiente, impoñer un caudal ecolóxico a empresa FerroAtlántica na fervenza do Ézaro.Recuperada a fervenza do Ézaro non só "por vacacións" , artigo en Galicia Hoxe.
Foi Director Xeral de Obras Públicas desde 1998 ata 2005. Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009 foi elixido deputado pola provincia de Pontevedra nas listas do PPdG, e ocupou o cargo de conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijoo. Cesou no cargo en xuño de 2014 para ser alcalde de Santiago de Compostela. Agustín Hernández concorrera pechando a candidatura municipal do PPdG nas eleccións municipais de 2011, e trala dimisión da práctica totalidade do equipo de goberno municipal pasou a conformar un goberno con varios edís non electos, tras esgota-la práctica totalidade dos suplentes da candidatura. Encabezou a candidatura do PPdeG nas eleccións municipais de 2015 e perdeu a alcaldía en favor do candidato de Compostela Aberta Martiño Noriega, tras pasar a ser a segunda forza. Durante este mandato asumiu a portavocía do grupo municipal, foi deputado provincial e asumiu a presidencia local do PPdeG en Santiago. Encabezou novamente a candidatura popular nas eleccións municipais de 2019 e volveu ser derrotado, nesta ocasión polo socialista Xosé Sánchez Bugallo.
En setembro de 2019 renunciou aos seus cargos no concello e no comité local do partido en Santiago, pasando a asumi-la presidencia do Consello Económico e Social de Galicia. En setembro de 2023 anunciou a súa dimisión. Regresou a Augas de Galicia, como subdirector xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas. Vida persoal Está casado e ten tres fillos.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Madrid Categoría:Alumnos da Universidade Politécnica de Madrid Categoría:Nados en 1961