miniatura|Igrexa de Santa María de Cortegada. Daniel Vázquez-Gulías Martínez, nado en Beariz o 30 de agosto de 1869 e finado na Coruña o 3 de febreiro de 1937, foi un arquitecto galego.
Traxectoria Daniel Vazquez Martínez ou Vázquez-Gulías Martínez era fillo do médico Francisco Javier Vázquez Gulías e de Dolores Martínez Blanco. Estudou na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid entre 1889 e 1895 obtendo o título de arquitecto o 13 de marzo de 1897. Ao ano seguinte chegou a Ourense para substituír como arquitecto municipal a José Antonio Queralt Rauret. En 1899 supleu a vacante do cargo de arquitecto diocesano por cambio de residencia de Antonio Queralt, quen se estableceu en Pontevedra. Foi tamén arquitecto de Facenda. Foi pai de Celso Vázquez-Gulías Álvarez.
A súa arquitectura pódese cualificar de "doméstica" e comercial, e soubo xogar coa plasticidade do ferro e a pedra. Introduce elementos tomados en préstamo dos arquitectos modernistas como son talos ondulantes de plantas liliáceas, lotos e tulipáns. É un ecléctico, móvese entre a tradición e a innovación. Foi o seu colaborador o artesán e fundidor Malingre.
Obras En Ourense deixou múltiples edificios relixiosos e civís. Entre os edificios relixiosos merecen especial mención o templo parroquial de Santa María de Cortegada de Baños (1899), o templo parroquial de Santa Cruz de Terroso (1902), o templo parroquial de San Tomé o Novo de Maside (con Luís Bellido), reformas no templo parroquial de San Munio de Veiga (1903), reforma e reparación extraordinaria do templo parroquial de San Xoán de Louredo no arciprestado de Pao (1904), templo parroquial de Santiago das Caldas (1905).
En 1905 xunto ao mestre de obras José Porto Román, veciño de Maside, levaron a cabo as obras de reparación extraordinaria do templo parroquial de San Salvador de Nocedo do Val. En 1906, reparación do templo parroquial de Santa María de Xinzo e de construción de San Xoán de Louredo. En 1909, reparación do templo parroquial de Santiago de Cerreda, e templo parroquial de Santa María de Baíste no arciprestado de Avión. En 1911, obras do templo parroquial de Santiago das Caldas.
Fóra da provincia de Ourense, construíu a Capela de San Caralampo, na Illa da Toxa (O Grove, Pontevedra).Un espacio cultural para la obra de Daniel Vázquez-Gulías
Tamén é obra súa o panteón familiar construído no cemiterio de San Francisco en Ourense, onde descansan os seus restos mortais.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Viscasillas Vázquez, Carlos (2015). Los Vázquez de Beariz (Ourense). Notas para su historia. Boletín auriense, Tomo 45, págs. 311-335. ISSN 0210-8445. Ligazóns externas Biografía na páxina web do concello de Beariz
Categoría:Arquitectos de Galicia do século XX Categoría:Nados en Beariz Categoría:Nados en 1869 Categoría:Finados en 1937 Categoría:Alumnos da Universidade Politécnica de Madrid