Afonso Eanes do Coton (tamén Alfonso Eanes de Cotón ou Afons’Eanes) foi un trobador galego do século XIII, activo nas cortes de Fernando III e Afonso X. É un persoeiro recoñecido en Negreira, levando un premio de poesía o seu nome e sendo a súa figura de cerámica de Sargadelos a que entrega devandito concello aos seus visitante máis ilustres. Tamén ten unha rúa co seu nome en Cidade Real.
Traxectoria Suponse que naceu, a finais do século XII ou xa no século XIII, na localidade coruñesa de Negreira, onde está o pazo do Cotón. Tamén existen teorías que sitúan o seu nacemento en Santiago de Compostela debido a que o seu suposto pai (Iohannes Cothon) tiña casa alí.
Eanes do Coton preséntase como escudeiro, polo que probablemente descenda dunha familia da baixa nobreza, outro indicio é o feito de que reproba aos trobadores que cobran pola súa arte. Existe constancia da súa participación en campañas de reconquista levadas a cabo por Fernando III, da súa obra dedúcese que tamén participou no cerco a Xaén de 1246 e nas tomas de Sevilla e de Córdoba. Percorreu boa parte do Camiño Francés por estar namorado dunha muller da que pouco sabía.
Na corte de Fernando III mantén produción literaria con Martin Soares, Johan Soares Coelho e Roi Gomez de Briteiros. Así mesmo coñece a Gonçalo Eanes do Vinhal e a Pero da Ponte.
Para os seus contemporáneos era un vividor de moi má reputación, abarregado cunha tal María Pérez Balteira de fama aínda peor que a súa. Martin Soares acúsao de levar mala vida nunha cantiga. Segundo conta Afonso X, Eanes do Coton foi asasinado por Pero da Ponte, ao parecer nunha taberna de Cidade Real (coñecida daquela como Vila Real) en torno ao ano 1266.
Obra Consérvanse quince cantigas de escarnio e maldicir, dúas cantigas de amigo e dous tenzons con Pero da Ponte. Ademais existen dúbidas sobre a autoría doutras dúas cantigas de escarnio, unha cantiga de amor e outra de amigo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Ficha na web do Projeto Littera .
Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos Categoría:Nados en Negreira Categoría:Trobadores en galego-portugués Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia