Henriette-Marie-Sarah Bernhardt ou Rosine BernardOu Henriette Marie Sarah segundo outras fontes e . coñecida como Sarah Bernhardt, nada o 22 de outubro de 1844 en París e morta o 26 de marzo de 1923 na mesma cidade, e soterrada no cemiterio do Père-Lachaise, foi unha actriz de teatro francesa e tamén dos primeiros anos do cine mudo, considerada unha das mellores actrices de todos os tempos. En 1914 foille concedida a Lexión de Honra polas súas condicións artísticas.

Infancia Naceu probablemente o 22 de outubro de 1844 no número 5 da rúa École de Médecine de París.Afirmouse que Bernhardt ás veces celebrou o seu aniversario o 23 de outubro, aínda que non hai comprobación desta reclamación. Sobre a data de nacemento non se sabe con certeza o día nin o mes. Suponse o 22 ou 23 de outubro. Sábese que foi bautizada en 1857, cando tiña uns 12 anos, pero perdeuse o rexistro. A data de nacemento a partir dun certificado de bautismo redactado á idade de 12 anos non sería fiable como fonte primaria, e só pode ser utilizado para corroborar outras probas. No L'art du théâtre, o profesor Ockman describe a procura dun recorte de xornal non identificado na Biblioteca da Comédie Française, en París, que incluía unha copia dun certificado bautismal dicindo que Bernhardt naceu o 25 de setembro de 1844. Na autobiografía de Bernhardt de 1907, Ma double vie (A miña dobre vida) non fai referencia á súa data de nacemento. Tiña o cabelo de cor loura escura e os ollos azul cobalto. A súa nai era unha muller de relixión xudía, de orixe holandesa chamada Julie Bernardt, de alcume "Youle", que se gañaba a vida como prostituta de luxo xunto coa súa irmá, Rosina Bernardt. Sarah Bernhardt nunca soubo quen foi o seu pai biolóxico e daba o nome do irmán da súa nai, Édouard Bernardt, coma nome do seu pai. miniatura|250px|Sarah Bernhardt en La Dame aux camélias

Sarah pasou os primeiros catro anos da súa vida na Bretaña ao coidado dunha ama de leite. A primeira lingua que Sarah coñeceu foi o bretón e por esta razón, ao iniciar a súa carreira teatral, adoptou a forma bretoa do seu apelido: Bernhardt. Nesta época sufriu un accidente que moitos anos despois lle causaría graves problemas de saúde: caeu por unha fiestra rompendo o xeonllo dereito. Aínda que sandou sen problemas, o xeonllo quedoulle delicado para sempre e en 1914 por mor dunha dolorosísima inflamación do xeonllo terían que lle amputar a perna dereita. Tralo accidente, a súa nai levouna con ela a París onde permaneceu dous anos.

A piques de cumprir os sete anos ingresou na Institución Fressard, un internado para señoritas próximo a Auteuil, onde permaneceu dous anos. En 1853 ingresou no colexio conventual Grandchamp, próximo a Versalles. Neste colexio participou por primeira vez nunha obra teatral, Tobías recupera a vista, escrita por unha das monxas. Tamén aquí foi bautizada e fixo a primeira comuñón. O ambiente místico do colexio levouna a pensar en se facer monxa.

Actriz e cortesá Tras abandonar Grandchamp aos quince anos, a súa nai tratou de introducila no mundo licencioso para que gañase a vida como prostituta de luxo, pero Sarah, influenciada pola súa educación relixiosa, negouse repetidamente. Julie Bernard tiña un salón en París onde se reunían os seus clientes, entre os que estaba o medio irmán de Napoleón III, o duque de Morny. Morny aconsellou que Sarah se inscribise no Conservatoire de musique et déclamation, onde grazas aos contactos do duque, a rapaza entrou sen dificultade en 1859. En 1861 gañou un segundo premio en traxedia e unha mención honorífica en comedia.

Finalizados os estudos no Conservatorio, entrou, de novo grazas aos influentes contactos de Morny, na Comédie-Française, o teatro máis prestixioso de Francia, onde debutou o 11 de agosto de 1862 coa obra Iphigénie de Jean Racine. O seu forte carácter fixo que xurdisen tensións cos seus compañeiros polo que deixou a Comédie en 1863. Tres semanas despois contratouna o Teatro Gymnase onde realizou sete pequenos papeis en diferentes obras e onde actuou por última vez o 7 de abril de 1864 na obra Un mari qui lance sa femme.

Nese ano coñeceu a un dos grandes amores da súa vida, Charles-Joseph Lamoral, príncipe de Ligne, co que iniciou unha apaixonada relación ata que quedou embarazada e o príncipe a abandonou. O 22 de decembro de 1864 deu a luz o seu único fillo, Maurice Bernhardt.

Sen un oficio e despois de fracasar momentaneamente no mundo do teatro, seguiu os pasos da súa nai converténdose en prostituta de luxo. Sarah non abandonou a actividade como cortesá ata que a súa carreira teatral se afianzou co éxito e puido manterse só co que lle reportaba o traballo no teatro.

Primeiros éxitos

Tres anos máis tarde, en 1867 debutou no Teatro do Odéon con Les femmes savantes ("As mulleres sabias") de Molière. Alí empezou a súa verdadeira carreira profesional, aínda que participou en moitas montaxes teatrais alternando o teatro coa vida licenciosa. A fama chegoulle repentinamente en 1869 con Le passant de François Coppée, unha obra en verso dun só acto na que Sarah fixo por primeira vez un papel masculino, o do trobador Zanetto. Volvería facer de home en varias obras máis: Lorenzaccio, Hamlet e L'Aiglon.

En 1870, durante a guerra franco-prusiana, o Odeón foi habilitado como hospital para convalecentes, onde coidou con dedicación os feridos de guerra. En 1871 o improvisado hospital tivo que ser pechado por problemas de salubridade. miniatura|Sarah Bernhardt no papel de raíña en Ruy Blas. Foto anónima. ano 1879.

Trala derrota francesa e a caída de Napoleón III, moitos intelectuais exiliados por estaren en contra do emperador puideron regresar a Francia, entre eles Victor Hugo. O regreso de Hugo foi transcendental na vida de Bernhardt xa que o escritor a elixiu para protagonizar a reestrea da súa obra Ruy Blas e ademais ela protagonizou outra obra de Hugo: Hernani. Ruy Blas elevouna a cotas de éxito inimaxinables. Regresou á Comédie-Française coma unha grande estrela e alí afianzou o seu repertorio e os seus múltiples rexistros como actriz.

Artista polifacética miniatura|esquerda|Le Fou et la Mort, escultura en bronce de Sara Bernhardt realizada en 1877. Exponse no Museo de Belas Artes de Dijon. O estilo de interpretación de Bernhardt baseábase na naturalidade. Anoxaba profundamente as vellas normas do teatro francés onde os actores declamaban histrionicamente con xestos exaxerados. Ela rompeu con todo o establecido profundando na psicoloxía dos personaxes. Estudaba cada aceno e cada entoación do texto que debía dicir buscando a perfección natural sen que se notase ningún tipo de artificio. Destaca na súa arte que, representando a grandes heroínas de traxedia ou raíñas, sempre fuxiu da sobreactuación e da afectación. Foron famosas as súas escenas de morte, nas que no canto de, segundo as súas propias palabras, "ofrecer toda unha sarta de patoloxías" tales como estertores, toses e queixumes agónicos, tentou profundar no que representa o acto de morrer desde o punto de vista psicolóxico e sentimental. miniatura|220px|Sarah Bernhardt. Á parte da súa profesión de actriz, interesouse pola escultura e a pintura, chegando a expoñer no Salón de París varias veces, entre os anos 1874 e 1896. Recibiu distintos premios e mencións honoríficas en ambas as disciplinas. Escribiu tamén tres libros: a súa autobiografía titulada Ma double vie, amais de Petite idole e L'art du théâtre: La voix, le geste, la prononciation.

Bernhardt especializouse en representar as obras en verso de Jean Racine, tales como Iphigénie, Phèdre ou Andromaque. Destacou especialmente, entre moitas outras, en La Dame aux camélias, de Dumas fillo, Théodora, de Sardou, L'Aiglon, de Edmond Rostand, Izéïl, de Silvestre e Morand, Macbeth, de Shakespeare ou Jeanne D'Arc de Jules Barbier.

Xiras por todo o mundo

En 1879 realizou a súa primeira saída de Francia, concretamente a Inglaterra onde permaneceu seis semanas ofrecendo dúas representacións diarias e obtivo un éxito rotundo. Cando chegou ao seu país tivo un gran recibimento. Nesta primeira visita coñeceu un novo escritor chamado Oscar Wilde, do que anos máis tarde, en 1893, aceptaría representar a súa obra Salomé. Tamén, nese mesmo ano, Sarah foi ascendida a "socia plena" da Comédie-Française. Os "socios plenos" son a xerarquía máis alta desta institución.

Tralo seu espectacular éxito en Inglaterra decidiu realizar a súa primeira xira americana. Partiu cara aos Estados Unidos o 15 de outubro de 1880 onde acadou un éxito total. Bernhardt faría repetidas xiras polos Estados Unidos (as súas famosas "xiras de despedida") e tamén percorreu toda América do Sur, actuando no Brasil, o Perú, a Arxentina e Chile entre outros países. Viaxaba en tren e en barco e chegou a cruzar o Cabo de Fornos. Nos Estados Unidos o seu éxito era tal que lle habilitaron un tren con sete vagóns de luxo chamado "Sarah Bernhardt Special" que era de uso exclusivo da actriz. As súas xiras chegaron tamén a Australia, visitou as illas Hawai e actuou en Exipto e mais en Turquía. Tamén percorreu Europa, visitando Moscova, Berlín, Bucarest, Roma ou Atenas, actuando no seu periplo non só en grandes teatros senón tamén noutros de ínfima categoría. Non chegou a actuar no continente asiático.

Vida familiar A súa vida familiar non foi sinxela. Tivo unha relación tensa e distante coa súa nai, Julie, que nunca foi unha nai cariñosa e preocupada pola filla, e este feito fixo que Sarah sempre buscase a súa aprobación e o seu afecto. Julie Bernard sentía predilección tan só pola súa filla Jeanne e descoidou totalmente a educación da filla máis nova, Régine. Sarah Bernhardt sentía predilección pola súa irmá máis nova Régine e cando logrou ser independente levouna a vivir con ela para afastala da nai e das intencións desta de convertela tamén nunha cortesá. Lamentablemente, non o conseguiu e Régine converteuse en prostituta aos 13 anos, morrendo aos 18, en 1873, a causa da tuberculose.

A súa outra irmá, Jeanne, tamén foi cortesá durante unha época, cando tiña necesidade de diñeiro. Para apartala da mala vida, Bernhardt levouna coa súa compañía en varias das súas xiras americanas e europeas. Era unha actriz mediocre, pero facía pequenos papeis e puido levar unha vida de luxo xunto á súa irmá Sarah. Sábese que sufriu crises neuróticas debido á súa adicción á morfina e que estivo ingresada no hospital da Pitié-Salpêtrière de París, baixo o coidado do doutor Jean-Martin Charcot. En cambio, o fillo de Sarah, Maurice, sempre estivo moi unido á súa nai. Viviu sempre á súa sombra, malgastando auténticas fortunas no xogo, en viaxes e nunha vida regalada.

Vida sentimental miniatura|dereita|Sarah Bernhardt en 1878. Bernhardt tivo unha axitada vida sentimental, na que destacan nomes como Gustave Doré, Victor Hugo, Jean Mounet-Sully, Jean Richepin, Philippe Garnier, Gabriele d'Annunzio, e Eduardo, Príncipe de Gales, entre outros.

Casou unha soa vez, cun oficial grego chamado Jacques Aristidis Damala, nado no Pireo en 1842, fillo único dun rico armador e adicto á morfina. Bernhardt casou con el o 4 de abril de 1882 e o matrimonio foi moi tempestuoso. Sarah intentou converter en actor a Damala, impartiulle clases de actuación e deulle o papel de Armand Duval en La Dame aux camélias, pero fracasou.

Éranse infieis mutuamente e un día Damala, incómodo polo éxito da súa muller e mais polas constantes burlas dos actores da compañía de Bernhardt e a mala relación con Maurice Bernhardt, alistouse na Lexión francesa sendo destinado a Alxeria. Meses máis tarde regresou con Sarah e as separacións e reconciliacións foron continuas ata que Sarah decidiu ir de xira por todo o continente americano en 1887 e Damala xa non a acompañou, co que chegou a separación definitiva. Permaneceron casados ata a morte de Damala, en 1889, polos efectos secundarios do abuso continuado de morfina, á idade de 42 anos. Bernhardt enterrouno en Atenas e adornou a súa tumba cun busto tallado por ela mesma.

Empresaria teatral