Baltasar Garzón Real, nado en Torres (Xaén) o 26 de outubro de 1955, é un xuíz español. Foi xuíz dende 1981 e maxistrado do Xulgado Central de Instrución n.º 5 da Audiencia Nacional dende 1988 até 2012 (agás dende maio de 1993 até maio de 1994), tivo ó seu cargo a investigación dalgúns dos delitos de maior relevancia que se produciron en España durante aquela época: crimes contra a humanidade, terrorismo, terrorismo de Estado, narcotráfico, corrupción política e delincuencia económica.
Presentouse como candidato independente a deputado nas listas do PSOE en 1993 e, ó constituírse o executivo, foi nomeado delegado do Goberno no Plan Nacional sobre Drogas, con rango de secretario de Estado. En maio de 1994 abandonou ámbolos dous cargos.
O 22 de febreiro de 2012 foi expulsado da carreira xudicial logo de ser condenado polo Tribunal Supremo a once anos de inhabilitación por un delito de prevaricación cometido durante a instrución do caso Gürtel.«Garzón condenado» a 11 años de inhabilitación por prevaricación en las escuchas de Gürtel. RTVE.es Dende entón, exerceu, entre outros cargos, o de asesor do Tribunal Penal Internacional da Haia ou o de director da defensa xurídica do fundador de Wikileaks, Julian Assange. O 29 de novembro de 2012 recibiu de mans da presidenta da Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, o seu documento de identidade de residente estranxeiro na Arxentina. Alí foi coordinador de asesoramento internacional na secretaría de Dereitos Humanos do Ministerio de Xustiza, até que renunciou ó posto en xaneiro de 2016, logo do fin do mandato de Kirchner. En Colombia, asesorou á Fiscalía Xeral. En Ecuador foi designado coordinador da Veeduría Internacional á Reforma da Xustiza, cuxo informe final foi presentado o 13 de decembro de 2012.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Fariña (libro) Fariña (serie de televisión)
Xuíces Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Nados en 1955 Categoría:Alumnos da Universidade de Sevilla Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (V Lexislatura) Categoría:Nados na provincia de Xaén