Noureddine Naybet M. (en árabe, نور الدين نبيت), nado en Casablanca o 10 de febreiro de 1970, é un exfutbolista marroquí, que xogaba de defensa central. A súa carreira está estreitamente vencellada ao Deportivo da Coruña, no que militou durante oito anos entre 1996 e 2004, disputando 284 partidos oficiais e conquistando unha liga de Primeira División, unha Copa do Rei e dúas Supercopas de España. Amplamente considerado como o mellor defensa na historia do club galego, xogou ademais no Widad Casablanca (co que gañou varios títulos, entre eles tres ligas marroquís e unha Liga de Campións da CAF), así como no Cannes, no Sporting de Portugal (co que conquistou unha Copa de Portugal e unha Supercopa de Portugal) e no Tottenham Hotspur.

Considerado como un dos mellores futbolistas marroquís e africanos da historia, é o xogador que máis veces vestiu a camiseta da selección marroquí, con 115 internacionalidades, e representou ao seu país en dúas Copas do Mundo (1994 e 1998) e seis Copas de África.

Traxectoria

Widad Casablanca Nacido en Casablanca, comezou a xogar ao fútbol nas rúas de Derb Chorfa, no barrio de Derb Sultan, antes de trasladarse ao barrio de Hay Al Farah. Alí fixouse nel o Étoile de Casablanca, co que adestrou durante só unha semana, antes de pasar á canteira do Widad. Xogou nas categorías inferiores do club, tanto en posicións defensivas como ofensivas, ata que se asentou na defensa, e sendo aínda xuvenil subiu ao primeiro equipo.

Con este club gañou en tres ocasións a liga marroquí (nas tempadas 1989/90, 1990/91 e 1992/93), títulos aos que sumou unha Copa do Trono, unha Copa Afroasiática, unha Copa de Campións de Clubs Árabes e unha Supercopa Árabe.

En 1992 conquistou o seu título máis importante co Widad, a Liga de Campións da CAF. O equipo acadou a final despois de eliminar sucesivamente ao Real Bamako de Malí, ao Julius Berger de Nixeria, ao Nkana de Zambia e ao Mimosas de Costa do Marfil. Na final enfrontouse ao Al Hilal do Sudán, ao que derrotou por 2-0 na ida no estadio Mohamed V, vantaxe que conseguiu manter na volta en Omdourman cun empate sen goles para erguer así o primeiro título continental da historia do club. Naybet era un centrais titulares daquel equipo, xunto a Fadel Jilal.

Cannes As súas boas actuacións permitiron o seu paso ao fútbol europeo, e para a tempada 1993/94, tras un achegamento do Cannes, acabou finalmente fichando polo Nantes, onde ocupou o oco na defensa deixado polo croata Zoran Vulić. Realizou unha impresionante campaña no fútbol francés, sendo elixido por L'Equipe como un dos dez mellores xogadores da Division 1. Disputou 34 partidos de liga (todos como titular agás un), aos que sumou 5 na Copa de Francia e 2 na Copa da UEFA, na que o seu equipo caeu eliminado en primeira rolda ante o Valencia despois dunha prórroga.

Sporting de Portugal Ao ano seguinte foi traspasado ao Sporting de Lisboa no que xogou dúas tempadas. Titular indiscutible ás ordes de Carlos Queiroz, formou xunto a Marco Aurélio unha das mellores parellas de centrais da historia do club. O equipo lisboeta, no que coincidiu entre outros con xogadores como Luís Figo, Oceano, Peixe, Sá Pinto, Amunike, Balakov e Yordanov, pechou a tempada 1994/95 con só 21 goles encaixados e co subcampionato da Primeira Divisão, só por detrás do Porto de Bobby Robson. Esa mesma tempada o club conseguiu poñer fin a unha xeira de 13 anos sen títulos, ao gañar a Copa de Portugal derrotando ao Marítimo nunha final celebrada no Estadio Nacional de Oeiras e na que Naybet xogou os 90 minutos.

Comezou a tempada 1995/96 disputando a Supercopa de Portugal contra o Porto, rematando o paritdo de ida no José Alvalade cun empate a cero. Na volta no estadio das Antas, Naybet marcou na primeira parte o primeiro gol do seu equipo, mentres que na segunda un derrubamento seu a Domingos provocou que o árbitro expulsase erroneamente ao gardameta Paulo Costinha, tendo que ocupar a portería o centrocampista Oceano. O encontro rematou con empate a dous goles, polo que se concertou un terceiro partido de desempate, que se disputou case un ano despois, en maio de 1996 no Parque dos Príncipes de París, saíndo vencedor o Sporting por 3-0. O conxunto de Naybet acadou tamén a final da Copa 1995/96, pero caeu ante o Benfica por 3-1.

Deportivo da Coruña O seu gran rendemento co equipo portugués fixo que se fixase nel o Deportivo da Coruña, que pechou a súa contratación a finais de maio de 1996, pagando polo seu traspaso uns 250 millóns de pesetas, naquela época a cifra máis alta desembolsada por un futbolista marroquí na historia. Converteuse ademais no primeiro xogador marroquí da historia do club galego. Asinou o seu contrato por catro tempadas o 4 de xuño e aínda que a súa fichaxe se viu eclipsada por outros grandes nomes que chegaron ese verán á Coruña como Rivaldo, Songo'o, Corentin Martins ou Flávio Conceição, Naybet axiña amosou as súas habilidades. Debutou nun partido amigable ante o Racing Vilalbés e dúas semanas despois, na disputa da 51ª edición do Trofeo Teresa Herrera, marcou de tacón fronte ao Ajax o seu primeiro gol coa camiseta do Deportivo

O seu debut oficial co equipo adestrado por Toshack produciuse na primeira xornada de liga, ante o Real Madrid en Riazor, partido no que xogou dende o inicio e que acabou en empate a un gol. Formou xunto a Đukić e Paco Jémez o núcleo da defensa ao longo da tempada e xogou como titular todos os partidos que disputou o club, agás os que perdeu por sanción ou por ir convocado coa selección nacional. Pechou a súa primeira campaña co club galego cun total de 38 partidos e como o terceiro xogador de campo do equipo con máis minutos (3343), só por detrás de Rivaldo e Armando. O 15 de marzo de 1997 marcou o seu primeiro gol oficial como deportivista, facendo o único tanto no partido da xornada 29 contra o Espanyol en Sarrià. As súas boas actuacións contribuíron a que equipo coruñés fose o menos goleado da categoría, con só 30 goles encaixados.

Nas seguintes dúas campañas consolidouse como o xefe da defensa branquiazul e sumou cinco goles máis, ao tempo que o seu temperamento lle valía numerosos cartóns amarelos e vermellos e algún enfrontamento co técnico Javier Irureta. Ao remate da tempada 1998/99 estivo preto de fichar polo Real Madrid, cuxo banco ocupaba o exdeportivista Toshack, e chegou a despedirse da afección deportivista en rolda de prensa. A súa vontade de fichar polo club branco fixo que recibise asubíos por parte da afección de Riazor na pretempada. Con todo, as altas esixencias económicas do presidente coruñés Lendoiro impediron un acordo coa directiva madrileña presidida por Lorenzo Sanz.

Así, comezou a tempada 1999/00 saíndo como titular na primeira xornada ante o Alavés, pero quedou fóra das convocatorias das seguintes semanas, nas que viaxou a Inglaterra para negociar o seu pase ao Manchester United, acordo que se truncou nas últimas horas do mercado de fichaxes. Este novo intento de saída molestou aínda máis a parte dos seareiros, pero as súas boas actuacións trala súa volta valéronlle os aplausos do público de Riazor. Asentado na titularidade xunto a Donato, en febreiro, tanto el como o seu compañeiro Salaheddine Bassir, ausentáronse para disputar coa súa selección a Copa de África. Ao seu regreso ocupou de novo o seu sitio nos onces iniciais e contribuíu ao histórico título de liga do club galego.

En agosto gañou tamén a Supercopa de España, superando ao Espanyol por un resultado global de 2-0. O 13 de setembro do ano 2000 debutou xunto ao club na Liga de Campións, enfrontándose ao Panathinaikos no Estadio Spyros Louis de Atenas. Despois de que o polaco Krzysztof Warzycha adiantase ao equipo grego na primeira parte, no segundo tempo Naybet recolleu un pase de chilena de Pandiani e introduciu o balón na portería de Antonios Nikopolidis, empatando o partido e dándolle ao Deportivo o primeiro punto da súa historia na máxima competición europea. Disputou un total de 13 encontros nesa edición da Champions, todos de xeito íntegro, incluída a célebre remontada sobre o PSG, ata caer nos cuartos de final diante do Leeds United. Sumou ademais 26 partidos na liga, acadando o subcampionato por detrás do Real Madrid.

Na seguinte campaña o equipo volveuse proclamar subcampión de liga e destacou de novo na Liga de Campións, clasificándose na primeira posición na primeira fase de grupos. A isto contribuíu o propio Naybet tanto de xeito defensivo como ofensivo, co seu gol a Fabien Barthez en Riazor co que o Deportivo culminou a súa remontada sobre o Manchester United na segunda xornada (2-1). Na segunda fase de grupos foi un dos protagonistas da espectacular vitoria por 0-2 sobre o Arsenal no antigo Highbury, co seu gol ante Seaman, nun encontro considerado como un dos mellores partidos da historia do club. A pesar do seu bo xogo, o club galego caeu nos cuartos de final ante o Manchester.

Con todo, o maior éxito do club esa tempada chegou na Copa do Rei, na que o equipo foi eliminando rivais ata acadar a final por segunda vez na súa historia. Aínda que Naybet perdeu a maioría de partidos por estar concentrado coa súa selección, si puido disputar a final que o Deportivo conquistou ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu o día que o club branco cumpría 100 anos, e que pasou á historia co nome de Centenariazo.

Na tempada 2002/03 gañou a súa segunda Supercopa de España, marcándolle ao Valencia un dos goles no partido de ida, e foi titular nas prestixiosas vitorias europeas contra o Bayern de Múnic, aínda que o equipo non foi quen de pasar da segunda fase de grupos. Mentres, na liga acabou na terceira posición. Comezou a súa oitava e derradeira campaña no Deportivo xogando como titular no centro da defensa xunto ao portugués Jorge Andrade, pero os seus números co seu club víronse reducidos por unha lesión nun pé e pola disputa da Copa de África entre xaneiro e febreiro de 2004.

Porén, saíu dende o once inicial en 13 dos 14 partidos do Deportivo na Liga de Campións 2003/04, incluídas as vitorias sobre PSV, Monaco e Juventus, así como a histórica goleada por 4-0 sobre o Milan de Ancelotti en RIazor, coa que o equipo de Irureta remontou o 4-1 da ida en San Siro. Disputou tamén ámbolos dous partidos das semifinais contra o Porto de Mourinho, pero no encontro de volta en Riazor foi expulsado polo italiano Pierluigi Collina por dobre cartón amarelo tras senllas entradas sobre Derlei e Paulo Ferreira. Foi o seu 284º e derradeiro partido co Deportivo da Coruña, así como a súa oitava expulsión, coa que se colocou como o segundo xogador con máis cartóns vermellos da historia do club, empatando con José Luis Vara e a só un dos nove de Juan Moreno. Ademais está amplamente considerado como o mellor defensa central na historia do club.

Tottenham Hotspur En agosto de 2004 foi traspasado ao Tottenham Hotspur inglés, que pagou pola súa fichaxe arredor dun millón de euros, e converteuse no primeiro futbolista marroquí na historia do club. Debutou na Premier League o 14 de agosto nun partido ante o Liverpool de Rafa Benítez en White Hart Lane e foi titular nas 17 primeiras xornadas de liga, formando dupla de centrais xunto a Ledley King e aumentando notablemente o nivel defensivo do equipo. O 13 de novembro marcou fronte ao máximo rival histórico do club, o Arsenal, no chamado derbi do Norte de Londres, nun intenso partido que rematou en derrota dos Spurs por 4-5. Foi o seu primeiro e último gol coa camiseta do Tottenham, así como o único gol ata a data dun xogador marroquí na historia do club.

Con todo, a súa participación reduciuse drasticamente trala chegada ao banco do neerlandés Martin Jol, que apenas lle deu oportunidades na segunda metade da tempada, así como na seguinte campaña, na que xogou só catro encontros. Ao remate da tempada 2005/06 colgou as botas, despois de 35 partidos co club londiniense.

Selección nacional