Alejandro "Álex" Bergantiños García, nado na Coruña o 7 de xuño de 1985, é un exfutbolista galego. Xogaba de mediocentro defensivo e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Deportivo da Coruña, club do que foi capitán e xogador histórico. É o oitavo futbolista con máis partidos na historia do club (336) e un dos únicos dous xogadores, xunto a Diego Villares, en defender a camiseta do Deportivo en catro categorías diferentes (Primeira, Segunda, Segunda B e Primeira Federación).
Formado futbolisticamente no Imperátor, entrou na canteira do Deportivo con 17 anos. Tras pasar polo equipo xuvenil militou durante catro anos no Fabril, disputando 152 encontros e exercendo como capitán. A continuación saíu cedido ao Xerez, logrando o ascenso a Primeira División e debutando na máxima categoría. Despois de dúas novas cesións ao Granada e ao Nàstic, debutou con 26 anos no primeiro equipo do Deportivo, adestrado por José Luis Oltra, e foi un habitual nas aliñacións do equipo na seguinte década, coa excepción da tempada 2017/18, na que foi cedido ao Sporting de Gijón. Viviu dous ascensos e tres descensos co club coruñés, ao que capitaneou nos momentos máis difíciles da súa historia. Retirouse en 2023, despois de 21 anos ao servizo do Deportivo, no que continuou un ano máis como conselleiro.
Traxectoria
Inicios (1985-2008) Naceu o o 7 de xuño de 1985 no barrio coruñés da Sagrada Familia. Seus pais, Emilio Bergantiños e Fina García, naturais de Vilasantar, emigraran á Coruña para traballar, el como albanel e ela como empregada do fogar. Comezou xogando ao fútbol no Imperátor e ao mesmo tempo ao fútbol sala no Breogán, co que gañou dous campionatos nacionais en categoría cadete. Posteriormente deixou o fútbol sala para centrarse no fútbol e tras outra tempada no Imperátor foi chamado polo do Deportivo da Coruña, a pesar de que sufriu unha rotura de tibia e tivo dúbidas sobre a súa recuperación.
Fabril Xogou unha tempada no equipo xuvenil e na 2004/05 pasou ao Fabril, da Terceira División. no que xogou entre 2004 e 2008, e do que foi o capitán. Titular indiscutible para Tito Ramallo, disputou de inicio case todos os partidos do filial durante os seguintes catro anos e en abril do 2005 Javier Irureta convocouno para un partido do primeiro equipo do Deportivo fronte ao Levante, aínda que non chegou a debutar.
Foi o xogador con máis minutos do equipo na tempada 2006/07, na que o Fabril se proclamou campión de Terceira e ascendeu á Segunda B. Repetiu como xogador con máis minutos na histórica campaña 2007/08, na que o Fabril conseguiu o mellor resultado da súa existencia, ao acabar cuarto na categoría de bronce. Bergantiños foi titular nas 38 xornadas de liga e na posterior promoción de ascenso a Segunda que o filial coruñés perdeu ante o Écija. Cun total de 152 partidos, é o 11º xogador con máis encontros na centenaria historia do Fabril.
Cesión ao Xerez (2008-2010) As súas boas intervencións co filial abríronlle as portas para asinar un contrato profesional co Deportivo. Na tempada 2008–09 foi cedido ao Xerez CD de Segunda División, facendo unha boa campaña e logrando o ascenso a Primeira División. Ese ano xogou 32 partidos, a maioría deles como titular, no equipo que adestraba Esteban Vigo.
Na tempada 2009–10 foi cedido novamente ao Xerez, adestrado esta vez polo "Cuco" Ziganda. Debutou en Primeira División o 30 de agosto de 2009, xogando os derradeiros 30 minutos dun partido que enfrontaba ao Xerez co RCD Mallorca en Son Moix e que rematou con derrota (2–0). Despois dunha mala campaña, e de que pasase polo banco tamén o arxentino Néstor Gorosito, o Xerez descendeu a Segunda División, ao quedar na última posición da táboa.
Granada e Nástic (2010-2011) Tras rematar a súa cesión no Xerez, o 14 de xullo de 2010 anunciouse unha nova cesión do xogador, esta vez ao Granada CF."Álex Bergantiños se va cedido al Granada" Aínda que comezou a tempada como titular, o técnico do equipo, o galego Fabri González, deixou de aliñalo despois da oitava xornada, polo que só disputou sete encontros co club granadino.
O 10 de xaneiro de 2011 anunciouse que deixaba o Granada, que acabaría por ascender esa tempada, para saír nunha nova cesión ata o final da campaña ao Gimnàstic de Tarragona. No equipo de Juan Carlos Oliva si tivo protagonismo, disputando como titular case todos os encontros restantes e marcando contra o Albacete o seu primeiro gol na categoría de prata.
Regreso ao Deportivo (2011-2017) Na tempada 2011-2012 e tras o descenso do Deportivo á Liga Adelante, regresou ao club da súa cidade. Ese ano rendeu a un gran nivel, conseguiu xogar os 42 partidos de liga e ademais o equipo acabou campión con récord de puntos. Disputou co Deportivo a tempada 2012-2013 en Primeira División, sendo titular en máis da metade dos partidos e xogando incluso de porteiro nun partido contra o Levante, tras a expulsión de Dani Aranzubía. Ademais ese ano marcou o seu primeiro gol en Primeira División, na derrota do seu equipo contra o FC Barcelona por 4-5. Con todo, o equipo volveu descender. Na seguinte tempada xogou case todos os partidos, colocándoo Fernando Vázquez na posición de central na primeira volta, e o club volveu ascender á Primeira División.
Xogou dende o inicio na maioría de partidos nas dúas seguintes tempadas do Deportivo en Primeira, pero perdeu a titularidade na tempada 2016-17, na que o adestrador Gaizka Garitano apenas contou con el. Tras a destitución deste e a chegada de Pepe Mel en marzo, Bergantiños volveu á titularidade, estreándoa no partido contra o FC Barcelona, no que ademais marcou o gol da vitoria, o terceiro gol que lle facía ao Barça dos catro que levaba en total en Primeira.
Cesión ao Sporting (2017-2018) O 11 de xullo de 2017 o Deportivo anunciou a renovación de Bergantiños até 2019, así como a súa saída cedido por unha temporada ao Sporting de Gijón, en Segunda División. No club asturiano foi un dos xogadores con máis minutos, disputando como titular 35 dos 42 partidos de liga. miniatura|Bergantiños en 2017, cando militaba no Sporting.
Capitán do Deportivo (2018-2023) O 16 de xuño de 2018 o Deportivo da Coruña anunciou a reincorporación do xogador, que se converteu ademais no capitán do equipo, sucedendo a Pedro Mosquera. Foi o centrocampista con máis minutos disputados do equipo, que acabou clasificándose para as eliminatorias de ascenso. Tras marcar un gol nas semifinais fronte ao Málaga, sufriu unha dura patada na cara por parte de Marc Pedraza no primeiro partido da final contra o Mallorca, sendo sometido logo a unha intervención cirúrxica e recibindo 70 puntos de sutura. Por este motivo non puido xogar o partido de volta, no que o Deportivo caeu derrotado por 3 a 0 e non puido consumar o ascenso.
Na tempada 2019/20, marcada polo inicio da pandemia de COVID-19, foi titular na maioría de encontros, tanto con Anquela no banco como cos seus dous sucesores, Luis César Sampedro e Fernando Vázquez, nunha campaña na que o Deportivo acabou descendendo á Segunda División B por segunda vez na súa historia. A tempada 2020/21 foi a segunda de Bergantiños na categoría de bronce, despois da que xogara co Fabril 13 anos antes. Xogou 21 dos 24 partidos e foi o terceiro xogador con máis minutos, só por detrás de Borja Granero e Mujaid. O equipo, dirixido ese ano por Vázquez primeiro, e por Rubén de la Barrera despois, quedou lonxe do ascenso.
En agosto de 2021 foi titular na primeira xornada da nova Primeira División RFEF, a vitoria por 5-0 sobre o Celta B, converténdose no único xogador da historia do Deportivo en defender a súa camiseta en catro categorías diferentes (Primeira, Segunda, Segunda B e Primeira RFEF). Disputou un total de 36 partidos, case todos como titular, nunha tempada na que o equipo adestrado por Borja Jiménez, rematou segundo por detrás do Racing de Santander, accedendo así á promoción de ascenso. Na semifinal contra o Linares, Bergantiños marcou o terceiro dos catro goles do seu equipo (4-0), grazas a un forte disparo dende fóra da área. Así, converteuse no segundo futbolista na historia do Deportivo en marcar en tres categorías diferentes, varias décadas despois de que o fixese Cobas.
A continuación capitaneou o equipo na final ante o Albacete en RIazor, disputando completos os 90 minutos regulamentarios e os 30 de prórroga, na que o Deportivo caeu eliminado tras unha histórica remontada do equipo albaceteño, dirixido por Rubén de la Barrera.
Comezou a tempada 2022/23 como titular, pero acabou caendo das aliñacións iniciais de Óscar Cano co paso das xornadas. Volveu á titularidade trala destitución de Cano e o regreso de Rubén de la Barrera, co que o Deportivo disputou de novo sen éxito a promoción de ascenso a Segunda. O partido de volta das semifinais, no que o club galego caeu eliminado fronte ao Castellón en Nou Castàlia, foi o derradeiro encontro oficial de Bergantiños, pois dúas semanas despois anunciouse a súa retirada. Colgou as botas con 38 anos e como o oitavo xogador con máis partidos na historia do club, despois de ter superado na súa última campaña a Jorge, Loureda, Vicente, Domínguez e Pancho García.
Vestiu por última vez a camiseta do Deportivo na 78ª edición do Trofeo Teresa Herrera, fronte ao equipo sub-23 do Bragantino do Brasil. Entrou como titular e foi substituído no minuto 21, momento no que o partido se detivo para lle render homenaxe.
Selección galega Foi convocado pola selección galega para o partido contra Irán disputado no estadio de Riazor o 27 de decembro de 2008, que finalizou con vitoria para os irmandiños (3–2). Repetiu convocatoria para o partido contra Venezuela disputado tamén no estadio de Riazor o 20 de maio de 2016, que finalizou con empate (1–1), e onde exerceu como capitán.
Trala retirada No comunicado do Deportivo da Coruña no que se anunciou a súa retirada, en xuño de 2023, confirmouse que continuaría vencellado ao club, como estaba previsto dende a súa última renovación. Uns días despois converteuse nun dos catro membros do novo Consello de Administración do Deportivo, xunto a Carlos Ballesta, Michelle Clemente e Vicente Fernández, e con Álvaro García Diéguez como novo presidente. Ocupou o cargo durante un ano, ata que en xuño de 2024 anunciouse a súa saída do Consello.
Outras actividades Dende 2013 organiza todos os anos no concello de Vilasantar, de onde é nativa a súa familia, un campus de fútbol base para nenos.
Vida persoal Coñeceu á súa parella sentimental, Lorena, cando ambos estudaban no IES Salvador de Madariaga. Con ela tivo dous fillos: Teo e Daniela.
Estatísticas
ClubTempadaCategoríaLigaCopaOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira, a Segunda e a Segunda B.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFabril2004/05Terceira332 - - - -3322005/06Terceira351 - -303812006/07Terceira376 - -404162007/08Segunda B383 - -20403Total club14312009015212Xerez2008/09Segunda31010 - -3202009/10Primeira26021 - -281Total club5703100601Granada2010/11Segunda6010 - -70Nàstic2010/11Segunda221 - - - -221Deportivo2011/12Segunda42310 - - 4332012/13Primeira 29 1 00 - - 2912013/14Segunda37010 - -3802014/15Primeira33010 - -3402015/16Primeira22220 - -2422016/17Primeira8110 - -91Sporting de Gijón2017/18Segunda3612020401Deportivo2018/19Segunda35100313822019/20Segunda38110 - -3912020/21Segunda B21020 - -2302021/22Primeira RFEF33010213612022/23Primeira RFEF2001020230Total club 318 11 1104 1 33611Total carreira 582 23 17018 2 61725
Palmarés Fabril Terceira División (1): 2006/07.
Xerez Segunda División (1): 2008/09.
Deportivo Segunda División (1): 2011/12.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador na páxina do Deportivo Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en Soccerway . Entrevista a Álex Bergantiños .
Categoría:Nados en 1985 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Xerez CD