Almacelles é un municipio catalán da comarca do Segrià, na provincia de Lleida e no límite con Aragón.
Etimoloxía O nome de Almacelles procede do árabe الماسية āl-māsayah, que significa «o diamante».
Historia 200px|miniatura|left|O Tossal de la Caperutxa, cos restos do Castelo de La Saida. As orixes de Almacelles e do núcleo agregado de La Saida remóntanse a tempos prehistóricos. É a época ibérica a mellor documentada e son tres os lugares onde se documentan asentamentos ilerxetes (Tossal de lo Vilot, de la Caperutxa e del Llopet). A aparición de dous miliarios no camiño de Esplús confirman a existencia dunha vía romana, datada no século I, que unía a costa co interior. Un deles, atopado a un quilómetro da Clamor e conservado no Museo de Arqueoloxía de Lleida, é de forma cilíndrica e ten unha inscrición da época do emperador Claudio (século I).
A época medieval está ben documentada coa fortaleza militar andalusí de La Saida e cos restos da antiga vila do Vilot. Co nome actual a localidade existía na época árabe, xa que aparece nos Termini antiqui Ilerde (1172). Esas chairas foron conquistadas por Ermengol VI de Urgell en nome de Ramon Berenguer IV. O lugar non foi repoboado ata o reinado de Afonso II de Aragón.
O lugar mantívose unido á coroa ata o reinado de Xaime II (1291-1327), que entregou a vila e o lugar de La Saida a Ramon de Moles, cidadán de Lleida. Xa antes, Xaime I recoñecera en 1254 ao cidadán de Lleida Ramon Pere (descendente dun señor de Almacelles) a xurisdición deste lugar a cambio do castelo e vila de Bell-lloc, pero Almacelles volvera pronto á coroa.
Baixo o reinado de Pedro IV Almacelles é incorporado ao concello de Lleida en 1347. Cando, despois da Guerra dos Segadores, Almacelles se converteu nunha zona despoboada, o concello continuou explotando a zona. A poboación abandonada e as chairas de Almacelles foron, os anos que durou a guerra, centro de operacións dos dous bandos (os últimos veciños fortificáronse en Lleida cos franceses en 1644) e despois das loitas a vila quedou reducida a ruínas.
Dentro de espírito ilustrado dos ministros e corrixidores de Carlos III, xa na segunda metade do século XVIII, o comerciante e cidadán honrado de Barcelona Melcior de Guàrdia (1733-1789), e dentro da política repoboadora do momento, obtivo un privilexio real en 1773 para a colonización agrícola de Almacelles, sendo un dos poucos casos de repoboamento por iniciativa privada na época. Comprometeuse a edificar en 6 anos a igrexa e 40 casas para os novos poboadores e tamén un pozo e muíño (os planos foron feitos en 1755). Despois de múltiples dificultades económicas e xudiciais, a resurrección do lugar costoulle tres millóns e medio de reais. Melcior de Guàrdia, que tamén repoboou La Saida, foi nomeado xentilhome de cámara en 1774 por Carlos III.
Demografía Inclúe as entidades de Mas del Lleó e la Saira.
Comunicacións O principal eixo de comunicación é a estrada N-240 procedente de Lleida e en dirección a Monzón (Huesca), que atravesa o territorio en dirección sueste-noroeste e que actualmente evita o paso polo núcleo convertida na autovía A-22 que une Lleida e Huesca. Unha estrada local cara ao nordés chega ata Alfarràs, onde enlaza coa C-26 e a N-230, e outra cara ao sur une Almacelles con Sucs, Gimenells, Vallmanya e Alcarràs, onde enlaza coa A-2.
Tamén atravesa o municipio a liña de ferrocarril de Lleida a Zaragoza, e dispón dunha estación, aínda que ningún tren para desde principios dos 90.
Economía Os motores económicos do concello son a agricultura de regadío, a gandería e a industria agropecuaria e alimentaria. Actualmente está en construción un gran parque industrial.
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio web do concello Información da Generalitat de Catalunya Información do Institut d'Estadística de Catalunya