Olga Guillot, nada en Santiago de Cuba o 9 de outubro de 1922 e finada en Miami (Florida) o 12 de xullo de 2010Falece aos 87 anos a cantante Olga Guillot , nova en Xornal de Galicia, o 14 de xullo de 2010., foi unha cantante cubana de boleros. Era coñecida co alcume de La reina del bolero.
Traxectoria De nova mudouse coa súa familia á Habana, onde formou coa súa irmá Ana Luisa o dúo Hermanitas Guillot, presentado con éxito no programa de radio La Corte Suprema del Arte. En 1938 iniciou a súa formación musical coa soprano Hortensia Cohalla e o cantante Mariano Meléndez.
A comezos da década de 1940 formou parte como segunda voz do cuarteto Siboney, dirixido pola compositora Isolina Carrillo. O pianista Facundo Rivero, que tamén formou parte do cuarteto, descubriu as posibilidades de Olga como solista e a fixo debutar no Zombie Club da Habana en 1945. En 1946 gravou a versión en castelán de "Stormy weather", popularizada por personalidades como Billie Holiday, coa que acadou grande éxito. Ese mesmo ano foi seleccionada pola Asociación de Críticos como a cantante máis destacada de Cuba, o que lle serviu para que Miguelito Valdés a levase a Nova York a gravar para o selo Decca Records.
En 1948 o tenor René Cabell levouna a México, onde filmou a súa primeira película: La venus de fuego, xunto a Meche Barba. Tamén gravou algunhas pezas musicais acompañada da orquestra de Gonzalo Curiel.
En 1952 e 1953 percorreu case toda Latinoamérica e gravou co apoio do pianista e compositor Juan Bruno Terraza. En 1954 firmou contrato de exclusividade co selo Puchito e gravou "Miénteme", do mexicano Chamaco Domínguez. En 1957 regresou a México, acadando sona co bolero "Tú me acostumbraste", de Frank Domínguez. Tamén gravou para Musart, acompañada por José Sabre Marroquín. En 1958 viaxou a Europa e actuou no Palm Beach Casino de Cannes.
En 1961, por mor da súa oposición á revolución cubana, abandonou a illa e trasladouse a Venezuela, para posteriormente asentarse en México de forma definitiva. Ese mesmo ano recibiu o disco de brillante polas súas altas vendas, as maiores en Cuba de 1954 a 1960. En 1963 a Academia de Artes John F. Kennedy de Hollywood concedeulle o premio Palmas de Ouro como a mellor bolerista latinoamericana.
Recoñecida xa como unha gran figura, o 31 de outubro de 1964 realizou o seu primeiro e histórico concerto no Carnegie Hall de Nova York, sendo a primeira artista de fala hispana en actuar nese prestixioso teatro. Ese mesmo ano o compositor mexicano Luis Demetrio compuxo para a súa voz o bolero "Voy".
Cantou tamén xunto a Los Panchos e triunfou en España. Levou "Adoro", de Armando Manzanero, á fama mundial. Gravou o tema "Me muero, me muero", da mexicana Lolita de la Colina, coa que foi considerada "pioneira da canción erótica".
Discografía Sus primeros éxitos (1946) Olga Guillot (1954) Romance y melodía (1956) Olga Guillot (1957) Intimidades (1958) Creaciones de la Guillot (1958) Olga en México (1959) Olga de Cuba (1960) Comunicando (1961) Olga (1961) Canciones de María Grever (1962) Temperamental (1963) Lo mejor de Olga Guillot (1963) La Insuperable Olga (1964) Añorando el Caribe (1964) 12 éxitos románticos (1964) Más éxitos románticos (1965) Y siguieron los éxitos (1966) Bravo (1967) Adoro & Celoso (1967) Olga le canta a América (1968) Olga Guillot interpreta a Manzanero (1968) Olga Guillot Volumen 14 (1969) La mujer que te ama (1970) ¿Quién da más? (1971) Y ahora... Olga (1972) Se me olvidó otra vez (1976) Lo nuevo de Olga (1978) Para mi público (1982) Faltaba yo (2001)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Myspace de Olga Guillot
Categoría:Músicos de Cuba Categoría:Nados en Santiago de Cuba Categoría:Nados en 1922 Categoría:Finados en 2010