Haumea (símbolo: 16px|🝻), designado provisionalmente coma (136108) Haumea, é un planeta anano do sistema solar, situado alén da órbita do planeta Neptuno e integrante do cinto de Kuiper. A súa masa estimada é dun terzo da masa de Plutón.Haumea é 1400 veces menos masivo cá Terra (0.07% da masa da Terra). Foi descuberto no 2004 polo equipo encabezado por Mike Brown do Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) no Observatorio de Palomar nos Estados Unidos e, no 2005, por un equipo encabezado por J. L. Ortiz no Observatorio de Serra Nevada en España, aínda que este reclamo foi posto en dúbida por Brown. O 17 de setembro do 2008, foi aceptado coma planeta anano pola Unión Astronómica Internacional (UAI) e designou o obxecto co nome de Haumea, a deusa hawaiana da fertilidade.
Parece ser moi alargado, o que o fai único entre os obxectos trans-neptunianos (TNOs). Aínda que a súa forma non puido ser directamente observada, cálculos da súa curva de luz indican que é elipsoidal, co eixo maior dúas veces máis grande có seu eixo menor. Porén, a súa gravidade é o suficientemente grande para deixalo en equilibrio hidrostático, o que o fai entrar na definición de planeta anano. A súa forma elipsoidal, coa súa infrecuentemente rápida rotación, alta densidade, e gran albedo (proveniente dunha superficie cristalina de xeo), dan a teoría resultante de que Haumea é o resultado dunha gran colisión, deixando á propia Haumea coma o membro máis grande dunha familia de colisión que inclúe moitos outros TNOs e as súas dúas lúas.
Clasificación Haumea é un plutoide, termo usado para describir ós planetas ananos máis aló da órbita de Neptuno. O seu status de planeta anano significa que presumiblemente é masivo de abondo para ser cuasi-esférico grazas á súa propia gravidade pero non ten despexado as proximidades da súa orbita doutros obxectos semellantes. Pénsase que Haumea ten unha forma elipsoidal, resultado da súa rápida rotación, de xeito parello ó que sería un balón de auga que fose bruscamente xirado, estirándose cara a fóra, pero isto non sería debido a unha carencia de gravidade para comprimi-los materiais da propia Haumea. Haumea foi listado inicialmente coma un obxecto clásico do cinto de Kuiper (un KBO clásico) no 2006 polo Centro de Planetas Menores, pero xa non é listado coma tal. A traxectoria suxerida é dunha resonancia de 12:7 con Neptuno dende que a distancia do seu perihelio de 35 UA está preto do límite de estabilidade con Neptuno. Precisaranse observacións máis exhaustivas da órbita para confirma-lo seu status dinámico.
Nome Antes de que se lle dese un nome permanente, o equipo descubridor do Caltech (Instituto Tecnolóxico de California) usaron entre eles o alcumede "Santa", porque Haumea fora descuberto o 28 de decembro do 2004, xunto un día antes do Nadal. O equipo español propuxo un descubrimento por separado ó Centro de Planetas Menores (MPC) en xullo do 2005. A 29 de xullo do 2005, Haumea recibiu a súa primeira nomenclatura oficial, a designación temporal foi 2003 EL61, co "2003" baseado na data da imaxe do descubrimento español. O 7 de setembro do 2006, foi numerado e admitido polo catálogo oficial de planetas menores coma (136108) 2003 EL61.
Seguindo as regras establecidas pola UAI, que din que os KBOs clásicos reciben nomes mitolóxicos asociados coa creación, en setembro do 2006 o equipo do "Caltech" enviou os nomes formais da mitoloxía Hawaiana á UAI para (136108) 2003 EL61 e as súas lúas, para render tributo "ó lugar onde aconteceron os descubrimentos dos satélites". Os nomes foron propostos por David Rabinowitz do equipo do Caltech. Haumea é a deusa patroa da illa de Hawaii, onde está situado o Observatorio Mauna Kea. Tamén é identificada con Pāpā, a deusa da terra e muller de Wākea (espazo), o cal é moi apropiado para 2003 EL61 xa que se cre que está composto case por completo de rocha sólida, sen un fino manto de xeo cubrindo un pequeno núcleo de rocha típico doutros obxectos do cinto de Kuiper. Por último, Haumea é a deusa da fertilidade, con moitos nenos os cales "agroman" de diferentes partes do seu corpo; isto correspondese co enxame de obxectos de xeo que naceron a partir dunha colisión ocorrida no planeta anano nos primeiros tempos do Sistema Solar. Suponse que as dúas lúas tamén naceron deste mesmo xeito, por conseguinte as lúas foron chamadas cos nomes das fillas de Haumea, Hiʻiaka e Namaka.
A controversia do descubrimento Dous equipos distintos reclaman para si o descubrimento de Haumea. Mike Brown e o seu equipo do Caltech descubriron Haumea en decembro de 2004 en imaxes que tomaron o 6 de maio do 2004. O 20 de xullo do 2005, publicaron un resumo dun informe da descuberta o cal estaba previsto anunciar nunha conferencia en setembro do 2005. Nese tempo, José Luis Ortiz Moreno e o seu equipo do Instituto de Astrofísica de Andalucía no Observatorio de Serra Nevada, en España, atoparon Haumea en imaxes tomadas entre o 7 e o 10 de marzo do 2003. Ortiz mandou un correo electrónico ó Centro de Planetas Menores co seu descubrimento a noite do 27 de xullo do 2005.
Brown veu a sospeitar dunha fraude por parte do equipo español cando soubo que os seus rexistros de observación foran accedidos dende o observatorio español un día antes do anuncio do descubrimento. Este rexistros contiñan suficiente información para permitir o equipo de Ortiz recuperar Haumea nas súas imaxes do 2003, e volveron a ter acceso xusto antes de que o taboleiro de uso do telescopio de Ortiz marcase a obtención das imaxes de confirmación para o segundo anuncio enviado ó en MPC o 29 xullo. Ortiz admitiu que accedera ós rexistros de observación do Caltech pero denegou mal uso, argumentando que só estaba verificando que estaba descubrindo un novo obxecto.
O protocolo da UAI di que o reclamo do descubrimento dun planeta menor vai parar a quen envía primeiro un informe ó MPC con suficientes datos para determinar con boa exactitude a órbita do mesmo, e o descubridor ten prioridade ó escolle-lo nome do obxecto. Pero no anuncio da UAI do 17 de setembro do 2008, dicía que Haumea fora aceptado coma planeta anano, porén non facía mención ó seu descubridor. A localización do descubrimento foi asignado ó Observatorio de Serra Nevada do equipo español, pero o nome escollido, Haumea, foi a proposta do Caltech.
Órbita miniatura|Órbitas de Haumea (amarelo) e Plutón (vermello), relativas a Neptuno (gris), situación estimada para maio do 2009. Haumea ten unha órbita típica dun obxecto clásico do cinto de Kuiper, cun período orbital de 283 anos terrestres, cun perihelio de 35 UAs, e unha inclinación orbital de 28°. E o seu afelio foi no 1992, o cal está máis aló de 50 AU dende o Sol.
A órbita de Haumea é lenemente máis excéntrica cós dos outros membros da súa familia de colisión. Pénsase que isto é debido á feble resonancia de quinta orde.En principio, a forza dunha resonancia é inversamente proporcional á diferenza entre o numerador e o denominador, o cal é chamado 'orde'. Unha diferenza (orde) máis pequena, máis forte será a resonancia. Unha resonancia de 12:7 é de quinta orde (12 - 7 = 5), a cal é bastante feble. A resonancia orbital de 12:7 con Neptuno foi gradualmente modificando a súa órbita, co curso de millóns de anos, a través do efecto de Kozai, o cal permite intercambiar inclinación na órbita por un incremento da excentricidade.
Cunha magnitude visual de 17,3, Haumea é o terceiro obxecto máis brillante do cinto de Kuiper despois de Plutón e Makemake, e é facilmente observable cun telescopio de afeccionado. Dende que a meirande parte dos planetas, planetas ananos, e outros corpos menores do Sistema Solar foron atopados nun plano orbital común dende a súa formación no disco primordial do Sistema Solar, moitas das procuras máis recentes de obxectos distantes foron dirixidas cara a área ó redor deste plano común, este plano é o plano da eclíptica. Coma as rexións da eclíptica están ben exploradas, as procuras agora céntranse en atopar obxectos con forte inclinación respecto do plano da eclíptica, coma a meirande parte dos obxectos distantes, de percorrido moi lento a través do firmamento. Esta procuras cubrían a localización de Haumea, coa súa grande inclinación orbital e posición bastante afastada da eclíptica.
Características físicas
Dende que se coñece que Haumea ten lúas, a masa do sistema puido ser calculada usando a terceira lei de Kepler. O resultado é 4,2 x 1021 kg, o que vén sendo o 28% da masa do sistema Plutoniano e un 6% da masa da lúa da Terra. Máis ou menos estas relacións son o que representa a masa de Haumea.
Haumea amosa longas flutuacións a través dun período de catro horas, o que só pode ser explicado porque ten un período rotacional de catro horas. Este é moito máis rápido có período rotacional de calquera outro corpo do Sistema Solar en equilibrio hidrostático, e incluso máis rápido có de calquera outro corpo con máis de 100 km. de diámetro. Esta rápida rotación fai supoñer que foi causada por un impacto, o cal sería tamén a causa do nacemento das súas lúas e da súa familia de colisión.
Tamaño, forma e composición A pesar do grande avance tecnolóxico nas lentes dos modernos telescopios ata agora, o tamaño e forma de pequenos obxectos espaciais foron deducidos por estimacións, tendo en conta a flutuación do brillo en función do tempo de revolución doutros a el agregados. O tamaño dun obxecto no Sistema Solar pode derivarse da súa magnitude óptica, a súa distancia e o seu albedo. Os obxectos que aparecen brillantes ós ollos dos observadores na Terra, son brillantes polo seu gran tamaño ou pola súa gran reflectividade. Se as súas reflectividades poden ser establecidas , entón pódese facer unha estimación do seu tamaño. O albedo da meirande parte dos obxectos distantes é descoñecida, pero Haumea é grande e luminoso de abondo para que a súa emisión térmica poida ser medida, o cal danos un valor aproximado do seu albedo e polo tanto do seu tamaño. Pero calcula-las súas dimensións resulta complicado debido á súa gran velocidade de rotación (lembremos que o seu período de rotación é de tan só 4 horas). A dinámica dos corpos ríxidos en obxectos deformables predí por riba dos 100 km. de diámetro, un corpo rotando rapidamente coma Haumea pode ver distorsionada a súa forma en equilibrio (quasi-esférica) a unha forma elipsoidal. Pensase que a flutuación do brillo de Haumea non esta causada por diferenzas locais do albedo, senón pola pola alternancia das caras vistas dende a Terra; sinxelo, cando visto dende a Terra amosa maior brillo é cando amosa a súa forma máis alongada, cando expón máis superficie; pola contra cando está menos brillante é cando amosa (vista dende a Terra) a súa forma menos alongada, expoñendo así menos superficie e pola tanto reducindo a súa reflectividade (albedo).
miniatura|esquerda|A forma elipsoidal calculada para Haumea, 1,960×1,518×996 km (asumindo un albedo de 0.73). A esquerda están o mínimo e o máximo das siluetas vistas equatorialmente (1,960×996 e 1,518×996 km); á dereita pódese ve-la vista polar (1,960×1,518 km).