Xerardo Díaz Fernández, nado no Porto do Son o 18 de decembro de 1907 e finado en Montevideo o 3 de febreiro de 1992, foi un mestre e escritor galego. A súa obra é un importante testemuño sobre os cárceres franquistas.
Traxectoria Naceu no Porto do Son, fillo de Venancio Díaz, secretario do xulgado deste concello e de Felicidad Fernández, mestra. Cursou os seus primeiros estudos na escola pública do Porto do Son e posteriormente no colexio de César Carreño en Noia e na Escola Normal de Santiago de Compostela, onde se fixo mestre. Porén nunca exerceu o maxisterio e traballou co seu pai até a súa morte en 1928. Foi o oficial do xulgado do Porto do Son até o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.
Por mor da súa militancia en Izquierda Republicana foi detido os primeiros días de agosto. A razón da súa detención foi o feito de que o seu nome aparecese nun libro editado polo Sindicato Libertario Izquierda Republicana. O 30 de decembro dese ano foi condenado en consello de guerra a cadea perpetua. Pasou dous anos na cadea de Santiago de Compostela e outros dous na da Coruña. En 1940 acadou a liberdade e en 1947 casou con Carmen Moreira García, natural tamén do Porto do Son e con quen tivo un fillo e unha filla. Tras distintos traballos, fíxose procurador, mais non puido exercer polos seus antecedentes.
Os recursos que presentou foron desestimados polo que o 29 de setembro de 1951 embarcou cara a Montevideo. Malia ter familia na Arxentina, escolleu Uruguai por ser unha verdadeira democracia. Na capital uruguaia comezou a traballar nunha empresa de importacións e máis tarde traballou nun comercio do departamento de Soriano. De volta en Montevideo traballou de sereno, porteiro, empregado nun supermercado e contábel.
Canto ás súas relacións coas asociacións da emigración, só colaborou coa Casa de Hijos del Puerto del Son, da que chegou a ser presidente e co Patronato da Cultura Galega de Montevideo, que en 1987 lle outorgou a Vieira de Prata. Colaborou como redactor de Guieiro. Órgao do Patronato de Cultura Galega. Morreu no Cerro de Montevideo, e o 14 de abril de 1992 foi declarado fillo predilecto do Concello do Porto do Son.
Obra Memorias Os que non morreron (1982). Neste libro, dedicado aos seus compañeiros de cadea en Santiago de Compostela, recolle todo o acontecidos desde os primeiros días da súa detención en agosto de 1936 até o seu traslado á cadea da Coruña. A crueldade inútil (1985). Continuación do anterior, aquí recolle o acontecido na súa prisión da Coruña. Desde la diáspora (1989). A diferenza dos anteriores libros de memorias, está escrito en castelán, xa que estaba dirixido aos galegos da emigración. Este libro non é só unha autobiografía, senón tamén unha denuncia dos aspectos máis negativos da emigración galega. Nel denuncia os tópicos sobre os galegos, as situacións adversas ás que ten que facer fronte o emigrante ou o labor das sociedades da diáspora, que non van máis aló do folclórico, a excepción do Patronato da Cultura Galega de Montevideo.
Narrativa Contos, 1985.
Ensaio Nebra. Historia dunha infamia, 1987.
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos do Uruguai Categoría:Nados no Porto do Son Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxesCategoría:Nados en 1907 Categoría:Finados en 1992