O talento do señor Ripley (en é unha novela de 1955 escrita por Patricia Highsmith. É a primeira da saga protagonizada por Tom Ripley (coñecida como "the Ripliad", continuada nas novelas Ripley Under Ground, Ripley's Game, The Boy Who Followed Ripley e Ripley Under Water. Foi traducida ao galego por María Alonso Seisdedos e publicada por Kalandraka en 2022.
Sinopse Tom Ripley é un mozo que vive en Nova York, sen ambicións pero cun talento especial para sobrevivir facendo o que faga falta. É requirido polo magnate da construción naval Herbert Greenleaf para ir a Italia a persuadir ó seu fillo errante, Dickie, de que regrese aos EUA e volva ao negocio familiar. Tom ve isto como unha oportunidade. Ao pouco de chegar a Italia vai xunto Dickie e coñece a súa amiga Marge Sherwood, e axiña se integra coa parella. Porén, Marge comeza a sospeitar de Ripley, e Dickie comeza a cansar del e da súa presenza constante e crecente dependencia. O propio Tom decátase de que os ánimos son complicados polo seu desexo de manter o seu novo estilo de vida.
Como un xesto cara a Tom, Dickie accede a viaxar con el nunha pequena escapada a San Remo. Alí alugan un pequeno bote, e Tom asasina a Dickie a bordo. Tira o corpo pola borda, asido á áncora, e afunde o bote.
Tom asume a identidade de Dickie, vivindo dos seus cartos e escribíndolle a Marge para dicirlle que necesita estar un tempo lonxe dela. Freddie Miles, un vello amigo de Dickie, vísitao no seu apartamento de Roma, pero axiña sospeita da presenza de Tom, e este acaba matando a Freddie. A existencia de Tom convértese nun xogo do gato e o can coa policía italiana, e Tom acaba por recuperar a súa identidade e mudarse a Venecia. Posteriormente Marge, o pai de Dickie e un detective contratado por este falan con Tom. Proponse matar a Marge, pero tras comprobar que cren a súa historia decide evitar complicacións. Tom viaxa a Grecia tras facer crer ao pai de Dickie que este lle deixara as súas posesións no testamento. Ao chegar a Atenas comproba que creran a súa historia e que aceptaran a desaparición de Dickie, así como o legado persoal a Tom, que redactara o propio Tom na máquina de escribir do defunto. O libro remata con Tom rico, pero atafegado pola paranoia; nos parágrafos finais asume que vai sospeitar que os policías o van estar agardando en calquera lugar que vaia.
Premios A novela reportou á autora o Premio Edgar Allan Poe dos Mystery Writers of America (escritores de misterio dos Estados Unidos).
Adaptacións Plein Soleil (tamén coñecida como Purple Noon), dirixida por René Clément en 1960, con Alain Delon como Tom e Maurice Ronet como Dickie. The Talented Mr. Ripley, dirixida por Anthony Minghella en 1999, con Matt Damon como Tom.
Categoría:Novela negra en inglés Categoría:Obras literarias de 1955 Categoría:Obras traducidas do inglés ao galego