Os fentos, fieito/as, felgos ou folgueiras son un grupo de plantas vasculares (con xilema e floema) que se reproducen a través de esporas e que carecen de sementes e flores. Diferéncianse dos musgos en seren vasculares, isto é, en ter tecidos especializados no transporte da auga e dos nutrientes e en ter ciclos de vida no que os esporófitos son a fase dominante. Teñen talos, follas e raíces como as outras plantas vasculares.
Os fentos están formados por un rizoma carnoso e teñen follas complexas denominadas megafilos, e que son máis complexas que os microfilos das Lycopodiopsidas. A meirande parte dos fentos, os verdadeiros fentos, son leptosporanxiados. Neste grupo aparecen follas grandes ás veces moi divididas, que son as frondes. Estas vanse desenroscando desde a súa cabeceira segundo o fento vai medrando.
Adóitanse agrupar dentro da división parafilética de Pteridophyta. Aquí considéranse os fentos con ese sentido amplo, no que se consideran a toda a clase Polypodiopsida, que abrangue aos leptosporanxiados (Polypodiidae), e aos fentos con esporanxios, e que son aqueles que non se denominan verdadeiros fentos (como son os Psilotopsida, xestelas ou Equisetopsida, maratiáceas ou ofioglosáceas). Cando se emprega o termo pteridófitas estanse a incluír outras plantas vasculares que non son estritamente "fentos". Do mesmo xeito, o termo “monilofites” refírese aos fentos sensu stricto.Véxase a sección de clasificación.
Os fentos arestora fórmano un grupo de 11 a 12 mil especies, que se agrupan en arredor de 340 familias. Os fentos son o segundo grupo de plantas vasculares máis diverso do planeta.
Os primeiros fentos aparecen no rexistro fósil a comezos do devoniano, inda que a meirande parte xorden hai 145 millóns de anos no inicio do cretáceo. A súa gran radiación deuse neste período, xurdindo a meirande parte das familias modernas dos fentos.
Os fentos non teñen importancia económica, aínda que algúns son comestíbeis, poden ser usados como ornamentais, para restauración de solos contaminados ou incluso para limpar o ar pola súa capacidade de retirar contaminantes químicos do ar. Algúns considéranse herbas daniñas. Xogan tamén un papel importante na mitoloxía, na medicina e na arte.
O máis estendido dos fentos en Galicia é o fento común (Pteridium aquilinum), abondoso, por exemplo nas carballeiras onde forman extensas superficies. Emprégase como estrume. Segundo a área xeográfica recibe diferentes nomes: feito, fieito, felgo, felga, fenta, fieita, folgueiro, folgueira, fulgueiro, fulgueira, folgueirón, cento, fiento, ciento, faínto, feínto, fuento, fenta, afeto, foleto, foleito, fuleto, fuleiro e felecho.
Etimoloxía miniatura|dereita|Fentas en Bastavales, Brión. "Fento" e a súa variante "fieito" (en portugués feto) orixínanse do termo latino filictu. As formas felgo ou folgueira, semellantes a outras linguas latinas, coexisten no galego, mais son minoritarias. En catalán chámanlle logo falguera, en occitano falguièra, en aragonés felequeras, e en francés fouguère. Todas, xunto á galega folgueira, derivan do latín serodio FILICARIA, orixinariamente un colectivo, indicador de lugar con abundancia destas plantas, en galego: fieital, fieiteira ou fenteira.
Descrición Ao igual que os esporófitos das plantas con sementes, ou espermatófitas, os fentos compóñense de talos, follas e raíces. A súa diferenza coas anteriores é que se reproducen empregando esporas. A diferenza cos briófitos, e ao igual que as espermatófitas, é que son poliesporanxiófitos: os seus esporófitos sepáranse producindo múltiples esporanxios. Outra diferenza cos briófitos é que os esporófitos dos fentos viven sós e dependen só un curto tempo do gametófito materno.
Os talos dos fentos adóitanse denominar como rizomas inda que medran só por debaixo da terra nun pequeno número de especies. As especies epífitas e a meirande parte das terrestres teñen un estolón gabeador por riba da terra (que é o caso das Polypodiaceae), e moitos outros grupos teñen talos semi-madeireiro que medran dereitos por riba dos solos (como o caso das Cyatheaceae). Algunhas destas especies poden chegar a 20 metros de altura (p.ex., Cyathea brownii da illa Norfolk e Cyathea medullaris da Nova Zelandia).
As follas dos fentos son tecnicamente megafilos, que se lles adoita chamar frondes. Son a parte fotosintetizadoras, e de cor verde e con veas únicas e sen pólas, da planta. As novas follas, ao seren frondes, expándense desenroscándose dunha espiral compacta da punta da folla. As frondes poden ser de dous tipos: ou tropófilas ou esporófilas. As frondes tropófilas son follas vexetativas análogas as follas verdes das plantas esporófitas que non producen esporas, e que por outra parte son as que producen os azucres por fotosíntese. As frondes esporófilas son as follas fértiles que producen a veta de esporas dentro de esporanxios, e polo común se agrupan en soros. En case todos os fentos as follas son morfoloxicamente similares ás follas estériles, e ao igual que as outras son fotosintetizadoras. Nalgúns grupos as follas fértiles son máis estreitas que as estériles, incluso chegando a non ter tecido verde por ningures (p.ex. Blechnaceae e Lomariopsidaceae). A anatomía das follas dos fentos pode ser ora simple ora cunha alta división. Nos fentos arbóreos o talo que conecta a folla co talo principal do fento polo xeral ten múltiples folíolos.
En canto ás raíces, nos fentos son estruturas que ocupan o solo e non son fotosintetizadoras e que se empregan para absorber a auga e os nutrientes dos solos. Son sempre fibrosas e estruturalmente similares ás raíces das plantas esporófitas.
Ao igual que nas plantas vasculares, o esporófito diploide é a fase dominante ou a xeración do ciclo de vida dos fentos. Os gametófitos dos fentos, porén, son ben diferentes dos das plantas esporófitas. Son de vida libre e independente e aseméllanse ás hepáticas. No caso das esporófitas estes desenvólvense dentro da parede de esporas e dependen do esporófito parental para se nutrir. Os gametófitos dos fentos polo xeral compóñense de: Un protalo: unha estrutura verde e fotosintetizadora composta por unha parede celular cunha única capa de células, e que polo xeral ten a forma dun corazón ou ril e un tamaño de 3–10 mm de longo e 2–8 mm de ancho. Este protalo produce gametos grazas aos: Anteridios: estruturas pequenas e esféricas que producen esperma flaxelado. Arquegonias: estruturas en forma de botella que producen un único ovo no seu pé, e aos cales chega o esperma esvarando desde a boca da botella. Un rizoide: unha estrutura similar a unha raíz, inda que non é unha raíz, e que está formada dunha única fila de grandes e alongadas células que teñen por función absorber a auga e os sales minerais para toda a estrutura. Os rizoides ancoran o protalo ao chan.
Ecoloxía Inda que existe a percepción de que o hábitat dos fentos son aqueles húmidos e escuros dos sotobosques, non só están presentes nestes. De feito os fentos viven nunha ampla variedade de hábitats que van desde os puntos altos de montaña ás caras expostas das pedras en desertos. Os fentos pódense entender como especialistas de hábitats marxinais, onde son quen de ocupar espazos onde varios factores ambientais limitan ás anxiospermas, ou plantas con flor. Os seus hábitats máis característicos son os bosques húmidos e con sombra, as fendas do exterior das rochas (en especial cando están máis protexidas do sol), as augas terrestres ácidas de pozas e lagoas, e de árbores tropicais, en especial sendo especies epífitas. En concreto, desde unha cuarta a unha terza das especies de fentos viven nestes últimos ecosistemas.
Os fentos epífitos crean un espazo que permite aloxar unha ampla diversidade de invertebrados. Algunhas especies de Asplenium son quen de darlle espazo á metade da biomasa dos invertebrados dunha hectárea do teito arbóreo das selvas.
Moitos dos fentos dependen das asociacións cos fungos micorrizados. Por outra parte, moitos dependen tamén dun rango de pHs: namentres que o fento gabeador norteamericano Lygodium palmatum só medra en solos húmidos e ácidos, a especie Cystopteris bulbifera só se dá en solos calcarios.
Xa que as esporas son ricas en lípidos e proteínas, algúns vertebrados especializáronse en aproveitalas esporas dos fentos. Así, o rato de campo (Apodemus sylvaticus) está especializado en comer as esporas da Culcita macrocarpa.
Ciclo de vida miniatura|dereita|Gametófito (a masa verde taloide) e o esporófito (o pé ascendente) de Onoclea sensibilis miniatura|dereita|Ciclo de vida dun pteridófito, onde se representa a relación entre os gametóficos e esporófitos, e a produción de esporas nos esporanxios. Os fentos son plantas vasculares que difiren dos Lycophyta en ter follas verdadeiras (megafilos), e que adoitan estar pennadas. Diferéncianse das plantas con semente (as ximnospermas e anxiospermas) na súa reprodución xa que é por esporas e por carecer de flores e sementes. Como todas as plantas terrestres, embriófitos, teñen un ciclo de vida denominado alternancia de xeracións que se caracteriza por mudar entre fases diploides esporofíticas e haploides gametofíticas. O esporófito diploide ten 2n cromosomas emparellados, onde n varía de especie a especie. O gametófito haploide ten n cromosomas non aparellados, é dicir, a metade do número de esporófitos. O gametófito dos fentos é un organismo de vida libre mentres que o gametófito das ximnospermas e das anxiospermas depende do esporófito.
O ciclo de vida dun fieito típico segue estre proceso: Unha fase esporófita diploide que produce esporas haploides por meiose (un proceso de división celular que reduce á metade o número de cromosomas). Unha espora convértese nun gametófito haploide de vida libre por mitose (un proceso de división celular que mantén o número de cromosomas). O gametófito consiste normalmente nun protalo fotosintético. O gametófito produce gametos (polo xeral, tanto esperma coma ovos no mesmo protalo) por mitose. Un esperma móbil flaxelado fertiliza un ovo, e este permanece pegado ao protalo. O ovo fecundado pasa a ser un cigoto diploide, que ao medrar por mitose resulta nun esporófito diploide (que é a planta máis visible do ciclo dos fentos).
Taxonomía Os fentos agrupáronse tradicionalmente dentro da clase de Filicios e posteriormente dentro do seu propio filo ou división do reino vexetal Pteridophyta, tamén coñecido coma Filicophyta (filicófitas). Ás veces ao grupo tamén se lle chamou Polypodiophyta, ou Polypodiopsida cando se tratou coma unha subdivisión de tracheophyta (traqueofita) (plantas vasculares) e se quería mencionar aos fentos leptosporanxiados. Ese termo de "pteridofitos" empregouse para designar a todas aquelas plantas vasculares que carecen de sementes, co cal son un sinónimo de fentos e plantas afíns. Ademais, o uso da división Pteridophyta ás veces tornábase confuso pois empregouse tanto para a división como para os pteridófitos sensu stricto. Con todo, Pteridophyta xa non é un taxon recoñecido como válido pois é un grupo parafilético.
Tradicionalmente denomináronse como fentos a tres grupos discretos de plantas: dous grupos de fentos eusporaxiados, as familias Ophioglossaceae e Marattiaceae, e os fentos leptosporanxiados. Os Ophioglossaceae abranguen ás linguas de serpe, Botrychium e os Sceptridium. Os Marattiaceae son un grupo primitivo de fentos tropicais cun rizoma grande e carnoso e que hoxe se pensa que son un taxon irmán do grupo de fentos leptosporanxiados.