dereita|miniatura|Escultura na Coruña. Luis Otero Sánchez-Encinas, nado en Pontevedra o 22 de outubro de 1893 e finado na Coruña o 20 de xaneiro de 1955, foi un futbolista galego, que xogaba de defensa. Tras xogar case unha década no Real Vigo Sporting co que gañou catro Campionatos de Galicia, foi o primeiro capitán na historia do Celta de Vigo, despois de que este nacese da fusión do Real Vigo co Fortuna de Vigo. Con todo, pouco despois deixou o Celta e fichou xunto a Chiarroni e Ramón González polo Deportivo da Coruña, o que foi un dos detonantes da histórica rivalidade entre o equipo vigués e o coruñés. Militou seis tempadas no equipo branquiazul, exercendo como capitán e gañando outros dous Campionatos de Galicia.
Amplamente considerado como un dos mellores defensas na historia do Deportivo, así como un dos futbolistas galegos máis destacados da historia, foi internacional coa selección española, coa que participou nos Xogos Olímpicos de 1920, logrando a medalla de prata. Foi xunto a Moncho Gil o primeiro medallista olímpico galego.
Na súa memoria, desde 1959 dispútase en Pontevedra o Trofeo Luis Otero.
Traxectoria Nacido en Pontevedra, comezou a xogar ao fútbol nas rúas e prazas da cidade, especialmente na Praza da Herba e a Praza da Ferrería, e aos 15 anos ingresou no Sporting Club da mesma cidade, onde comezou a xogar como defensa dereito, demarcación que ocuparía durante o resto da súa carreira deportiva. No Sporting comezou a destacar e tras ser enxalzado polo xornalista Handicap, este conseguiu que o fichase o Vigo Sporting.
Con este equipo gañou catro veces o Campionato de Galicia (en 1914, 1919, 1920 e 1923) e chegou dúas veces ás semifinais da Copa do Rei (en 1919 e 1920). Sendo xogador deste club foi convocado para xogar coa selección española, debutando nos Xogos Olímpicos de 1920, celebrados en Anveres. Ademais, en 1915 xogou varios encontros co Deportivo Auténtico da Coruña, co que conquistou a Copa da Asociación de Prensa da Coruña, formando na zaga xunto a Manolo Fernández.
A súa traxectoria no Vigo Sporting prolongouse até a fusión do club co Fortuna de Vigo, que deu lugar ao nacemento do Celta de Vigo. O 13 de setembro de 1923 foi nomeado primeiro capitán do club. Un día despois disputouse o primeiro partido do Celta, entre dous equipos de xogadores do propio equipo, un deles capitaneado por Balbino Clemente e outro por Luis Otero.
Aínda que parecía chamado a ser un dos puntais do Celta, antes de iniciarse o Campionato de Galicia de 1923 Luis Otero, xunto con outros dous xogadores -Chiarroni e Ramón González-, non conformes coa disciplina do novo club, abandonaron a entidade para fichar polo Deportivo da Coruña. O feito foi considerado unha afronta para o club vigués e sería un dos detonantes da histórica rivalidade co equipo coruñés. Ambas partes cruzaron acusacións na prensa da época, enfrontándose Otero co xornalista Handicap. As protestas do Celta, que acusaron o Deportivo de ter subornado aos xogadores vigueses, levaron a Federación Galega a inhabilitar os tres futbolistas tránsfugas, acusándoos de profesionalismo, mentres que o Deportivo foi descualificado do Campionato de Galicia.
Porén, o Deportivo recorreu ante a Real Federación Española de Fútbol, a cal se pronunciou en favor dos herculinos e anulou a sanción contra o club por entender que non existira suborno, instando á FGF a que readmitise o Deportivo no campionato, aínda que si mantivo a sanción sobre os tres xogadores por existir duplicidade de fichas. A FGF enviou un escrito de protesta á RFEF, mais esta reafirmouse na súa decisión, polo que a FGF convocou unha asemblea extraordinaria na que acordou por maioría aceptar o veredicto da RFEF.
Ao remate da inhabilitación foi contratado polo Deportivo, no que xogou ata 1930. No club coruñés formou parella defensiva con Abelardo primeiro e con Ramón Rey máis tarde, e gañou outros dous Campionatos de Galicia (en 1926/27 e 1927/28). Dende 1925 exerceu como capitán do equipo, converténdose así no primeiro e único futbolista en capitanear os dous principais clubs galegos (Celta e Deportivo).
En 1926 foi homenaxeado en Riazor con dous partidos entre o Deportivo e o West Ham inglés, sendo esta a primeira vez que o club galego se enfrontaba a un club inglés. En 1928 foi convidado polo Celta de Vigo para a histórica xira do club vigués por América do Sur, na que participou xunto aos tamén deportivistas Isidro e Fariña. Disputou ademais as dúas primeiras tempadas do campionato de liga de Segunda División.
Tras a súa retirada continuou aveciñado na Coruña, onde rexentou o bar "Derby" (máis tarde chamado Bar Otero), no número 16 da Rúa Olmos, ata o seu falecemento en 1955.
Selección nacional O 28 de agosto de 1920 Luis Otero pasou á historia como un dos once futbolistas que disputaron o primeiro partido da selección española, sendo ademais o primeiro galego en facelo. Foi nos Xogos Olímpicos de Anveres fronte á selección de Dinamarca, nun partido disputado no Estadio La Butte de Bruxelas, que acabou con vitoria española por 0-1. Xogou tamén no partido contra Italia e o equipo gañou finalmente a medalla de prata, converténdose Otero e Moncho Gil nos primeiros medallistas olímpicos galegos da historia.
A maiores xogou dous partidos amigábeis máis co combinado español, sendo o último o 21 de decembro de 1924 no Estadio de Les Corts en Barcelona, nun partido España-Austria (2-1), sumando un total de catro presenzas internacionais.
Otero xogou ademais varios partidos coa selección galega dende a súa formación en 1922, sendo o seu maior éxito o subcampionato da Copa Príncipe de Asturias de 1923.
Legado Mostra da súa gran popularidade é o feito de que foi un dos primeiros futbolistas utilizados como reclamo publicitario, ao anunciar o viño Sansón. En 1933 a súa carreira foi recoñecida pola Federación Española de Fútbol coa medalla ao mérito deportivo. Así mesmo, catro anos despois da súa morte, en 1959, creouse a modo de homenaxe na súa Pontevedra natal o Trofeo Luis Otero que, dende entón, se disputa anualmente nos meses de verán. Pola súa parte, o Real Club Deportivo da Coruña honrou a súa memoria cun monólito nas inmediacións do Estadio de Riazor.
Vida persoal Casou con Juana Troncoso Pahillo, coa que foi pai de cinco fillos: Luis, Manuel, Aurelio, Avelino e Elvira Otero Troncoso. miniatura|Luis Otero coa camiseta do Deportivo en 1929.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Historia do trofeo Luis Otero .
Categoría:Nados en 1893 Categoría:Finados en 1955 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Vigo Sporting Club Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Medallistas olímpicos de Galicia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de Galicia Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas olímpicos de prata por España Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1920 Categoría:Xogadores do Pontevedra Sporting Club Categoría:Futbolistas olímpicos de Galicia Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1920