Alfredo Fernández, coñecido como Alfredo Nan de Allariz, nado en Xinzo de Limia o 13 de maio de 1875 e finado en Madrid a o 26 de maio de 1927, foi un escritor en lingua galega e lingua castelá, de estilo costumista, poeta, dramaturgo, actor e compositor galego. Foi un dos máis notables representantes da creación dramática e teatral de corte rexionalista.
Traxectoria Emigrou á Arxentina onde se dedicou ao comercio. Foi colaborador de El Eco de Galicia, destacando como poeta e dramaturgo. Regresou a España. Concluíu os estudos de Bacharelato e iniciou a carreira de Dereito, que non rematou. Logo de facer un periplo por varias capitais americanas como actor e autor teatral, chegou a Cuba en 1904.
Na Habana foi nomeado secretario da sección de propaganda do Centro Gallego e secretario da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. Foi director da compañía de Esperanza Iris nos seus primeiros tempos e administrador do Teatro Nacional da Habana, dependente do Centro Gallego. Foi membro correspondente da Real Academia Galega. Formou parte da comisión que en marzo de 1908 trasladou da capital cubana a Galicia o cadáver de Manuel Curros Enríquez, a quen tivo como mestre, polo que sentía unha grande admiración e con quen mantivo unha longa amizade. Nan de Allariz solicitoulle ao concello ourensán que lles dedicasen o nome de senllas rúas ou prazas a Valentín Lamas Carvajal e Curros.
Destacou tamén como compositor musical de zarzuela, pezas costumistas e operetas, como Sangre vienesa. Foi autor de O zoqueiro de Vilaboa: boceto de zarzuela gallega n´un acto e tres cuadros (1907). O seu libro de poemas Fume de palla (1909) foi obxecto dun edicto condenatorio promulgado polo cardeal Arcebispo de Santiago de Compostela José María Martín de Herrera, que o propio Nan de Allariz agradeceu con sarcasmo e incluíu ao final da segunda edición, publicada no mesmo ano.
Na Habana dirixiu o semanario Follas Novas e en 1914 fundou O Tío Marcos, bilingüe e de curta vida, inspirado no ourensán O Tio Marcos d'a Portela (1876-1889), que fundara Lamas Carvajal.
Ademais do seu labor xornalístico, foi propietario das fábricas de tabaco La Flor de Lis e Galatea.
Abandonou Cuba en 1919 e retornou definitivamente a España, instalándose en Madrid e traballando nun teatro que tiña contratado Antonio Méndez Laserna, empresario aragonés asentado en Vigo.
Morreu en Madrid prematuramente o 26 de maio de 1927, aos 52 anos de idade.
Listaxe (non exhaustiva) da obra escrita
En lingua galega miniatura|Caricaturizado por Vicente Díaz González, en 1909, cun pé en Galicia e outro en Cuba. Libros: Recordos d'un vello gaiteiro. Monólogo en verso gallego, 1904 (teatro) O zoqueiro de Vilaboa. Boceto de zarzuela gallega n´un acto e tres cuadros con música do autor, 1907 Fume de palla, coleución de versos gallegos, 1909 O primeiro poema é "O sono do emigrado".
Relatos breves publicados en prensa: "O pai dun axusticiado", 1899 "Xavier", 1899 "A peneda negra", 1900 "Airiños... levaime a ela", 1905 "Viutima d'o progreso", 1916 "Conto vello...", 1916 Publicado en El Eco de Galicia (Buenos Aires) n.º 900, 30/10/2016. Republicado co título "Contiño vello" en Eco de Galicia (A Habana) n.º 15, 14/10/1917; Eco de Galicia n.º 314, 14/11/1926; El Despertar Gallego (Buenos Aires) n.ª 89, 17/12/1926 e Eco de Galicia n.º 320, xuño de 1927
Inéditos: "Por mor do drama Minia ou furto, xuízo e sentenza", 1904, mecanoscrito inédito
En lingua castelá Libros: A golpes de hacha: hachazos poéticos, 1913 Del salón al sotabanco: (escenas de amor y navajazos y opulencias y miserias entre damas y rufianes), 1920 (narrativa) Un gallego en Madrid, visita de Xan Peisano al Presidente del Consejo, 1923 (teatro)
Relatos breves publicados en prensa: "Hilario" 1899
Biblioteca virtual page=19|miniatura|"Cuentos policiales: Hilario", relato obra de A. F., publicado na revista arxentina Caras y Caretas.Despois incluído no volume Del salón al sotabanco.
Notas
Referencias
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Costumismo Diáspora galega Literatura galega do período intersecular Ligazóns externas
Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Nados en Xinzo de Limia Categoría:Nados en 1875 Categoría:Finados en 1927 Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Compositores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Dramaturgos de Galicia Categoría:Poetas en lingua galega Categoría:Poetas en lingua castelá Categoría:Actores de teatro de Galicia Categoría:Dramaturgos do século XX Categoría:Dramaturgos en lingua galega