O Club Patín Cerceda, ou simplemente Patín Cerceda, foi un equipo galego de hóckey a patíns da localidade de Cerceda (A Coruña). O equipo foi creado en 2009 logo do ascenso á OK Liga do segundo equipo do H.C. Liceo. Logo de sete anos de existencia, o equipo disolveuse por motivos económicos militando na OK Liga, a máxima categoría do hóckey a patíns español.

Nas sete tempadas que o equipo estivo en competición conseguiu dúas participacións na segunda competición de clubs a nivel europeo, a Copa CERS, na que debutou na tempada 2014-15, se ben en ningunha delas conseguiu superar a primeira eliminatoria. Tamén disputou dúas veces a Copa do Rei, ambas de xeito consecutivo en 2014 e 2015 sen superar os cuartos de final. Xogou catro tempadas na máxima categoría do hóckey a patíns español, a OK Liga, tres delas de xeito consecutivo. Logo de descender á segunda categoría no ano do seu debut como equipo independente, o Cerceda recuperou a categoría logo de proclamarse campión da Primeira División na tempada 2012-13, tempada na que ademais conseguiu o subcampionato da Copa do Príncipe.

Durante a curta historia do equipo a súa única presidenta for María Isabel Bermúdez, mentres que o único técnico que ocupou o banco cercedense foi o coruñés Juan Copa. O Patín Cerceda disputaba os seus partidos como local no Pavillón Deportivo de Cerceda, un pavillón con capacidade para 600 persoas.

Historia O Liceo B e o nacemento do CP Cerceda O 8 de outubro de 2008, o Hockey Club Liceo da Coruña asinou un acordo de colaboración co Concello de Cerceda polo cal o concello cercedense patrocinaría ao segundo equipo do club coruñés en Primeira Nacional e este comprometeríase a disputar os seus partidos oficiais e realizar as sesións de adestramento nas instalacións municipais cercedenses. O convenio foi asinado polo daquela alcalde de Cerceda José García Liñares e o presidente do Liceo no momento, Eduardo Lamas. Deste xeito o segundo equipo do club coruñés pasou a xogar todos os seus partidos como local en Cerceda e adoptou a denominación Liceo Cerceda.

Na tempada 2008-09 o Liceo Cerceda, dirixido polo coruñés Juan Copa, conseguía o ascenso á máxima categoría do hóckey a patíns español logo de gañar o título da Primeira Nacional a falta de dúas xornadas para a súa conclusión, se ben o daquela filial liceísta xa tiña asegurado o ascenso á OK Liga, logo de derrotar 1-2 ao FM Oviedo Roller e aproveitar a derrota do GEiEG Sindorme Hoteles fronte ao Cifa Patín Coruña (4-0). A pesar da boa tempada, na que o equipo se colocou na primeira posición dende a terceira xornada e xa non a abandonou, o adestrador do Liceo Cerceda laiábase de non poder facerse coa Copa do Príncipe, á que segundo o técnico coruñés, "non chegamos no noso mellor momento".

O club foi creado o 13 de xuño de 2009 logo de que o segundo equipo do H.C. Liceo acadase o ascenso á O.K. Liga ao finalizar a tempada 2008-09. Debido a que non poden competir dous equipos dun mesmo club na mesma categoría, fundouse o Clube Patín Cerceda, ao cal o Liceo lle cedeu a súa praza na máxima categoría do hóckey. Moitos dos xogadores do Liceo B asinaron co novo equipo, e outros xogadores novos reforzaron o equipo.

En setembro de 2009, o novo Patín Cerceda presentou a primeira edición do Torneo de Cerceda, un torneo triangular que contou coa presenza do HC Liceo (subcampión da OK Liga), a UD Oliveirense, e o propio Patín Cerceda. Poucos días antes do inicio da OK Liga, o Patín Cerceda presentábase ante a súa afección fronte ao Liceo na primeira edición do torneo.

Un ano na elite 250px|miniatura|O asturiano Toni Pérez, na foto cando xogaba co HC Liceo, foi o máximo goleador do Cerceda na súa primeira tempada na OK Liga. Artigo principal Tempada 2009-2010 do C.P. Cerceda

A tempada 2009-10 foi a primeira tempada do CP Cerceda na OK Liga, a máxima categoría do hóckey a patíns do Estado español. O equipo construído para debutar na OK Liga estivo formado sobre a base do grupo que conseguira o ascenso o ano anterior, reforzándose cos xogadores do CP Voltregà Xavi Malián e Santi Teixidó, Martín Barrós procedente do Patín Coruña, e Pablo Cancela do Vigo Stick. Os xogadores que integraron o equipo cercedense na súa primeira tempada na elite foron os porteiros Xavi Malián e Martín Barrós, e os xogadores de pista Jaime Piñeyro, Eduard Lamas, José Ramón, Tito Torres, Pepe Barreiro, Santi Teixidó, Pablo Cancela e Toni Pérez, contando cun número importante de xogadores nas categorías inferiores da selección no ano do seu debut, así como xogadores como Lamas ou Toni Pérez, que se proclamaran campións do mundo sub-20 en Bassano (Italia) en 2009.

O debut na OK Liga do Cerceda debía ter lugar no Pavillón Deportivo de Cerceda fronte ao C.E. Noia Freixenet, mais o partido suspendeuse, polo que o debut do Cerceda na OK Liga adiouse ata o 11 de outubro fronte ao GEiEG Sindorme Hoteles de Girona nun partido no que os galegos comezaron perdendo para finalmente conseguir a primeira vitoria da tempada (5-4), anotando o coruñés Pablo Cancela o primeiro gol do equipo como local.

O mal inicio da liga, que levou ao equipo galego a finalizar a primeira volta da liga na penúltima posición da táboa con 9 puntos (dúas vitorias, tres empates e 10 derrotas), impediulles aos cercedenses manteren a categoría, a pesar de seren un dos mellores equipos da segunda volta e ata chegaren á derradeira xornada con opcións de manteren a categoría. O equipo dirixido por Juan Copa xogou a derradeira xornada de liga fronte ao Sather Blanes con opcións á permanencia conseguindo o empate e que o PAS Alcoi perdera e o Lleida Llista Blava non gañara. Malia gañar en Blanes por tres goles a catro, o Cerceda viuse condenado ao descenso de categoría polas vitorias do Alcoi e o GEiEG.

A separación definitiva No verán de 2010 o club independizouse totalmente do Liceo, do cal dependía no plano xestor (Eduardo Lamas, presidente do Liceo exercía as funcións de asesor do equipo cercedense), a pesar de que a nivel federativo xa eran clubs independentes dende 2009.El Cerceda s'independitza del Liceo (okcat.cat) A separación definitiva do club cercedense do Liceo levouno a unha galeguización do equipo cunha política de equipo de canteira e de xogadores da comarca, esta aposta por ser o referente dos novos xogadores galegos levou á creación dun equipo xuvenil.Cerceda, "Made in Galiza"

O Patín Cerceda iniciou a tempada 2010-11 como o equipo menos goleador nas primeiras xornadas. O equipo mantivo as súas opcións de clasificarse para a Copa do Príncipe que se celebraría en febreiro en Pamplona ata a derradeira xornada da primeira volta, aínda que finalmente o equipo non conseguiu a última praza en xogo que se disputaba na 15ª e última xornada da primeira volta, que foi parar ao Club Patín Alcobendas. Con todo, finalmente o club cercedense non puido conseguir o ascenso ao finalizar na sexta posición con 51 puntos, seis menos que o terceiro clasificado que marcaba a última praza de ascenso, cun rexistro de 16 vitorias, 3 empates e 11 derrotas.

Na tempada 2011-12 o Cerceda partía como un dos favoritos ao ascenso. Aínda que os xogadores de Juan Copa comezaron gañando os seus dous primeiros partidos fronte a Vilafranca e Ordes, o equipo entrou a partir da terceira xornada nunha dinámica negativa, non sendo quen de conseguir unha nova vitoria ata a décima xornada (6-2 fronte ao Raspeig), e tan só puido colleitar sete vitorias e outros tantos empates fronte a 16 derrotas en toda a liga, o que o colocou na 14ª posición dun total de 16 equipos con 28 puntos. O equipo despediu a xornada cunha contundente derrota (11-6) en Alcobendas.

O 8 de xaneiro de 2013, a Real Federación Española de Patinaxe anunciou no seu sitio web que Cerceda acollería a VII edición da Copa do Príncipe os días 16 de 17 de febreiro dese mesmo ano, e na que participaron os tres mellores equipos da Primeira División logo da primeira volta da competición, xunto co Patín Cerceda. O Cerceda enfrontouse nas semifinais ao Club Patí Vilafranca (que chegaba como líder da categoría á cita copeira), vencendo por tres goles a dous. Con todo, na final o equipo dirixido por Juan Copa non puido co Mataró (5-7) nun Pavillón González Laxe cheo.

Na tempada 2012-13 o CP Cerceda conseguiu retornar á máxima categoría do hóckey a patíns do Estado español tres anos despois. Os cercedenses comezaron as primeiras xornadas da competición sen coñecer a derrota e mantiveron a regularidade ao longo de toda a tempada. Finalmente o equipo asegurouse o ascenso de xeito matemático na penúltima xornada tras derrotar por 5 goles a 3 na casa ao CP Alcobendas nun partido que comezou por detrás no marcador (0-2) e ao que lle deu a volta. Na derradeira xornada de competición o Cerceda derrotou ao Sant Cugat a domicilio (2-5), conseguindo deste xeito alzarse co título de Primeira División.

O retorno á OK Liga Na tempada do seu regreso á OK Liga, o Cerceda conseguiu clasificarse por primeira vez na súa historia para disputar a Copa do Rei na cidade catalá de Lleida. O equipo de Juan Copa conseguiu a súa clasificación logo dunha boa primeira volta na que finalizou na sétima posición da táboa, conseguindo seis vitorias, cinco empates e catro derrotas para un total de 23 puntos. O Cerceda chegou á última xornada da primeira volta tendo que remontar un gol average de sete goles en contra ao Noia Freixenet, e fíxoo cunha goleada na casa fronte ao C.P. Vilanova (12-1), o que deixou ao equipo de Sant Sadurní d'Anoia fora da competición copeira. O Cerceda debutou na competición copeira o 28 de febreiro fronte ao Club Patí Vic, nun partido moi disputado que se decantou do lado dos de Osona grazas a un solitario gol de Titi Roca na segunda parte, aínda así, Martín Payero tivo a oportunidade de empatar o mesmo a falta de once segundos para a conclusión do partido, mais a bóla estrelouse contra o longueiro, dando o pase a semifinais ao equipo de Vic. Na liga, o Cerceda finalizou na novena posición logo de derrotar na derradeira xornada ao Vilanova (3-10), conseguindo a última praza para disputar a segunda competición continental de hóckey a patíns, a Copa CERS, a costa do histórico Club Patí Voltregà.

O 6 de setembro de 2014 celebrouse o sorteo da primeira rolda da Copa CERS en Lisboa, no que por primeira vez estivo o Patín Cerceda, sendo o quinto concello con menos habitantes de entre os representados na competición. No sorteo, o Cerceda evitou aos conxuntos españois ao non poder emparellarse dous equipos do mesmo país na primeira rolda de competición, os cercedenses foron emparellados co Oliveirense portugués. O debut na segunda competición continental do Patín Cerceda tivo lugar no Pavilhão Dr. Salvador Machado de Oliveira de Azeméis o 18 de outubro de 2014. O debut do cadro galego non foi bo, xa que o equipo luso adiantouse no marcador aos 19 segundos por mediación de Diogo Silva e, aínda que Mantiñán conseguiu reducir distancias pouco antes do descanso, o Oliveirense anotou un novo tanto que deixou o marcador 3-1 no descanso, diferenza que se ampliou na segunda parte para deixar o electrónico no 6-3 definitivo. No partido de volta os lusos dominaron o marcador en todo momento, cun claro 0-3 ao descanso, e a reacción inicial da segunda parte foi neutralizada por Gonçalo Alves (4-1), para concluír o partido con 2-5 no marcador que puña punto e final á primeira andaina europea do Patín Cerceda. Na OK Liga o equipo realizou o mellor inicio da súa historia, conseguindo 13 puntos nas primeiras sete xornadas de competición, o que lle permitiu clasificarse por segundo ano consecutivo para a Copa do Rei que se celebrou en Blanes (Xirona). No partido de cuartos da competición copeira os cercedenses non puideron superar ao Liceo da Coruña e caeron por un contundente 8-1 (5-1 ao descanso) nun partido no que os herculinos xa gañaban 3-0 no minuto seis da primeira metade.